Hoxe, hai exactamente un ano, nacía Disquecool de forma oficial. Atrás quedaban dúas intensas semanas de emails, ideas e disquemeetings que converteron a xa célebre (entre nós) tapa de polbo en Padrón no medio de tendencias made in Galicia que ledes cada día. E parece que foi onte, parece que non pasou apenas tempo e, á vez, polo menos a nós, cústanos lembrar como era a nosa vida antes de Disquecool.
Que foi o máis emocionante, o máis importante, o máis fascinante que nos pasou neste ano? Cada un de nós ten os seus momentos e hoxe queremos compartilos con vós. É o noso pequeno instante egocéntrico que esperamos que perdoedes.
Antes de seguir só queda darvos as grazas a todos e cada un de vós: aos (xa case) 1.600 fans do Facebook, aos (case) 1.200 followers de Twitter, a todos os que nos seguides sen que medien as redes sociais (haberlas haylas), e por suposto aos nosos colaboradores que axudan a que pasiño a pasiño poidamos seguir crecendo.
Isto é o que cada un dos membros do núcleo de Disquecool destaca do primeiro ano:
Ana
Para alguén que aos 16 anos decidiu que ía ser xornalista “para ir gratis a concertos”, o primeiro ano de Disquecool está cheo de momentos memorables, case sempre relacionados coa vertente musical. Lembro a entrevista a Bart Davenport cun cariño incrible, non só por ser a primeira, senón porque Bart é o entrevistado perfecto. E despois todos eses momentos nos que o meu eu xornalista fixo feliz ao meu verdadeiro eu, o fan (ao fin e ao cabo, levo moito máis tempo sendo fan que xornalista): a entrevista a Emmy The Great, a de Xoel López por teléfono (tan nerviosa media hora antes como se tivese unha cita)… e por suposto o gran momento no que no Primavera Sound a longa figura de Jarvis Cocker apareceu ante min e tiven que pedirlle que cubrise unha disqueficha. Tamén me fixo moi feliz coñecer aos artífices de They Shoot Music en Viena e pasar cinco días de felicidade no Sziget de Budapest!
Cris
Hai dúas cousas que me encantan de escribir en Disquecool. A primeira é que me permite compartir co mundo algunhas das miñas filias, o que me apaixona (e que penso, debería apaixonar a todos e cada un de vós). A segunda, que esixe estar ao asexo, cunha actitude alerta en busca do “cool” que fai que descubra cousas ao meu redor que poderían ter pasado inadvertidas ao meu eu pre-disquecool. Neses dous sentidos, podería citar miles de momentos memorables: esa ansia espíando o que Nacho Vegas está a escribir nunha disqueficha, ese pracer de degustar unha crepe deliciosa mentres o entrañable propietario da Creperie de Mar me fala do divino máis que do humano, ese atopar unha xoia fantástica, feita quizais cun ornamento antigo, quizais con papel, e poder achar quen está detrás, ese falar cunha profesora de hortas urbanas sobre a estevia e os cacahuetes e quedar convertida ao momento… Ai, que sería do meu último ano sen Disquecool!
Lucía
Hai moitas cousas que me fixeron inmensamente feliz este ano, a principal descubrir a cantidade de proxectos creativos e innovadores que se desenvolven en Galicia, e sobre todo coñecer ás persoas que se atopan detrás, as súas motivacións, ilusións e inspiracións. Falo, por pór algúns exemplos, da arte en ganchillo de Tía Nuna, dos habitantes da Casa Taller, de Matilde e a súa tenda cósmica, de Bea e as súas tortas, da roupa de Nicanora, dos deseños de Oitenta ou de Nuria e as súas ilustracións. Pero son moitos máis, e os que virán!
Tamén lembro con especial cariño o noso Disquerreto en bicicleta polo Danubio. Unha fan das Lonely Planet coma min sempre aprecia poder escribir de viaxes.
A nosa participación no Culturgal e no Pecha Kucha enmarcado nesta feira, que nos permitiu coñecer en primeira persoa a moitos de vós, tamén son dignos de aparecer ben destacados no meu calendario emocional.
Raquel
É moi complicado escoller un momento memorable, porque pasáronme moitas cousas boas con Disquecool! A primeira vez que me presentaron a alguén como ‘Raquel de Disquecool’ foi moi emocionante. Tamén estar no Culturgal e ver que tanta xente nos coñecía ou se interesaba polo que facíamos. A entrevista a Misery Bear foi un dos textos que máis me divertiu elaborar (non sempre lle podes confesar a un entrevistado que estás namorada del!) e ir ata o Hay Festival en Segovia un dos que me fixo protagonizar o momento máis sorprendente. Nunhas conferencias, un asistente preguntoume se era do Adelantado de Segovia e alucinou cando lle dixen que era dun medio de tendencias galego. El tamén era galego! (E así acabei falando en galego no centro da mesma Segovia!)
Juan
Os días previos ao lanzamento, con mil detalles por pulir, ler as primeiras disquefichas cheas e contemplar nas estatísticas da web o crecemento ao longo do ano incluso en tempo real. Ningún artigo en particular, senón todos para darlle un empurrón ao (meu) galego e sobre todo as mil e unha ideas que imos desenvolver no futuro próximo!
Andrés
Xa repasei varias veces todo o arquivo fotográfico de Disquecool e non son quen de escoller un momento en especial. O certo é que hai varios momentos que foron especiais para min, como a primeira entrevista con Bart Davenport, a viaxe ao Fisahara, o Sinsal, o restaurante Silabario ou o Disquerreto Danubio 2011. Tamén supuxo enfrontarme aos temidos retratos, con experiencias tan agradables como Jane Joyd, a Casa Taller ou Emmy the Great. Pero quizais unha das cousas que mais me gustou deste ano en Disquecool foi o feito en si de formar parte do equipo. Para min supuxo, despois de 4 anos nun xornal e levar un de parón, volver a traballar nun medio, desta vez coa liberdade (e a responsabilidade) de ser o meu propio editor gráfico.
Fotos | Andrés Fraga e Disquecool
Moitas felicidades!
Parabéns!
¡Parabéns!
repito os meus parabéns, ás disquerrapazas e aos disquerrapaces !
Parabéns! a seguir así.
Parabéns! A seguir así de “cools”! :)
PARABÉNS
PARABÉNS
Moitas felicidades! Encántame esta páxina. Ó longo deste ano teño descuberto cousas moi interesantes gracias a vós.