Uns cantos plans para a axenda do mes de maio

Novo mes, nova axenda de cousas que facer! Facemos unha selección con algunhas das citas desde mes de maio en cine, libros ou arte.

Play-Doc

Un clásico dos festivais de cine en Galicia! Este mércores empeza a edición número 18 do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc. Haberá estreas de documentais e catro retrospectivas de obras inéditas en España. A iso hai que sumar unha axenda paralela de mesas online e concertos. Do 4 ao 8 de maio en Tui

Partitura #5

A primeira exposición individual en España da artista portuguesa Luisa Cunha parte dunha premisa moi interesante: unha instalación sonora que replica no interior do espazo expositivo sons que pertencen ao exterior. Estará na Fundación DIDAC, en Santiago, ata o 13 de maio.

Día das Letras Galegas

Este ano o día está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Podes ler os moitos libros que recuperan a este autor (hai uns cantos), ver unha serie documental online que lanzou a Academia galega ou seguir a xira de Tras os vieiros de Florencio, unha produción da compañía Fantoches Baj que aborda a vida e a obra de Delgado Gurriarán.

A presenza invisible

O Museo de Pontevedra acolle esta mostra sobre frascos de perfume art nouveau e art déco. Son máis de 200 frascos de perfumes creados entre 1896 e 1945. Como sempre, entrada libre no museo.

Téxtiles de Artistas

A conexión entre moda e arte vese moi clara nesta exposición, que chega á Fundación Barrié dende o Fashion and Textile Museum de Londres e que fai  un percorrido pola historia da arte do século XX a través de tecidos deseñados por artistas. Na Coruña, ata mediados de xuño e con entrada libre.

Feiras do libro

Sabes que o verán está próximo cando empezan as feiras do libro. Con maio chega a feira do Libro a Santiago, onde estará entre o 1 o 8 de maio, pero este mes tamén haberá feiras en Lugo (17 a 22) e Porriño (26 a 29).

 

Shares