The Cultural Borders of Songs: percorrer o mundo de hit en hit

Mentres escribo isto escoito de fondo Nossas Coisas, do músico angolano C4 Pedro, coa colaboración de Ary. O tema foi en marzo deste ano o máis popular por número de reproducións en YouTube tanto en Angola como en Mozambique.

Decido cambiar de país. Viaxo á Polinesia Francesa. Alí triunfa (ou, polo menos, triunfou en marzo) Pierpoljak, un cantante parisino de reggae, co seu hit Triomphe de l’amour.

En Nepal, a canción Jodi Parewa, do músico BB Anuragee, interpretada por Kalaute, Musi, Biraj e Milan Gandharba leva todas as escoitas. 

Sei todo isto porque levo case unha hora frikeando en The Cultural Borders of Songs, un dos proxectos da web de xornalismo visual e de datos The Pudding (son tamén os que fixeron a Intelixencia Artificial que xulgaba os nosos Spotifys). A idea deste proxecto en particular é amosar que cancións son número 1 en máis de 3000 cidades do mundo. Temos tamen cousas máis próximas, claro. En Vigo, segundo a web —que, como xa dixemos, toma os datos de YouTube—, a canción máis popular de marzo foi o remix de Ella No Es Tuya de Rochy RD, Myke Towers e Nicki Nicole (fago como se soubese de que falo, pero sóanme tanto como o hit nepalí por iso de que xa non saio e non hai OT para presentarme o que escoita a xuventude).

Por Ponferrada e Zamora está de primeira Tú me dejaste de querer, de C. Tangana (esta si! nesta burbulla vivo eu!).

Medio Portugal está tomado por unha canción infantil, O jogo do cadrado, de Panda e os Caricas, con coreografía aeróbica e ritmo digno de provocar taquicardias e cativos hiperhiperhiperactivos. 

Da miña mañá escoitando grandes hits do mundo saco varias conclusións. Primeiro, que neses primeiros postos parece reinar unha sorte de uniformidade global (aínda que con variacións locais). A segunda, que boto en falta Eurovisión. A terceira, que saír da nosa burbulla musical —algo que desde The Pudding din que buscan, aínda que a min a burbulla musical na que se supón que está Vigo non me sone de nada— é sempre interesante e entretido.  

Se queredes viaxar vós tamén, xa sabedes. 

 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *