Unhas cantas series para levar mellor a fin do verán

Setembro é o mes da volta á escola e da fin das vacacións. É a fin do verán, o que crea unha certa sensación de desencanto. Non debería! O outono trae de volta moitas cousas boas, entre elas incluídas o retorno de moitas series. Que podemos ver xa ou poderemos ver en nada? Esta é a nosa selección (polo momento).

The Good Fight

Os capítulos da derradeira tempada empezaron a semana pasada en Movistar +. Nesta redacción somos fans absolutas desta serie e, en especial, de Diane Lockhart, a súa protagonista (interpretada por Christine Baranski). Os avogados protagonistas van moitas veces un paso por diante das noticias, pero sempre moi pegados aos temas do momento, dos que fan análises estupendas. Para ver, amar e recomendar sempre.

Os aneis de poder

Debo confesar que non son fan de J. R. R. Tolkien e que, por tanto, o meu interese por esta serie era bastante limitado. Se a empecei a ver foi simplemente porque ten dobraxe ao galego e iso valeulle como reclamo.  É posible que non a siga vendo –aínda que a dobraxe segue sendo un reclamo importante, penso que é o que máis me gusta do que vin!– porque, como xa sabía, non é o tipo de historias que me interese. Como lle dixen a outra disquerredactora, a min as series acostumáronme a que todo sexa máis rápido e dramático! Pero se es o target, é unha serie recomendada. Está xa en Prime Video.

A súa gran competidora é A casa do dragón, o spin off de Xogo de Tronos. Nesta redacción pensamos que é moito máis aburrida que a serie orixinal, pero aquí estamos vendo capítulo semana a semana. Esta está en HBO Max.

Derry Girls

Por fin!! Netflix traerá a principios de este mes de outubro a derradeira tempada de Derry Girls, que xa se emitiu hai uns meses na televisión británica. Aquí amamos Derry Girls, unha serie sobre adolescentes na Irlanda do Norte dos anos 90, e esperamos pacientemente a súa chegada ás pantallas.

Un asunto privado

Estamos un pouco fartas do Galician noir? Estamos, confesamos. Quere iso dicir que non teñamos expectativas con respecto a esta serie? En absoluto. Como Un asunto privado non ten gardas civís e paisaxes bretemosas aceptamos trama de asasinato en Galicia. A serie de Prime Video (estrea este venres) mostra unha investigación dunha detective amateur no Vigo dos anos 40. Esperamos trama ao Agatha Christie e roupa impresionante para ver comodamente tapadas coa mantiña no sofá.

Apagón

A apocalipse é a miña confort food televisiva, así que levo esperando pacientemente a que Movistar+ lance Apagón, a súa serie sobre a fin do mundo (máis ou menos). Unha tormenta solar deixa a tecnoloxía fóra de xogo. Cinco historias que acontecen en España seguen a reacción ao día despois. Sumade, por favor, á lista de series apocalípticas Tales of The Walking Dead, que chega nuns días ao novo servizo de streaming AMC+, un spin off máis de The Walking Dead.

Foto | Movistar 

Shares