Roade, unha nova proposta de moda sostible e de proximidade

Esta historia comezou pensando no que agardaba no seu armario. «Eu veño do mundo do marketing dixital e empecei a cuestionar os meus hábitos de consumo», explica María Roade, a fundadora da marca de moda sostible Roade. Preguntouse polas cousas que ela axuda a vender e polas que ela mesma compraba, esas que acumulaba no fondo do armario. De todas esas preguntas xurdiu primeiro unha cooperativa, a que está detrás de Fieito, unha tenda online que vende produtos sostibles, e logo unha marca de moda. «Foi a evolución de Fieito», confesa a súa fundadora. Roade quería facer dende Galicia «a nosa marca soñada».

Traballar no mundo da moda tampouco é casual. «Coñezo a historia e a bagaxe do téxtil en Galicia», sinala María Roade. Aínda que ás veces, dende fóra, tendamos a pensar que a industria da moda galega é algo que emerxe con Inditex, a realidade é moito máis diversa e ampla. Engade Roade cando lle comento iso que empezou moito antes e que existían moitas fábricas e talleres que producían moitas máis cousas. Esa infraestrutura é a que se foi perdendo nos últimos tempos no marco da deslocación. «Quedan fábricas en pé», suma, e esas son as que son a base para apostar pola moda feita en Galicia, un «apoiar a que eses produtores sobrevivan».

Roade, moda sostible

Roade, como marca de moda, busca ser así algo de proximidade e sostible, en todos os sentidos da palabra. As prendas son fabricadas nun radio duns 50 quilómetros, explica a súa fundadora, e usando materiais con selos e certificacións que aseguren unha procedencia limpa para o planeta e respectuosa cos dereitos das persoas que están detrás desas materias primas. Para a primeira colección, a que está agora en venta, usaron algodón orgánico e liño europeo. O liño, apunta a súa fundadora, é un material con moitos beneficios, un tecido que «funciona moi ben no verán». A pegada do seu cultivo é mínima e ademais axuda coas temperaturas do verán e ata cos raios de sol.

Esta colección de verán irá acompañada por unha de inverno na que xa están traballando e que tamén incluirá complementos (como gorros ou bufandas). Pensan traballar con dúas coleccións ao ano, porque iso é o que marca o tempo, apunta Roade. Con todo, cre que a clave está en facer prendas atemporais, que se poidan usar en calquera momento.

Roade, moda sostible

Cada colección terá unha temática diferente. A primeira —que inclúe vestidos, pantalóns, saias ou tops— está inspirada no universo mariñeiro, unha conexión coas orixes xeográficas de María Roade, que é de Baiona. Así, fai, por exemplo, referencias ás redes de pesca. «A idea é que cada colección teña o seu propio universo», apunta, «que cada colección sexa única e teña un significado». E transversal en todo isto está a inspiración que Roade extrae das prendas dos anos 60 e 70, as que atopaba remexendo no armario da súa nai cando cativa e as que agora busca en tendas de segunda man.

Agora mesmo, as prendas de Roade están á venda na propia web da marca e en Fieito. María Roade explica que esperan chegar a algunha tenda física e marketplaces no futuro.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *