Margot Sponer, investigadora na Galicia de 1926

Na exposición que conmemora o centenario de Nós, e que estará aberta ao público ata mediados deste mes na Cidade da Cultura en Santiago, aparecen moi poucos nomes de mulleres, porque poucas foron as mulleres que publicaron na revista que da nome á xeración. No panel que lles dedican aparecen eses limitados nomes e, entre eles, chama a atención –polo exotismo que lle acabamos dando a todo o que sona a estranxeiro…–  o nome de Margot Sponer. Sponer publicou un texto na revista e foi mencionada un par de veces na mesma.

En 1926, Margot Sponer chegou a Galicia. Sponer era unha doutoranda da universidade de Berlín, filóloga que tiña xa varias conexión co universo filolóxico hispánico e catalán. O seu obxectivo a cumprir nos meses que ía pasar en Galicia era o de estudiar en profundidade o galego contemporáneo, ao que lle ía dedicar a súa tese doutoral. Os xornais da época recollen –como se pode descubrir facendo o simple exercicio de buscar o seu nome en Galiciana– a súa presencia na comunidade.

Era a “cultísima e distinguida señorita Margot Sponer”, como a describen nun deses textos. En realidade, era unha máis dos investigadores e especialistas que percorrían Galicia naqueles anos con diversos obxectivos. Un artigo nese mesmo ano de La Voz de Galicia fala xustamente diso, das visitas deses múltiples investigadores. No seu listado aparecen tamén varias investigadoras: miss Goddard King, Miss Francis Bacon “consagrada ao estudo da música popular e dos gremios de Galicia” ou Isobel Munro, “de Oxford, que estudia a prehistoria e os primeiros tempos da dominación romana en Galicia”. Sponer é especial non só porque aparecera asinando na revista Nós, senón tamén porque do traballo que realizou en Galicia saíu a que é, case seguro, a primeira tese de doutoramento presentada nunha universidade sobre a lingua galega. (E que non foi sobre o galego contemporáneo, por certo, senón sobre o medieval).

Da vida de Margot Sponer sábese pouco, pero o que se sabe fai que a súa figura resulte aínda máis fascinante. Antón Figueroa recompilou datos de prensa, cartas de arquivos e recordos de persoas do entorno da filóloga para intentar perfilar a súa biografía. Aínda que o breve libro, publicado hai uns anos por Laiovento (Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia), semella ás veces máis unha exploración do seu contexto que unha biografía como tal, o investigador axuda a imaxinar como podía ser Sponer.

Nacida en 1898 (unha das súas irmás sería a física Hertha Sponer) no que daquela era Prusia, o seu pai tiña un negocio de papelería en Zittau, a onde se mudaron cando tiña 9 anos. Sabemos que se graduou na Universidade de Berlín porque, como apunta Figueroa, é o que repiten os medios galegos do momento cando recollen a súa presencia en Galicia.

Sponer traballará na súa tese dende mediados dos anos 20 ata 1935, cando a presenta. Durante ese período tamén traballará no departamento de español na universidade berlinesa. A súa vida remata en 1945, cando, poucos días antes da caída de Berlín, foi asasinada pola Gestapo. Todo apunta a que Sponer era parte dos movementos de oposición ao réxime nazi, aínda que moi pouco é o que as investigacións (Figueroa remite ao traballo sobre o tema que fixo a biógrafa da súa irmá) lograron poñer en firme.

Pero volvendo aos anos 20, Margot Sponer chegou a Galicia posiblemente cara a fin do verán tendo en conta o que din os breves dos xornais. A primeira mención que se pode atopar en Galiciana buscando o seu nome é no xornal El Progreso, no mes de outubro, que conta que “estivo estes días en Santiago” tras traballar antes noutros lugares. Primeiro, Sponer copiou “moitos antigos documentos no arquivo histórico nacional” (en Madrid, asumo). Logo, viaxou a Galicia, para tamén copiar documentos antigos nos arquivos e logo percorrer a comunidade.

Segundo contan en El Progreso, Sponer percorreu a provincia de Lugo a cabalo para recompilar datos sobre como falaba a xente. Tamén, grazas a este diario, sabemos que é “moi nova, case unha nena” (en realidade, tiña 28 anos, pero #xornalistasdopasado) e que dedicaba cada día 12 horas ao seu traballo “sen un leve descanso”. Nunha carta no boletín da Real Academia Galega dese ano, Sponer comenta que percorreu Ourense, A Coruña, Santiago e Pontevedra, onde atopou “a acollida máis amable en cantos centros ou entidades oficiais ou particulares visitei”.

Sponer quería capturar como era a lingua falada, o idioma no momento no que estaba, e para iso percorría os lugares que visitaba poñendo a orella e intentando manter unha conversación coas persoas coas que se cruzaba. As súas primeiras impresións filolóxicas sobre o galego dos anos 20 obtidas grazas a eses métodos aparecen na revista Nós.

Pero como traballaba exactamente a investigadora e como conseguía analizar a lingua viva? “Margot percorría estes diversos países como podía, ás veces dacabalo dun burro cando se trataba de rexións remotas como os confíns de España ou Portugal”, escribiría anos despois un dos seus amigos nas súas memorias, como recolle Antón Figueroa no seu libro. “Ás veces acompañábana os párrocos locais. Dirixíase no seu dialecto local aos paisanos que encontraba no camiño, designáballes unha serie de obxectos familiares e preguntáballes: ‘Como chamades isto?’”, engade.

Ela mesma conta que chegou a pretender ser unha “operadora de películas cinematográfica” usando a súa cámara que estaba gravando imaxes para levar a Bos Aires

As notas da experiencia galega –e a testemuña da xente que se cruzou con ela…– serían seguramente unha moi interesante lectura. Non existe diario deste momento ou cartas que conten o que viviu mentres visitaba Galicia. O seu biógrafo non localizou ese tipo de textos (e non parece que sexa algo moi sinxelo que suceda nun futuro hipotético por como e en que contexto rematou a vida da filóloga). O que si existe –localiceino buscando na hemeroteca de La Voz de Galicia– é un artigo da época escrito en primeira persoa. En novembro de 1926, Sponer publicou nese xornal unha crónica do que viviu nas súas viaxes por Galicia buscando os cambios e os matices da lingua.

Sponer explica que en non poucas ocasións tivo problemas para que lle falasen en galego. “Hei de notar que en moitas ocasións foime difícil alcanzar o que era o meu vehemente desexo: que me falasen no verdadeiro linguaxe galego e non en castelán“. A investigadora sinala que a xente facía o esforzo de cambiar de lingua cando falaban con ela porque sentían que estaban “obrigadas a cambiar de lingua cando conversan con persoas de mellor condición social ou de maior cultura”.

Por iso, Sponer usaba “toda a miña hábil diplomacia e perseveranza” para reconducir a conversación cara o galego e tamén unha serie de trucos. Ela mesma conta que chegou a pretender ser unha “operadora de películas cinematográfica” usando a súa cámara que estaba gravando imaxes para levar a Bos Aires. Outras directamente explicaba á xente que estaba estudando o “galego moderno” e con iso xa arrincaba conversacións.

O difícil non foi estudiar a lingua, deixa claro Sponer, senón chegar aos lugares aos que tiña que ir para facelo. Así, foi a pé a sitios (facendo “quilómetros”) ou aproveitou que pasaban camións que “marchaban ao traballo”.

Tamén viaxou en tren, sentada en terceira clase para poder escoitar as conversacións da xente e os xiros coloquiais da lingua, e a visitar feiras (“tan características da rexión”), que lle ofrecían “boas ocasións de estudio”. Nunha desas feiras, en Triacastela, unha muller coa que iniciou conversación deixouna un momento tras dicirlle “gárdame un pouco a cocha” co animal mentres os compradores que pasaban lle preguntaban polo prezo.  Por ter ata tivo unha proposta matrimonial: o fillo de 20 anos dunha das pensións nas que parou “non comprendendo a razón da miña estancia en Galicia” pediulle “de amores” e así ela “non tería que traballar máis no cine”.

Fotografías | Retrato de Margot Sponer, Academia Galega | Postais da época de Ourense e A Coruña, Galiciana 

Shares

8 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *