Abrir unha libraría nunha parroquia de 192 habitantes? Pode que hai quen estea pensando no plan de negocio que pode ter a idea. Pode que hai quen, coma nós, o primeiro que pense é que é o perfecto comezo para unha peli de tarde –ou unha novela feel good– que veríamos con entusiasmo.
Ser é unha idea real, a da Libraría da Proencia, que abriu –polo momento só online– as súas portas na parroquia lucense de Proendos.
«A tope coas pelis de tarde! Escribo isto namentres a miña avoa e a miña nai repousan o traballo e xantar do día dos chourizos amodorradas no sofá cun deses filmes», responde con humor Paula Vázquez, a fundadora da Libraría de Proencia, ao outro lado do correo electrónico. Vázquez é quen está detrás desta idea e quen está traballando para poñer en marcha esta libraría rural. A ela foi a quen lle preguntamos por de onde vén a idea e cara onde vai o futuro da libraría.
Preguntar sobre por que montar unha libraría nun lugar con tan poucos habitantes parece case o lugar común obrigado. «Por que non?», rebate Vázquez. «Pois porque o mundo tornou, á vez, grande e pequeno. Dende os lugares considerados rurais –xa non sei cal é a fronteira rural-urbano en gran parte da Galiza con gran nivel de desorde territorial– pódese estar conectadas con todo o mundo», engade. A propia Proendos é un punto de turismo no verán, o que amplía o potencial público lector ao que chegará a libraría, aínda que a súa fundadora deixa claro que o proxecto está «desenvolvéndose enraizado na parroquia e conta coa súa primeira clientela entre xente de Sober e busca especificamente atender as demandas da poboación de aquí, non só de turistas».
De feito, o interese da xente da zona pola idea é elevado. «A libraría ten a súa primeira clientela entre xente da parroquia e de Sober, así que está tendo boa acollida, alén de que a xente da parroquia promociona moitísimo a iniciativa. Hai curiosidade tamén por ver cando estará o local preparado, mesmo chegou xente preguntando pola libraría, así que xa sinto a presión de avanzar», conta a súa fundadora.
Unha libraría online e unha libraría física
Agora mesmo, A Libraría da Proencia opera na rede. Os libros e os demais produtos que se poderán atopar no establecemento están xa na versión web da libraría, accesibles a quen queira compralos sen que estean ou non na parroquia. A idea é a de ter tamén un espazo físico.
Cando abrirá esa libraría tanxible? «Se puidera, xa mesmo!», explica Paula Vázquez. «Estamos na fase de adquisición do inmoble e a súa rehabilitación e conversión en libraría dependerá do acceso a axudas e financiación», explica.
«A miña intención é abrir dalgún xeito xa este verán; se non pode ser abrir a libraría física, si pedir permisos para celebración de eventos e pequenas feiras de artesanía na súa contorna», suma. O espazo é unha das casas que están agora pechadas na parroquia, que se converterá así nunha libraría, nun espazo de venta de olaría pero tamén un punto «onde ofrecer visitas guiadas tanto por Proendos como pola zona de Sober».
«Falando con Julia, a bibliotecaria de Sober, da biblioteca pública, que, por certo, volveu acadar o Premio María Moliner, comentou que o que faltaba en Sober era unha libraría, que por que non pensaba mellor niso, con papelería bonita e cousas para a época turística…», apunta Paula Vázquez. «Esa foi a isca que prendeu o lume, que se avivou coas achegas de Samanta, muller tamén de Sober que creou un negocio dixital de asesoramento ao emprendemento feminino, e de Sonia, a fantástica ilustradora que realizou o logo e deseños que queremos converter en bolsas de tea desas cool», engade.