Todo comezou coa rat era. Nun dos meus grupos de amizades, composto por xornalistas freelance, varias estabamos a pasar por unha época complicada de ingresos. Para quen non saiba como é a dinámica para unha xornalista autónoma, o resumo é o seguinte: é complicado. Tes épocas nas que se te amorean as peticións de clientes (artigos, xestión de redes sociais, elaboración de memorias e organización de eventos) e outras nas que a duras penas das cuberto os gastos mínimos. Pois ben, varias compañeiras tiñamos unha destas últimas, nas que escribimos a todos os nosos contactos cunha única misión: precisamos colaboracións para ser mulleres que facturan. Ata que non as conseguísemos, ao cinema só iamos se había un abono. Facendo un exceso, se acaso termas pero nunca spa. Nin falar de viaxar. O noso plan habitual de almorzos/comidas/ceas fóra da casa debía minguar ou cambiar de destinos: mellor un prato de pasta que cociña moderna e mellor un bocadillo que un prato de pasta.
Chegamos a volver ao Cien montaditos. Nós, unhas señoras de (case) 40 anos.
Foi así como entramos na nosa rat era. Si, rat de rata e de ratearmos gastos. E era das eras de Taylor Swift. Porque ata a nós, señoras de (case) 40 anos, nos chegou a moda de chamar ás túas épocas existenciais como eras. Á fin vese o obxectivo deste artigo, que non, non era contar a miña situación vital senón falar da influencia da cultura pop na fala a través desta tendencia.
Se nunca escoitastes falar das eras dunha persoa, unha introdución. A Real Academia Galega aporta dúas definicións de era: «período de tempo que se caracteriza pola aparición dunha nova orde de cousas e que xeralmente comeza a partir dun suceso importante» ou «cada unha das grandes divisións da historia xeolóxica da Terra». Habitualmente, esa nova orde de cousas e ese suceso importante aplican a grandes logros para o conxunto da humanidade: era cristiá, era Rexencia, era espacial. Pero tamén á nosa vida cotiá: cantos finais de relacións, cambios de cidade ou outros eventos vitais supuxeron a fin dunha era. Agora, enter Taylor Swift.
Non é casualidade que a última gran diva do pop nomease a súa multimillonaria xira como The Eras Tour. Hai xa anos que o seu fandom comezou a dividir os seus cambios nos seus estilos musicais por eras, segundo o nome do disco que sacase. A máis coñecida —a que transcendeu o público da artista para chegar ás redes e, con elas, a todo internet e á vida cotiá— é a Reputation era: unha ruptura e reinvención musical e física que serve para nomear a fase de cortar o pelo e deixar todo atrás que todas experimentamos algunha vez, aínda que con menor éxito económico.
No meu grupo de amizades/autónomas/soportevital non somos swifties irredentas. Polo menos, non as dúas que comezamos co alcume. Polo tanto, se o seu uso chegou a nós, é que está en todas partes (enténdase «todas partes» como «por todo o internet» ou, como foi o caso, nun programa como Operación Triunfo, de audiencia transversal, mestura de Z, millennial e boomers que empregan Prime). O uso de eras é tan habitual que, en Estados Unidos, varias accións promocionais de 2023 tiveron a palabra era no seu slogan, como lembran en The Ringer.
«É unha forma de apropiarse da propia historia, incluso (especialmente) das partes complicadas»
Por que este éxito de falar das eras nas fases vitais das persoas? A resposta pode estar nesa mestura de individualidade, sentirse especial e rirse dunha mesma que potencian as redes sociais. «É unha forma de apropiarse da propia historia, incluso (especialmente) das partes complicadas. Bates a porta nun capítulo da túa vida e avanzas enfaticamente ao seguinte. Decides que unha era comezou», escribía en 2022 Jessica M. Goldstein para The Washington Post. O punto central é «a xustaposición entre a grandiosidade da linguaxe e a mundanidade da vida»: teatralizamos o noso devir para a nosa audiencia. Goldstein cita outra reporteira, Rebecca Jennings, do medio online Vox (o Vox bo), para afirmar que «a hipérbole é a forma natural de falar no internet». Isto é, se xa cando falamos da nosa propia experiencia tendemos ao drama, porque nada é comparable ao que unha mesma viviu, na nosa expresión online elevámolo a unha nova potencia. Ademais, o referirse a eras parece unha forma de control de danos. É algo con comezo e final. Rímonos desta época, doémonos dela magnificándoa ou publicitándoa, sabendo que é transitoria, como o é todo no internet no que habitan as identidades híbridas de hoxe en día. Esa distancia emocional entre vivir algo e darlle nome a ese algo é, igual, unha das vantaxes de vivir en eras. Harron Walker cita nunha columna en W Magazine á poeta Rachel Rabbit White, que resume moi ben este mecanismo: «hai que estetizar a túa vida para que sexa tolerable».
As eras non son propiedade exclusiva de Swift: como apuntan estes artigos, xa existían antes como parte das identidades online, desde onde transitan ata a realidade nunha viaxe de ida e volta. Primeiro contamos a nosa experiencia en internet, agora adoptamos esa expresión na vida real. Unha das versións máis antigas é a flop era, que se refire a un período de decadencia na carreira dunha artista de éxito, xeralmente dunha muller. Walker resume algún dos casos: a era post-Glitter de Mariah Carey, Christina Aguilera desde 2010 e Katy Perry desde 2017 e, a súa favorita, Cher na súa actuación cos Jackson 5, cando estaba a se separar de Sonny e nos anos seguintes (eu non a vexo tan terrible). Se alguén sabe de superar flop eras, é Cher, unha das divas pop con máis renacementos na súa carreira.
Malia que parece claro que a popularización de eras non é obra e gracia unicamente de Taylor Swift, é interesante comparar buscas coa palabra era nas tendencias de Google para entender o pulo que lle deu. Se ben o termo «era» ten unha evolución máis ou menos constante, cando se trata de «eras», en plural, pódese ver ben o efecto do anuncio da xira de Swift: cando se revelou o nome, en novembro de 2022, houbo un incremento das buscas, que foi crecendo de forma significativa desde que comezase propiamente o tour. Outros termos similares, como «en mi era», «in my era» ou «flop era», pese a manter un nivel moi baixo en comparación cos outros, experimentan unha lixeira repunta nos últimos dous anos, da man de internet e de Swift. Cando se buscan termos relacionados con era en Know your meme, o portal que analiza a orixe dos memes, certifica tanto a anterioridade de flop era (cunha primeira mención en 2008) como a relativa modernidade doutras variacións, como cunt era ou corporate villain era, procedentes de 2022: o mesmo ano do anuncio da xira de Swift, aínda que posiblemente xa anteriores.
«Hai que estetizar a túa vida para que sexa tolerable»
Os artigos tamén coinciden en que TikTok ten gran relevancia na popularización do falar de eras persoais. The Ringer sinalaba que, en decembro de 2023, a tendencia «my eras» tiña máis de 516 millóns de visualizacións e o hashtag #eras, un alcance de arredor de 44.500 millóns, un dato que, como son millennial tirando a vella e TikTok non é o meu espazo nativo, non actualicei. Aquí se fixeron masivos usos como a Fleabag era, a Little Women era ou, incluso, a My Year of Rest and Relaxation era; eras, por certo, que poden relacionarse co feminismo disociativo, esa tendencia da que falaba Emmeline Clein e que remite a mulleres que adoptan unha postura vital mestura de desenfreo e distancia da propia experiencia. Podería postularse, incluso, se son as eras unha moda en feminino. É certo que se ven homes reclamando as súas eras (eu coñecín o termo por un home), pero en liñas xerais parece un termo máis empregado en relación a mulleres ou por mulleres: basta buscar en Instagram ou Tiktok ou remitir a algunhas das tendencias citadas. No meu grupo, polo menos, somos todas mulleres as que estabamos na rat era, aínda que como mostra sexa algo reducida.
«Coma se fósemos unha personaxe principal, definirse por unha era é outra forma de dar sentido á túa vida en internet», razoa Elena Cavender en Mashable. «Segmentando as nosas vidas en eras, creamos unha narración coherente, cun principio e un final. Estar fóra dunha época e entrar noutra é un marcador de crecemento e resiliencia». Cando falamos da nosa rat era, ademais de crear un discurso conxunto (mal de moitas, consolo popular; o mesmo efecto que cando nos adscribimos a unha villain era ou little women era), danos a esperanza de que é algo temporal. Tamén crea unha certa distancia entre o que estamos a vivir, a ansiedade dunha época incerta e dun futuro non asegurado, e como o vivimos. Estamos mal, pero é unha era. Pasará e entraremos noutras eras máis exitosas.
E para as millennials que somos, pensar que as eras futuras tampouco serán infinitas da esa mestura de invocar a mala fortuna e a necesidade de estar preparadas para o peor (porque como millennials sabemos que non hai dúas crises sen tres, así que esperamos a cuarta ríndonos do presente e do porvir). Hai tamén, como todo en internet, unha parte de performance, da estetización da que fala Rabbit White, pero compartida con esa realidade que buscamos desdramatizar.
Por certo, para que non quede esa preocupación, o meu grupo de amizades está entrando na súa Renaissence era, aínda que dicilo teña moito de manifestar ao universo. Pero diso falaremos noutro momento.
Ilustración | Rato en dominio público, vía RawPixel
f1fzgs
7qhqes
9zi5xk
tmr4qw
ndhzv4