5 xeados para sobrevivir á calor deste verán

O verán dá unha escusa perfecta para comer máis xeados –aínda que ben sabemos que comer, comer ben o podes facer todo o ano– e as altas temperaturas destas últimas semanas están facendo que sexan algo aínda máis desexable. Velaquí van unhas cantas recomendacións xeadas para o verán.

Helada Madrina, Vigo

Xa non están na rúa Rosalía de Castro –marcharon para o entorno Vialia– pero cando estaban nesa parte do centro eran o meu lugar favorito para facerme cun xeado no centro de Vigo. Teñen ese toque de xeados artesanais de xeadería de sempre (fan eles os seus xeados), sumando unha ampla variedade de sabores entre os que sempre hai algo sorprendente. Na Vía Norte, 4.

Pink Albatross

Que fago eu, unha persoa que bebe leite enteiro de vaca (o resto, mal) recomendando un xeado vegano? Non é que me estea dando un ataque, non, é máis ben unha especie de mostra extra de garantía. Pink Albatross é unha marca nova de xeados que non empregan leite, pero aínda así conseguen un resultado cremoso similar ao dun xeado que si o leva. E, en concreto, a súa proposta de chocolate está moi, moi rica. En Galicia, véndese nalgunhas tendas especializadas e nalgún supermercado. Tedes onde na súa web.

La Fiorentina, Cangas

Na lista de cousas cool que ver en Cangas,  tamén poderíamos meter La Fiorentina, unha xeladería desas de toda a vida. A min recomendouma unha canguesa e a verdade é que foi unha gran recomendación, como descubrín probando e recuncando en máis dunha ocasión. Xeados de toda a vida con sabores estupendos, na praza das Pontes.

Bico de Xeado

Cando empezamos Disquecool sempre me insistían «cadeas NON». E vale que nada hai tan pouco hipster-friendly que as cadeas, pero ás veces tamén teñen cousas interesantes. Digo todo iso porque Bico de Xeado ten xa alcance de cadea (teñen xa tendas e puntos de ventas por moitos lugares, fóra de Galicia incluído), pero os seus xeados están moi ricos. Detrás está una cooperativa agraria de Bergondo.

Carrito dos xeados, Santiago

Aquí pódeme a nostalxia santiaguesa, pero na miña memoria gustativa os mellores xeados son os cucuruchos que venden os carritos da zona vella de Santiago. O barquillo bo sempre me pareceu un pouco meh, confeso, así que sempre pido o xeado pequeno co seu cucurucho un pouco máis cutre (para min, o mellor) e é moi momento madalena de Proust. Cada ano vivo cun pouco de temor a que a turistificación os expulse (o verán pasado tiveron problemas), pero polo de agora permanecen.

Fotos | Bico de Xeado, Pink Albatross, Pexels/Karol D

Shares