As bonecas Bratz son a nova icona de estilo en moda (de verdade)

Segundo a idade que teñades, a vosa relación coas bonecas Bratz será diferente. Se es da parte más vella da xeración X ou da máis nova dos millennials, as Bratz serán unha icona da infancia, un deses xoguetes de moda que lembras e que no seu momento desexabas. Eu son millennial vella (si, das millennials xeriátricas que se puxeron de moda hai uns meses) e non xoguei con bonecas Bratz, pero lémbroas perfectamente porque teño unha irmá millennial nova que as pedía con entusiasmo aos Reis Magos. A miña nai –e esta referencia seguro que lle funciona a quen sexa máis vello que estas demografías mencionadas– definíaas como “esas bonecas cabezonas”.

As Bratz foron as bonecas que lle deron o golpe definitivo costa abaixo á Barbie de Mattel (dúas décadas despois, Barbie reviviu), porque mentres Barbie seguía sendo a mesma boneca loura de 1960 as Bratz eran puro 2000. Era unha colección de varias bonecas, de aspecto diverso en termos de procedencia (todas seguían sendo delgadas, por moito que as súas medidas –tiñan uns cabezóns– non fosen en consonancia coa natureza) e con personalidades propias.

Tamén eran fieis seguidoras da moda: as Bratz vestían como calquera estrela do pop do momento, con esas roupas horribles de finais dos 90 primeiros do 2000 que pensamos que xamais iamos volver ver pero que agora son a última colección de Bershka. A súa popularidade foi brutal. Eran as bonecas de moda e tiñan unha industria de produtos derivados (tiñan as súas propias películas! e merchandising, claro) ben sostida.

As Bratz foron as bonecas favoritas das nenas de principios do século, pero non lograron ter vida máis alá dese momento de fama. Non sei cando deixaron de estar pasadas de moda, a verdade, pero diría que por 2008 xa perderan tirón.

Iso foi, por suposto, ata agora. Non só as Bratz entraron xa no universo das nostalxias xeracionais, senón que ademais están volvendo como elemento de inspiración. As bonecas celebran este ano o seu 20 aniversario: MGA Entertainment, a compañía que as fabrica, lanzou unha colección especial conmemorativa.

Pero, e é polo que estamos falando delas, as Bratz están volvendo como icona de estilo. A xente quere vestir como o facían elas.  A ascensión das Bratz a musas da moda do 2021 está marcada por dúas liñas de acción, como sinalan en Refinery 29, o medio que acaba de confirmar a tendencia.

Por unha parte, están as redes sociais. Aquí, posiblemente, xogou moito o tema da nostalxia, ese elemento que leva marcando como consumimos durante as últimas dúas décadas. Primeiro en Instagram e logo en TikTok púxose de moda o #BratzChallenge, un reto de maquillaxe e moda no que os participantes logran transformarse nunha versión da súa boneca favorita. Basicamente, consiste en vestir e poñer maquillaxe como a boneca que usas de referencia. E si, a idea é un xogo, pero a súa popularidade é brutal e as fronteiras entre o curioso e as tendencias de moda en internet son así de finas.

Por outro lado, o pico de interese polas Bratz e os seus looks coincide co retorno das modas da súa época. Este verán entrei nun Bershka e quedei abraiada: toda a colección era como unha selección de grandes hits da moda do cambio de século. Esa época está de moda e todos eses looks están volvendo.

A iso hai que sumar, volvendo ao que din en Refinery 29, que os deseñadores emerxentes de agora son, xustamente, as persoas que xogaban coas Bratz no seu momento de gloria. A fundadora de Cult Gaia, Jasmin Larian, unha desas marcas que visten as artistas/influencers famosas do momento, recoñece directamente que a estética das bonecas Bratz, coas que xogou de cativa, son unha das súas fontes de inspiración.

Foto | A edición 20 aniversario das bonecas

Shares

10 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *