Vestir Épocas: cen anos de historia da moda

Na lista de cousas que a pandemia cambiou nas nosas vidas e nos efectos directos que tivo no que podemos ou non facer, perder un par de exposicións parece case unha trapallada, algo moi pouco relevante. E, sen embargo, para min é unha desas cousas que funcionan como gota que fai desbordar o vaso. Quedei sen ir a unhas cantas, aínda que polo menos puiden visitar Vestir Épocas, 1860-1960. A Colección González-Moro, no Museo de Belas Artes da Coruña, cando volveron a abrir á mobilidade a maioría de Galicia. O museo ampliou a mostra ata o próximo 4 de abril 30 de maio, así que aínda pode ser visitada.

Vestir Épocas non é unha historia da moda en Galicia exactamente, aínda que moitas das pezas mostradas si foron vestidas por persoas galegas e en Galicia. A mostra sobre a historia da moda en Galicia foi, ao final, Con fío en Galicia, que estivo hai uns anos na Cidade da Cultura de Galicia (e que, de verdade, entón pensei –e sigo pensando o mesmo agora– que ben podería ter sido un primeiro paso para contar con algo máis permanente sobre a historia da moda: os museos de moda son importantes). Vestir Épocas é unha mostra seleccionada de pezas da colección de moda e indumentaria de Ana González-Moro, unha muller da Coruña que reuniu unha potente colección de pezas de roupa dos últimos dous séculos.

A colección González-Moro vai dende mediados do século XIX a mediados do XX, dotada por bens herdados, doazóns e regalos de pezas realizados por amizades da propietaria. Como explican na propia presentación da exposición que fan na web do museo son pezas “que aparecen vinculadas ás formas e gusto de vestir en Galicia nas distintas épocas que abarca o legado”. Algunhas das pezas xa se viron nutras exposicións (como a xa mencionada na Cidade da Cultura), pero a maioría son nunca vistas de forma pública.

As pezas están dispostas polas salas do museo, empezando na sala de exposicións temporais nas que se pode ver a base sobre a que se asentaba o vestiario e seguindo logo un percorrido temporal. A medida que se van subindo os diferentes pisos do museo vai tamén avanzando o calendario: na fin da exposición están as pezas dos anos 20 a 60. Este percorrido cronolóxico permite apreciar mellor como cambiou a moda.

Sobre o comezo, hai que dicir que é moi interesante poder ver pezas de roupa interior, que non son habituais neste tipo de mostras (algúns museos fan algunhas exposicións temáticas, como a de lencería que houbo hai uns anos no Victoria&Albert, moi recomendable) e que son tamén moi importantes para comprender a moda e o seu impacto na vida das persoas que visten.

Así, poden verse bragas decimonónicas, corsés ou camisóns, así como uns cantos exemplos de roupa de baño de principios do século XX.

A exposición inclúe tamén unhas mostras de uniformes que vestían os profesionais do servizo doméstico, pezas igualmente pouco presentes nas mostras de historia da moda e que resultan por iso dobremente interesantes. Así, pódense ver ou o uniforme dunha gobernanta ou do mordomo que traballaban nas casas de familias da Coruña.

Fotos | Disquecool

Shares