A historia da moda é unha parte da historia da vida cotiá que queda moitas veces esquecida ou que é mirada con certo desdén, como unha sorte de cousa superficial ou pouco relevante fronte a moitos outros aspectos que teñen un impacto que parece moito máis directo. Sen embargo, o como vestimos non só di moito sobre como somos e como se organiza a sociedade senón que permite tamén comprender moitas cousas sobre os cambios históricos. E se a roupa é esquecida moitas veces, a roupa interior é aínda máis borrada. Ao fin e ao cabo, a quen lle importan os tipos de calzóns que levaban os nosos tataravós?
A historia da roupa interior é por tanto dobremente fascinante. Por un lado, é un terreo no que queda moitísimo por contar. Por outro, é un que permite ver moito máis como cambian as sociedades e como eses cambios afectan aos individuos que viven nelas. Unha exposición no museo londinense Victoria&Albert recolle xustamente este elemento e fai un percorrido pola evolución da roupa interior nos últimos séculos. E desa historia da roupa interior na idade moderna poden extraerse unhas certas conclusións fascinantes. A exposición estará aberta ata o próximo mes de marzo e ben merece ser visitada se se fai unha escapada á capital británica.
1. A roupa interior feminina era traballo de homes
Homes eran os encargados de fabricar corsés para as mulleres (a peza clave da roupa interior feminina durante moito tempo) e ata a década dos 80 do século XVIII non comezou a cambiar a tendencia. As mulleres comezaron a converterse en corseteiras entón e a súa irrupción no mercado tivo un impacto directo en como eran os corsés e en como eran fabricados. Cando as mulleres empezaron a traballar nese terreo, o peso dos corsés empezou a baixar. Antes pesaban máis dun quilo! As presenza das mulleres nese mercado continuou durante os seguintes anos e durante o século XIX poden atoparse nomes de muller entre os deseñadores/fabricantes máis innovadores de corsés.
2. O do corsé non era só para estar máis delgada
Era unha cuestión moral. As mulleres que non levaban corsé eran unhas desvergonzadas (e iso que ata o XIX o habitual era ir en plan comando… e non empezaron a vestir algo embaixo – non bragas, senón unha sorte de pololos – ata a década de 1810, cando os vestidos tan lixeiros e que quedaban pegados ao corpo o fixeron necesario). O corsé non só oprimía, facía difícil respirar (e ata comer!) e limitaba os movementos, tamén era moitas veces imposible de quitar ou poñer sen axuda. Na exposición case todos os corsés se abrían por detrás e o certo é que os corchetes por diante foron unha innovación avanzado o XIX (cando, paralelamente, a muller empeza a incorporarse máis en masa ao mercado laboral, benvida nova muller!) O primeiro corsé con apertura por diante foi inventado no 1829, pero a comercialización non empezaría ata os 50.
O efecto do corsé no corpo é evidente. A media en Reino Unido de tamaño de cintura no 1890 era de 48 centímetros. Hoxe é de 71.
3. Os homes tamén levaban corsé
Efectivamente, eles tamén usaban esa prenda infernal. Non era para marcar cintura, aínda que si para crear a ilusión óptica de que estaban máis delgados. Outros homes levaban corsé por motivos médicos. Había uns cantos para distintas enfermidades e dores de costas.
4. E había corsés para momentos especiais
Existían modelos para mulleres embarazadas que podían ir crecendo gracias a uns lazos laterais. Sobre os últimos anos do XIX empezaron a vender corsés especiais para montar a cabalo, xogar ao tenis ou ao golf ou montar en bicicleta. Durante o XX apareceron corsés de materiais ‘especiais’. Durante a I Guerra Mundial en Alemaña os fabricaban usando papel por culpa da carestía e durante a II Guerra Mundial en Reino Unido as mulleres estaban indignadas porque había restricións de fabricación de corsés (que eran entón máis ben como as típicas faixas das avoas).
5. As crinolinas eran marca rexistrada
Durante o século XIX as mulleres empezaron a vestir traxes máis e máis voluminosos (e nunha visita no Museo do Traxe de Madrid explicaban – moi interesante – como se podía seguir a liberdade da muller e a cuestión política mirando ese dato: a principios do século, no pico de liberdade post Revolución Francesa, as mulleres levaban vestidos cómodos que lles permitían moverse e os corsés non eran tan abafantes; na Europa post Congreso de Viena volven as cinturas marcadas, os corsés máis restritivos e os vestidos que fan imposible moverse).
Para conseguir esas saias ao Escarlata O’Hara non lles quedaba máis remedio que poñer capas e máis capas de enaguas que creaban volume (as enaguas, por certo, cambiaban segundo o momento: no inverno eran de materiais quentiños). Todo iso cambiou cara o 1856, cando aparecen as crinolinas, armazóns que permitían crear ese volume sen botar man das capas de enaguas. As crinolinas eran ao principio moi incómodas, xa que impedían sentar con comodidade, e pronto foron campo de xogo para os innovadores. Nos anos 80 eran deseños rexistrados e patentados os que triunfaban no mercado.
6. A roupa interior dos homes era bastante aburrida
Polo menos dende o punto de vista cromático. Non tiveron roupa interior de cores ata finais dos XIX. No caso das mulleres a roupa interior de cores non era tan rara (hai corses de cores na exposición) aínda que certas cores estaban non moi ben consideradas. As mulleres parisinas descubriron a roupa interior negra no 1882 e puxérona de moda. Foron xulgadas duramente.
7. O pixama chegou de Asia e era roupa de levar á praia nos anos 20
Os cómodos pixamas (eses que dan tan boas tardes de ver maratóns de series) son unha cousa relativamente moderna. Chegaron a Europa nos anos 1870 gracias aos homes que viviran no leste (si, son unha herdanza do pasado colonialista). Descubriron a prenda, pareceulles cómoda e volveron con ela. As mulleres empezaron a usalo alá polo 1900 e a prenda foi crecendo en importancia e en peso. Nos anos 10 estaba de moda usar un pixama como alternativa ao tea gown (un vestido de andar por casa) e nos anos 20 eran xa tamén a roupa para levar á praia.
Imaxes (c) Victoria and Albert Museum, London
1 comentario