Se pasas moito tempo nunha casa museo do século XIX, hai dúas sensacións que acaban calando. Unha é a de que menos mal que hai cintas e límites polos que non podes avanzar, porque sentir que poderías tropezar e romper medio millón de cousas é máis que factible. Todo está cheo de trapallada porque se algo amaban os decimonónicos era encher todo de trapallada (triunfou o minimalismo cando as clases medias tiveron que empezar a limpar elas mesmas a súas casas?, pregunto). Outra é que, no fondo, agradeces o momento no que deixarás ese lugar, porque entre a trapallada (bric-à-brac, en linguaxe fancy do momento) e as paredes escuras e as cores potentes acaba por resultar un tanto abafante. Ata unha persoa desordenada coma min acaba sentindo que a están lanzando ao caos.
A decoración victoriana —e usemos victoriano como o comodín para todo o século XIX, por moitos matices xeográficos e temporais que o termo teña— era o pesadelo de Marie Kondo. Ata non hai tanto semellaba tamén algo a anos luz das tendencias do século XXI, ao que chegaramos dende a pasarela do minimalismo frío co que pechamos o século XX. A estética grandes espazos baleiros brancos rollo museo de arte contemporáneo estaban por todas partes (por moito que foran fríos, asépticos e, como vítima da facultade de Xornalismo da USC, tremendamente incómodos).
Pero iso está cambiando. A estética cafetería hipster de baldosas de metro fíxose ubicua. Tamén tivemos un momento de flirteo co cuquismo rosa. E na década pasada arrasou a estética Instagram friendly nos lugares públicos. Agora, volve a decoración victoriana. «Moody decor» —o termo que se conecta coa tendencia— viviu unha explosión de buscas en Google nos últimos doce meses.
Se es da xente que acaba agoniada nunha desas casas históricas non o comprenderás, pero volve porque dá paz mental. Se hai uns anos o cottagecore tivo un momento dourado como o epítome do cozy, do que resulta acolledor, agora iso é o que se busca nestas cores escuras e sólidas. Estas tonalidades dan unha certa paz, fan que as persoas que viven neses fogares se sintan mellor.
Iso é o que lle din dende o mundo da decoración ao The New York Times, que fala do revival das cores escuras e intensas para as paredes das casas. Verdes moi escuras e azuis profundos conquistan as paredes (e os teitos, que os vídeos de xente que decide pintar o teito dalgún cuarto na casa son un deses contidos que o algoritmo de Instagram me ofrece unha e outra vez), para crear espazos «taciturnos».
«A popularidade da decoración escura e taciturna é posiblemente unha reacción aos brancos brillantes e os grises luminosos que dominaron os interiores nestes anos pasados», dille ao xornal o experto Mitchell Parker, editor en Houzz. Unha das persoas que xa está decorando así a casa resúmeo dicindo que quería que se sentise «como un museo».
A tendencia está xa por todas partes, dende as lista de cores de moda ás ofertas das tendas de decoración. Por exemplo, na nota de prensa na que a compañía de decoración Maisons du Monde presenta a súa colección para o outono (que, efectivamente, se presente ala polo comezo do verán) falan de cousas sostibles e influencias eclécticas. Nas imaxes non é complicado atopar cores escuras. A cor do ano, para Apartment Therapy, é o marrón chocolate, que recoñecen que é unha tonalidade complicada pero que conectan co deseño biofílico (baseado na natureza).
Fotos | Maisons du Monde
2yehfo
9tgtcm
zag898