Historias de amor, pelexas, friends to lovers, lovers to enemies… Volve Bridgerton, a serie de Netflix que é un dos principais éxitos de Shondaland. Detrás desta marca está a produtora Shonda Rhimes, unha das midas do panorama audiovisual.
Instagram tenme calada. No último mes non deixa de suxerirme contidos Polin: clips da nova tempada de Bridgerton, entrevistas a Nicola Coughan (sempre merecedoras de ver) e a Luke Newton (que vive no esplendor da súa compañeira), repasos a tempadas anteriores, vídeos do resto do cast… Sabe perfectamente que deixarei o doomscroll para velo e, moi probablemente, compartilo nun grupo de amizades cortadas polo meu mesmo patrón. Nalgún lugar dos infinitos arquivos dos cuarteis xerais que imaxino ten Meta, nos que recompila toda a información posible das persoas que un día creamos a nosa conta e vendimos a nosa intimidade enteira, alguén (non un algoritmo, na miña fantasía sempre hai unha persoa humana, posiblemente o mesmo Mark Zuckerberg, repasando os meus ficheiros) entendeu que si, son fan dos Bridgerton. O que non sei se saben (seguro si) é que sobre todo son fan de Shonda Rhimes. Mándame todo o que teñas de Shonda, Mark.
A muller detrás dos éxitos
Shonda Rhimes é a produtora detrás da empresa Shondaland, a través da que desenvolveu series como Anatomía de Grey, Scandal, Como defender un asasino ou a mesma Bridgerton, polo xeral denominadas guilty pleasures.
A de placeres culpables é unha etiqueta que adoita levar parello un certo ton de desculpa e un moito ton de clasismo. Como dicindo que non son contidos de alta cultura, certo, e debemos sentir esa culpa por non estar elevando a nosa alma con cada serie que vemos, pero hai que recoñecer que son xeniais para engancharse e desconectar. E si, son efectivamente xeniais para desconectar, pero tamén son contidos culturais relevantes. Ningunealos supón ignorar tanto unha industria de primeiro orde como degradar o criterio das miles de persoas que elixen velos. E se miles de persoas saltan dunha ponte, igual hai que asomarse a ver que pasa.
Polo pronto, pasa que estes contidos se deben a unha muller que, como ela mesma recorda, creou «máis de 2.000 millóns de dólares en beneficios para unha gran corporación coa miña imaxinación». Esta gran compañía é Disney, a través da canle ABC na que se emitían as súas primeiras producións, as de antes do acordo multimillonario con Netflix asinado en 2017.
A de máis éxito delas, Anatomía de Grey, foi estreada en 2005 e vai pola 20 tempada, sendo a serie máis longa da cadea. O hospital no que traballan as médicas e médicos protagonistas experimentou xa varios incidentes e rebrandings; xeracións de parentes e amizades da súa protagonista, Meredith Grey (Ellen Pompeo), naceron e morreron, fóronse da serie e volveron; traxedias do máis variado sacudiron Seattle, onde se ambienta. Ademais disto, dous spin-offs saíron das súas liñas argumentais, Sen cita previa e Estación 19, a primeira xa finalizada con seis tempadas e a segunda, en antena, rematará nesta sétima. E a Grey mesmo quédalle canda menos unha tempada máis, posto que xa asinou a súa renovación. No actual panorama das producións audiovisuais, cando as plataformas renovan constantemente contidos, as tempadas se acurtan e as canles loitan porque o público siga prendendo o televisor, pode considerarse un éxito de primeiro nivel. As súas audiencias descenderon dos 22 millóns de media de persoas que vían as primeiras temporadas a uns discretos 3 millóns, en liña co auxe das plataformas a demanda. Pero o streaming tamén lle está a dar unha nova vida: chegou a ser a segunda serie máis reproducida en plataformas e mantense, con altos e baixos, entre as preferidas. Isto é, cotiza tanto no mundo antigo como no moderno.
Anatomía de Grey vai pola temporada 20 e é a serie máis lonxeva da cadea ABC
Este é un dos éxitos máis notables de Shondaland, pero lonxe de ser o único. Na época ABC, Shonda Rhimes creou series como Scandal, sobre a experta en xestión de crises e conselleira do presidente de Estados Unidos Olivia Pope (Kerry Washington), e produciu Como defender un asasino, protagonizada pola avogada defensora Annalise Keating (Viola Davis). Estas dúas producións, con Grey, chegaron a copar o primetime dos xoves noite na ABC baixo a marca Thank God It’s Thursday, «TGIT». Non calquera consegue que se lle reserve en exclusiva a franxa de maior audiencia nunha das maiores canles de Estados Unidos a tres contidos propios. Na tempada 2016-2017 chegou a ter cinco series en antena: además de Grey, Scandal e Como defender, saíron The Catch e Still Star-Crossed, que remataron esa mesma tempada. Na seguinte, estreáronse For the People e Estación 19.
Un acordo á medida da creadora
E entón chegou o triple salto mortal. No que sería o primeiro dunha serie de movementos multimillonarios, Netflix asinou en 2017 un acordo de catro anos con Shonda Rhimes, cun valor que se di está sobre os 100 millóns de dólares, para que Shondaland producise en exclusiva contidos para a plataforma. «Shonda Rhimes é unha das grandes contadoras de historias da televisión», eloxiaba Ted Sarandos, o xefe de contido da plataforma, quen pasara meses cortexándoa. As razóns para o cambio: unha mestura de falta de acordo coa súa anterior casa, de cansazo creacional e dunha entrada gratis para Disneyland. Así é. Ao parecer, a creadora tiña pases todo incluídos nominais para ela, as fillas e a neneira para o parque da compañía, pero pediu un extra para a súa irmá que lle foi dado con certa reticencia. E cando a comitiva chegou ás instalacións, atopouse con que un só dos pases funcionaba. Shonda being Shonda, chamou a un alto cargo de Disney para que lle arranxase o asunto. E el, pobre pailaroco, respondeulle: «Non tes suficiente?». Non, non tiña suficiente.
Ver esta publicación en Instagram
Este é o que se apunta como detonante nun perfil de The Hollywood Reporter, pero a produtora recoñece que levaba tempo cansada do ritmo acelerado da televisión, con series de máis de 20 capítulos cada tempada e varias producións á vez. «Sentía que estaba morrendo», explica, «como se estivese empurrando a mesma bola no mesmo outeiro de exactamente a mesma forma durante un tempo moi longo». Así as cousas, e co beneplácito de Sarandos, a súa chegada a Netflix foi bastante pausada. Un período de tres anos ata que, en 2020, Shondaland presentou o seu primeiro contido coa plataforma: un documental sobre a actriz e bailarina Debbie Allen, colaboradora habitual de Rhimes, e a serie baseada nas novelas de romance Rexencia Bridgerton, escritas por Julia Quinn.
E aí, de novo, rompeu co mundo das producións audiovisuais. O negocio non lle debeu saír mal a Netflix cando apenas un ano máis tarde renovou o acordo por catro anos. Desde entón, dúas tempadas máis de Bridgerton, un spin-off e a serie Inventing Anna selaron esta renovación. A industria na que se converteu o reinado de Rhimes complétase con Shondaland.com, a plataforma a través da que xera máis contidos, como podcasts. «Nunca me preocupou se merecía os cartos. Merezo cada carto que fago». Nada de síndrome da impostora para Shonda Rhimes, cunha fortuna que vale 250 millóns de dólares, segundo as cifras de 2023 de Forbes. Pero medir o impacto de Shonda polos cartos que acumula sería, canda menos, incompleto.
Unha revolución audiovisual
Falar de revolución audiovisual cando se está a escribir sobre series baseadas en historias románticas seguramente fará levantarse unhas cantas cellas (maiormente cellas de señoros e culturetas). Pero as tramas das producións de Shondaland son un vehículo a través do cal dar clases maxistrais de desigualdade de xénero, inequidades raciais e sociais, diversidade e outras tantas mensaxes. Non é a única en facelo, certo, pero poucas co seu alcance. Tampouco quere isto dicir que todo sexa ouro: hai moita broza, pero tamén moito que salvar. Comezando polas protagonistas: como recordan en Time, cando se estreou Scandal en 2012, Kerry Washington converteuse na primeira muller negra en liderar un drama no primetime desde mediados dos 70. Tres anos máis tarde, Viola Davis gañaba o Emmy pola súa Annalise Keating: a primeira muller negra en recibir o premio a actriz dramática.
As súas protagonistas son mulleres fortes, que aman as súas carreiras, moitas veces máis que ás súas parellas, e non piden desculpas por iso. Que saben que son boas no que fan e non dubidan en dicilo. Que non son perfectas: as veces meten a pata a todo meter. Que fan bromas sobre os seus dramas cunha copa de viño. Que abortan: que importante as decisións en Scandal e Grey para que os milleiros de persoas que compoñen a audiencia entendan que non sempre ten por que ser unha decisión dramática, un dilema moral ou unha experiencia traumatizante, senón que é un dereito. Nas últimas tempadas de Grey, ademais, as tramas sobre o aborto serven para denunciar a vaga de prohibicións da interrupción do embarazo en estados de EEUU e, de fondo, a reacción que o feminismo está a experimentar. O sexismo e a lectura de xénero percorre toda a serie, e amosa o seu lado máis pedagóxico en momentos como cando Miranda Bailey está a sufrir un ataque ao corazón que non se recoñece porque nas mulleres os síntomas son distintos que nos homes. Eu, como seguramente moita xente, aprendino en Grey.
A raza é outro dos grandes temas nas tramas de Shondaland: non hai máis que recordar como o pai de Olivia Pope lle lembraba que tiña que ser dúas veces mellor para conseguir a metade. Ou cando en Grey Bailey e o seu home explican ao seu fillo como actuar se o detén a policía. Ou cando Maggie Pierce lembra as microagresións que sufre por ser afroamericana e chama a chequear o «privilexio branco». Tamén no sentido contrario, porque a propia Rhimes defende que a identidade non ten por que ser parte central dunha personaxe, moi na liña da oscarizada American Fiction. Isto vese moi claramente representado en Bridgerton (e foi moi amplamente debatido). Por certo que en Bridgerton está tamén especialmente presente na terceira tempada a diversidade corporal, funcional e motora, cunha protagonista cun físico lonxe do estereotipo e coa representación de persoas xordas ou en cadeira de rodas.
O colectivo LGTBIQ+ ten tamén unha representación nas producións de Shonda desde o comezo de Grey, cando aínda non era tan habitual ver relacións homosexuais normalizadas na televisión. Desde entón, a diversidade sexual e de xénero amosouse nunha ampla variedade, que introduciu personaxes gays, lesbianas, queer, non binarios… Na vida real, a produtora despediu a un dos principais actores das primeiras tempadas, Isaiah Washington, por un insulto homófobo a un compañeiro.
Porque non é todo de cor de rosa en Shondaland, como non pode ser doutra forma neste nivel de contidos. Entre o público de Grey é ben coñecida a polémica saída de Katherine Heighl, entre rumores de feud con Rhimes e do que a actriz comentou, ao longo dos anos, que foi polo descontento polo seu minguante protagonismo, porque acabara de adoptar ou que estaba cunha carga intensa de ansiedade. Houbo outras saídas comentadas, como as de Patrick Dempsey, do que se di que tiña actitude de diva e que se enfrontaba á propia Shonda Rhimes. Isto non impediu que fixese un cameo máis adiante. O universo Shondaland está plagado destas idas e voltas e o fandom non acaba de entender que ninguén queira marchar del motu proprio: aí está a polémica pola marcha de Regé-Jean Page de Bridgerton, de quen aínda se está a esperar que explote esa celebridade que parecía ía buscar.
Porque ninguén deixa a Shonda tirada, como lín fai pouco nalgún chío shade cara Page. O karma, na forma dun mercado audiovisual non interesado, pódecho devolver: que llo digan a Katherine Heigl, a Isaiah Washington ou a Patrick Dempsey. O público (o fandom, claro) parece outorgarlle unha capacidade todopoderosa: é significativo que, cando na conversa social de, por exemplo, Bridgerton, se debaten as tramas das series e se propón unha nova parella, a xente comente «ui, que non se decate Shonda». Malia ser creacións doutras persoas, neste caso Chris Van Dusen. Pasa tamén con Grey: ela deixou de ser a súa showrunner, esa figura popularizada nas dúas últimas décadas, na tempada 14, pero é máis común aludir ao que Shonda decide que ao que fai Krista Vernoff, quen colleu o relevo (e agora vai pasar a Meg Marinis). Shonda é xa un running gag, unha personaxe con entidade propia nun escenario televisivo no que a xente de produción e creación á que o gran público recoñece polo nome se conta cos dedos das mans.
Pódese desdeñar as producións de Shondaland como as series tontas de certas creadoras audiovisuais. Xa a literatura romántica foi (e é) frecuentemente deostada como un xénero menor, e as películas e as series seguen habitualmente esta tendencia. Pero cando unha produción como Grey se mantén en activo 20 tempadas, cando Bridgerton ten as dúas primeiras tempadas como o top 10 de títulos máis populares dunha plataforma como Netflix, e no seu estreo a terceira copa visionados e trending topics, hai que deixar de buscar escusas. Son un éxito, que fai boa a cifra que Sarandos pagou por Rhimes; e a súa influencia cultural é inapelable. Sen dúbida hai un alto executivo en Disney recibindo un curso de contención verbal desde 2017. E unha muller que non ten medo de reclamar o seu valor.
Foto | Shondaland
Kadıköy elektrik ustası fiyatları Kadıköy’de acil bir elektrikçiye ihtiyacımız olduğunda, bu firma hızlı bir şekilde yanımızdaydı. Sorunumuzu kısa sürede çözerek bizi rahatlattılar. Teşekkürler! https://kriptosohbeti.com/cevap/kadikoy-acil-elektrikci-sorunlariniz-icin/
vausce
mridj7
73i4od
70apvj