As 5 series novas ás que lles temos máis ganas este outono

Unha das actividades favoritas da disquerredacción desde que empezamos a escribir por aquí é, cando chega setembro, ver os tráilers das series que veñen. E unha das cousas que nos fan notar de súpeto que levamos por aquí máis de dez anos e que todo ten cambiado moito é que a ilusión coa que afrontamos o visionado é menor. É porque xa imos vellas e perdemos a alegría pola vida ou porque grazas ás plataformas estamos saturadas de series? Quero pensar que é a segunda opción. O caso é que onte busquei e vin algúns tráilers (da maioría pasei porque xa a descrición da serie non me parecía atractiva) e salvei cinco series que me podo imaxinar vendo. Tras esta entusiasta introdución, aquí tedes:

Impeachment: American Crime Story

A terceira temporada da serie de antoloxía tratará do escándalo Clinton-Lewinsky e a verdade é que é o tráiler con mellor pinta. As que lembramos esa época sabemos de onde saíron os chistes de bolseiras e todo parece indicar que a serie intentará facerlle xustiza a Monica Lewinsky —é unha das produtoras— e cambiar por fin esa terrible narrativa coa que crecemos sen pestanexar. (Xa ela empezou a facelo hai un par de anos, cando grazas ao #metoo reapareceu cun libro de memorias e moitas entrevistas para cambiar a perspectiva desa historia que se contou e que fixo que desaparecese durante dúas décadas). A estrea é hoxe 7 de setembro en Estados Unidos. Por aquí aínda non se sae nin quen nin cando, pero se lle tedes moitas ganas seguro que atopades a forma.

Segredos dun matrimonio

O remake da miniserie de Ingmar Bergman de 1973 chega a HBO da man duns cantos pesos pesados: dirixida por Hagai Levi (The Affair, In Treatment) e protagonizada por Jessica Chastain e Oscar Isaac, a serie percorre dez anos da relación dun matrimonio que todos sabemos que está destinado a non sobrevivir. Para tardes de domingo chuviosas. Chega o 13 de setembro a HBO.

The Premise

Unha desas  series nas que cada episodio é unha historia completamente distinta, unha especie de Modern Love pero no que a premisa (ha!) é que cada entrega terá que ver cun tema de actualidade. Promete unha mestura de comedia e drama e, como é imprescindible neste tipo de series, unha chea de caras coñecidas: Lola Kirke (Mozart in the Jungle), Daniel Dae Kim (Perdidos), Tracee Ellis Ross (Blackish), a cantate francesa Soko… A serie é de BJ Novak, ex de The Office e superamigo de Mindy Kaling, e ten un episodio escrito por Jia Tollentino. Un soño millennial. O 16 de setembro en Hulu.

Ghosts

Adaptación americana dunha serie británica que eu non vin, pero da que a disquerredactora Raquel é moi fan. Eu vin o tráiler desta e pareceume ben, pero Raquel di que é como un resumo do primeiro episodio sen a mordacidade británica. É unha comedia sobre unha parella que recibe unha casa antiga como herdanza e que se atopa con que está chea de pantasmas que queren botalos. Como a adaptación vén da man da xente de New Girl, eu quero fiarme. Se non, tedes a británica en Movistar+. A americana estará o 7 de outubro na CBS. Por aquí aínda non se sabe.

Dexter: New Blood

Só cinco series e unha é Dexter, así está a cousa. Nunca imaxinei que fose a ter ganas de ver esta continuación, pero o momento no tráiler no que Dexter vai pola rúa saudando entre sorrisos á xente levoume a ese pasado no que era unha serie boa e nós eramos xente nova e inocente. Dareille unha oportunidade. O 8 de novembro en Movistar+.

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *