Hai un ano, en abril de 2019, publicabamos un artigo titulado 4 series para saír da negra espiral de 2019. Agora dá gana como de rir lendo sobre unha vida na que podiamos saír á rúa, na que a palabra pandemia formaba parte da ficción ou do pasado, na que non tiñamos as mans secas de tanto lavalas.
Todos somos diferentes, así que imaxino que cada un está levando esta distopía como mellor pode e que o que nos axuda a unhas non fará nada para outras. Hai xente, por exemplo, que pensa que é o momento perfecto para ler A peste de Camus ou ver Contaxio. «Alá vós», penso eu mentres abrazo un coxín e miro cara o infinito. A min o corpo, ademais de chocolate, está a pedirme cousas diferentes segundo o formato. En películas, necesito dramóns de época. Xa vin Cumes borrascosos (a dos 90, con Ralph Fiennes e Juliette Binoche), O paciente inglés (Ralph e Juliette de novo!), e esta fin de semana penso volver a ver Os miserables (a última), grazas a esa familia inglesa que fixo unha reinterpretación de One More day. Quero catarse e deixar a mesa do café chea de kleenex empapados en bágoas.
En series, pola contra, só son quen de ver comedia. Episodios de entre 20 e 30 minutos, humor absurdo e xenial, gargalladas que se me escapan en voz alta e que fan que esqueza a situación na que nos atopamos. Se ti tamén estás nese plan, aquí van algunhas suxerencias clásicas:
1. Community
Jeff, Britta, Abed, Troy, Annie, Shirley e Pierce son estudantes nunha community college (universidades públicas en Estados Unidos, con fama de ser o peor) na que van xuntos a clase de español. Deciden —máis ou menos— formar un grupo de estudo, que é como se coñecen e a razón pola que pasan tempo xuntos. Un dos grandes acertos da serie é poñer ao mesmo nivel (xente nun grupo de estudo) a personaxes de perfís moi distintos en canto a idade e background. A serie e divertidísima e disparatada, sae John Oliver antes de ser John Oliver, e ten un dos bromances, o de Troy e Abed, máis fantásticos e puros da televisión. Ten seis temporadas e está en Netflix desde hai dous días.
2. The IT Crowd
Esta serie británica comeza cando ao departamento de informática dunha gran empresa (nunca saberemos de que) chega unha nova xefa. Antes, no sótano no que teñen a oficina (a empresa é todo un rañaceos), estaban só Moss e Roy, con poucas habilidades sociais e non moi traballadores. A chegada de Jen, que non sabe nada de ordenadores, non cambia nada diso e é só unha escusa para empezar unha serie que vos terá chorando da risa.
3. Parks and Recreation
A este clásico cheguei tarde e só estou a velo agora (e vou só pola segunda temporada), pero está a ser un gran bálsamo de gargalladas estes días. Leslie Knope (Amy Poehler) é unha entusiasta funcionaria pública, subdirectora do departamento de Parques e Recreación dunha cidade ficticia de Indiana. A serie, rodada como falso documental, segue o día a día do departamento. Polo menos no que levo visto eu (ten sete temporadas, igual as cousas cambian), a gran preocupación da protagonista é converter un terreo no que hai un gran foxo nun parque. Politiqueo municipal, pouco interese polo público (máis alá de Knope) por iso de que estamos en EEUU, e moita situación hilarante. Son, por certo, os creadores do Galentine’s Day.
4. Brooklyn Nine-Nine
Dun departamento dun goberno municipal a unha comisaría, a 99 da policía de Nova York. O grupo de detectives, uns mellores que outros (pero todos boísimos como personaxes dunha serie de comedia), enfróntase aos criminais de Brooklyn, de perigosidade variable, con seriedade variable. Estes días que os Backstreet Boys rexurdiron das cinzas nas súas mansións, moita xente lembraba a escena que encabeza este parágrafo. Levan sete temporadas.
5. New Girl
A serie protagonizada por Zooey Deschanel rematou hai dous anos e tivemos que dicir adeus a Jess e aos seus compañeiros de piso Nick, Schmidt e Winston, á súa amiga Cece, e a personaxes moi importantes como o gato Furguson. Lembro que cando empezou pensei que prometía, pero que se se centraba demasiado en Jess podía ser moi cargante. Afortunadamente, o resto dos personaxes son igualmente excéntricos e as rarezas duns compensan ou súmanse ás dos outros e o coctel resultante é de felicidade. Se vives con alguén, este é un bo momento para xogar ao True American, o xogo ao que xogaban neles no que o chan é lava e se o tocas perdes. O resto das normas iredes inventándoas sobre a marcha.
6. Flight of the Conchords
Bret e Jemaine son dous músicos de Nova Zelanda que se mudan a Nova York para buscar o éxito internacional. Non, non o conseguen (polo menos en ficción, na vida real Bret e Jemaine, que son os seus nomes de verdade tamén, tiveron bastante éxito!), aínda que teñen unha fan/stalker e unha capacidade para compoñer cancións sobre calquera cousa abraiante. Agora necesito que fagan unha canción sobre a pandemia. Son dúas temporadas que están en HBO.
7. Unbreakable Kimmy Schmidt
Estar unhas semanas en casa parécevos duro? Pensade en Kimmy Schmidt, que viviu uns anos nun búnker crendo que o resto da humanidade desaparecera e que só quedaran ela, tres mulleres máis (as súas compañeiras de búnker) e o líder espiritual (e DJ) tolo que as secuestrou. Cando saiamos desta, sairemos como saíu Kimmy do búnker, emocionada por cada pequena cousa do mundo e chea de entusiasmo por todo e moita inxenuidade? Teremos un compañeiro de piso como Titus? Unha caseira como Lilian? Unha xefa como Jacqueline? Levaremos pantalóns fucsia? Creada por Tina Fey, son catro temporadas que están en Netflix.
8. 30 Rock
Antes de Kimmy Schmidt, Tina Fey creou 30 Rock, unha serie protagonizada por ela sobre o equipo de guionistas dun programa de televisión de sketches humorísticos. Está baseado un pouco na súa experiencia como xefa de guionistas de Saturday Night Live e aínda que nalgúns aspectos a serie quedou un pouco anticuada (emitiuse entre 2006 e 2013) continúa a ser moi recomendable para rir sen parar. Sete temporadas que están en Prime Video.
9. The Good Place
Eleanor esperta un día sentada nun sofá fronte a unha parede que di «todo está ben». Un señor (Ted Danson!) abre a porta dun despacho e indícalle que entre. Explica: Eleanor morreu, pero non ten que preocuparse, non hai ceo e inferno como tal, pero si un lugar bo e un malo. Ela está no bo! O problema? Eleanor sabe que na súa vida terreal non foi exactamente unha boa persoa… alguén cometeu un erro. E ata aquí podo contar. Nas catro temporadas da serie seguímola a ela e aos seus veciños do barrio ideal no que están, Chidi, Tahani e Jason. Entre risa e risa, cólannos sen que nos decatemos moita filosofía e ética. Para o último episodio, avisamos, necesitarás ter kleenex non moi lonxe. En Netflix.
10. Derry Girls
Pódese facer humor co conflito irlandés e situar a trama precisamente nos 90? Esta serie demostra que si. Segue a catro rapazas de Irlanda do Norte que van xuntas a un instituto feminino (e ao curmán dunha delas, inglés e o único rapaz do instituto) e ás súas familias no seu día a día. Preocupacións adolescentes, personaxes cos que é imposible non rir e o trasfondo tráxico que ás veces deixan que chegue ao primeiro plano pero que normalmente queda no fondo, lembrando que pese a todo a vida continúa. En Netflix.
11. Don’t Trust the B—- in Apartment 23
A inocente e inxenua June chega a Nova York desde Indiana e atopa piso cunha compañeira, Chloe, que intenta facerlle a vida imposible para que marche e seguir vivindo soa. Non o consegue. Un dos mellores amigos de Chloe, e o mellor da serie, é James Van Der Beek, o actor de Dawson crece, que aparece interpretando unha versión paródica de si mesmo. Ou se cadra non tan paródica… na serie está participando en Dancing with the Stars, algo que fixo o ano pasado. Dúas temporadas.