* Isto foi escrito en 2014. Con motivo do concerto que Belle and Sebastian darán este sábado 17 de setembro de 2022 en Ourense no Our Fest Xacobeo 2022, actualizamos o texto. Entre corchetes, anotacións engadidas agora.
Se a miña rede de contactos no Facebook [Instagram e Twitter] serve como mostra para algunha estatística, diría que o 98% dos galegos son fans de Belle and Sebastian [xa moitos menos! que vos pasou?], pero quizais non sexa unha mostra moi representativa. Se levo 15 [23!] anos poñendo a Belle and Sebastian no meu top 3 de grupos da vida, supoño que levo tamén 15 [23!] anos facendo amigos dalgunha forma afíns.
Isto é para os que aínda estades fóra, para os que non sabedes que unha vida con Belle and Sebastian é unha vida mellor. Aquí vai unha guía para non iniciados! Despois mirade datas de concertos e viaxade para velos. A felicidade, descubriredes, está aí.
* En realidade isto é só unha excusa para meter dez [moitas] cancións de Belle and Sebastian. Sei perfectamente que as guías-para-non-iniciados tan só as len os moi iniciados (para atopar erros e criticar ao xornalista cando non mete a súa canción favorita).
1. The State I Am In. Primeiro disco, ‘Tigermilk’, primeira canción. Clásico entre os clásicos dos clásicos e o son que todo o mundo imaxina ao pensar en Belle and Sebastian.
2. Electronic Renaissance. Pero que saibades que desde eses principios en 1996, en Belle and Sebastian gustaba a electrónica e gustaba, por encima de todas as cousas, bailar. Aquí o responsable era Stuart David, que deixou o grupo moi cedo, pero o de bailar gústalles a todos.
3. Get Me Away from Here, I’m Dying. Segundo disco (‘If you’re feeling sinister’), a canción favorita de moitos fans por representar ese espírito tan belleandsebastiano. O sentimento adolescente de querer marchar, e esa declaración de principios. Namorei dunha historia antiga/sobre un rapaz que é igual ca min/pensaba que había amor en todo e en todos/es tan inxenuo!. E en realidade toda a letra.
4. Judy and the Dream of Horses. Aínda en ‘If you’re feeling sinister’. A historia dunha rapaza, Judy, que escribe cancións tristes, que le de noite agochada baixo as sabas cunha lanterna e que soña con cabalos (e é cando se sinte ben). É desas que nunca sabes se caerán no concerto, pero que cando caen a euforia dos fans é perfecta. [Sabina Urraca publicou en 2021 Soñó con la chica que robaba un caballo. En realidade é un libro máis sobre o 11M que sobre Belle and Sebastian, pero sempre é bonito ler a fans —ou, neste caso, exfans—. Tamén, por certo, está Aquí vivía yo, de Joan Vich Montaner, publicado este ano en Libros del K.O., cun primeiro capítulo dedicado a Stuart Murdoch no que se ve que é a mellor persoa do mundo].
5. Women’s Realm. Para min é unha das cancións máis infravaloradas de Belle and Sebastian. En realidade este disco, ‘Fold Your Hands Child, You Walk Like a Peasant’, é deses que non gustaron no seu momento, quen sabe por que.
6. There’s Too Much Love. Aquí hai moito, moito amor por iso que vos contaba antes de bailar, e moito espírito belleandsebastiano. Podería bailar toda a noite como se fose un soulboy/ Pero sabes que prefiro arrastrarme pola pista de baile/ Apetéceme bailar só/ Onde ninguén me coñece e onde podo causar un efecto só pola miña aparencia. E si, nos concertos de Belle and Sebastian sempre hai algunha canción na que se pide que alguén do público suba a bailar. [Xa non. Non sei que dunha pandemia].
7. I’m a Cuckoo. Non creo que sexa posible escoitar isto, de ‘Dear Catastrophe Waitress’, e non bailar. De verdade. Entramos na época na que Belle and Sebastian empezan a querer facernos bailar sen parar. [Esta é das fixas no setlist, que tende a ser moi variado].
8. Your Cover’s Blown. Ás veces, non moito e desde logo non últimamente, soa pola noite en bares [as cousas como son, penso que a escoitei dúas ou tres veces nun bar hai uns 10 anos, nunca máis]. E bailala é algo fantástico. Está, como moitas das mellores cancións de Belle and Sebastian, nun EP. [Segundo parece, nun concerto de hai tres anos prometeron aprender a tocala para vindeiras xiras. Seguimos esperando].
9. Lazy Line Painter Jane. Falando de EPs, volvemos atrás, volvemos aos 90. Hai un grupo de cancións de Belle and Sebastian que non están en discos e que son, para min, o que define á banda en moitos aspectos. Esta, String Bean Jean, Dog on Wheels, I’m Waking Up To Us, This is just a Modern Rock Song,…
10. Another Sunny Day. ‘The Life Pursuit’ era xa menos inocente, ou menos auténtico [pffffff, pero que dis?], porque non podes seguir escribindo como un post-adolescente cando tes 40 anos, pero segue a ser un gran disco. E Another Sunny Day, Funny Little Frog ou White Collar Boy son grandes exemplos.
11. Nobody’s Empire. [Este punto xa foi unha actualización para cando tocaron na Coruña en 2018. Supoño. Ou iso ou teño dotes adiviñatorias. Sigo escoitándoa de forma enfermiza]. Do seu último álbum [xa non é o último], ‘Girls in Peacetime Want To Dance’. Di Stuart que é a súa canción máis persoal, sobre os seus problemas de saúde (ten síndrome de fatiga crónica), sobre estar enfermo cando es novo, sobre a música sempre de fondo. Penso que é a canción que máis teño escoitado nos últimos anos e non sabedes a felicidade que provoca saber que o teu grupo da adolescencia segue a sacar cancións novas que te obsesionan cando tes máis de 30 anos.
PLUS. Dirty Dream Number Two. Porque Belle and Sebastian son un grupo do que podes facer un post de dez [once] cancións pasándoo moi mal para escoller e esquecer un dos seus mellores discos, que ten varias das túas cancións favoritas. Si, esquecera ‘The Boy with the Arab Strap’ e non estou disposta a refacer a lista. (E ‘Write About Love’ quedou fóra a propósito).
Que ganas, non?
[Engadidos de 2022:13. I didn’t see it coming. Co disco ‘Write About Love’ teño unha relación complicada, porque cando saíu non me gustou nada. En realidade, penso agora, o que non me gustaba era Stuart con eses lentes de facerse o guai, así que estiven algo enfadada un tempo. Despois, grazas a Nobody’s Empire (punto 11), xa fixen as paces para sempre. Cando escoito este disco sempre penso que fun moi inxusta. Claro que está moi ben.
14. Unnecessary Drama. Podería poñer moitas do último álbum, pero penso que esta é a miña favorita (e ademais seguro que a tocan). En directo é simplemente xenial e ten unhas palmas moi difíciles de facer, pero que xa aprendín para poder ser una fan ben adestrada. Practicarei algo máis por se acaso.
Repito: que ganas, non?
*Tamén tocan Julian Maeso Big Band, Big Moon, Metronomy e Primal Scream, pero sobre eles non temos un doutorado].
emxdch
78lorp
9w5ugb
w2kbl6
pu9yw1
qccot4
0akufe
leucic
lvxj2e