É o teu gato un snob musical? Ou o que lle gusta realmente é o reggaeton? Ou se cadra o teu gato é da xeración Z e sabe ben que é o trap? Non importa cal sea o seu perfil. Spotify ten unha lista de reprodución pensada para a súa felicidade e entusiasmo!
O último lanzamento do servicio de streaming é Pet Playlist, un sistema para facer listas de reprodución para as mascotas. Quen di gato di tamén cans, iguanas, paxaros e hámsteres. Non serpes ou coellos porque as primeiras non teñen orellas e os segundos porque “non é posible acomodar todos os animais” no servizo, como explican nas FAQs das mesmas. Para as que si opera, os algoritmos de Spotify escollen o que pensan que lle gustará máis á mascota. Usan os gustos do titular humano da conta pero tamén os elementos musicais que a ciencia di que son mellores para as mascotas.
Non, o servizo non é simple trapallada clicable! Segundo explican na súa web, aínda que “a música para mascotas non é unha ciencia exacta”, consultaron un experto musical en música para mascotas (David Teie, chelista e compositor de música para gatos). Teie explicoulles que cada tipo de animal prefire distintos tipos de sons e pode velos dun modo diferente. Os cans, por exemplo, reciben os sons baixos como unha ameaza.
Ademais dos datos xerais dos gustos do humano e do tipo de mascota que ten, tamén preguntan pola personalidade do animal. É enerxético? Non? É tímido? É sociable? Con todos eses datos, o sistema fai a lista —permitide o cutrechiste— animalizada.
Por suposto, os cans e os gatos non pagan cada mes o servizo así que eles non son o público real de todo isto. Como sinalan en The Verge, o importante é chegar con isto aos seus donos cunha idea viral e cuqui. Sexa como sexa, se tedes unha mascota e unha conta de Spotify xa podedes experimentar.
Foto | Pexels