Probamos Apple TV+ para que ti xa non o teñas que facer

Co día de Santos, chegou o primeiro gran lanzamento do mes de novembro en temas de streaming e no único no que aquí podemos participar, Apple +. Disney +, a plataforma VoD que prepara o xigante Disney e que é na que realmente teñen postos os ollos os analistas, abrirá operacións o próximo 12 de novembro, pero en Galicia non nos poderemos conectar a ela. En Europa, só funcionará en Holanda.

Polo contrario, Apple, que leva facendo ruído co lanzamento e creando expectativas durante meses para o público xeral pero anos xa para a prensa especializada, fixo un macro lanzamento global. O día 1 de novembro a súa plataforma saíu a máis de 100 países. E, como a fin de semana foi a que foi e como levo anos seguindo os primeiro rumores, logo noticias e logo anuncios oficiais sobre o tema,  sentei diante do meu televisor a intentar descubrir se Apple TV+ merece a pena.

A conclusión xa vola deixo aquí: non merece a vosa atención neste mundo saturado xa de oferta audiovisual. E agora vou contar as razóns.

Que busca Apple nesta historia?

Antes, iso si, permitídeme que amortice todos estes anos de coñecementos sobre o mundo do VoD e das empresas de tecnoloxía. A chegada de Apple ao mundo dos contidos –e ademais non só para os seus clientes (foi un dos primeiros rumores que existiron sobre este tema, que ían lanzar unha plataforma que só poderían ver os usuarios dos seus dispositivos, alá polo ano… que sei eu… 1004)– é un movemento estratéxico e lóxico, por unha banda, pero tamén tardío e que pode quedar nun bluf, pola outra.

No primeiro dos puntos, os contidos audiovisuais e o mercado do streaming xa non é futuro do consumo de contidos, senón o presente. En EEUU parecía claro dende hai anos, cando apareceron os “cortadores de cable” (os usuarios que deixaban de ser usuarios de tele por cable – a principal e de pago – para só ver contidos baixo demanda). En Europa, os directivos das grandes televisións pasaron por unha longa fase de negación, sinalando que os mercados eran moi diferentes.  Mesmo agora, cando xa están tomando decisións tarde e arrastro, aínda non acaban de velo. A inversión publicitaria na televisión, pola contra, leva trimestres caendo e os datos de audiencias da televisión lineal (a que ves mentres a botan nos canais de sempre) tamén. Pero agora que todos comezan a empezar claro o que está pasando, todos queren o seu anaco do pastel. Apple tamén.

No segundo, Apple, como lle pasa ás teles de sempre, está chegando á festa cando o momento de entusiasmo e emoción pasou. Os grandes xogadores xa parecen claros, os principais servizos que a xente quere si ou si tamén e os que entran agora teñen que loitar con moita máis forza por atopar o seu nicho de mercado. Disney xogará coa vantaxe dun nome potente e unha inmensa librería de contidos que os consumidores xa saben que queren ver. Os demais, pola contra, non teñen ningún punto ao seu favor. Google e Facebook, por certo, intentaron xa estes últimos anos posicionarse tamén no mercado do streaming: as súas propostas foron unha desilusión.

Apple fixo moi ben o de xogar a crear expectativa. As súas series xa estaban nas clásicas listas do que vai chegar este outono que saen en setembro e as súas protagonistas tiveron eco nos medios unha e outra vez estas semanas. Apple fichou a estrelas de Hollywood como embaixadores para a súa entrada no xogo, o que lle daba un punto de partida sólido. E, en fin, Apple ten moitos, moitísimos cartos no peto, cartos que pode destinar á súa aventura dos contidos. The Morning Show, a súa serie estrela, é, aparentemente, unha das series máis caras xamais gravada (en EEUU, podemos poñer que no mundo). Cada tempada sae por 150 millóns de dólares, máis do que costou a derradeira temporada de Xogo de Tronos.

Todas as series son moi americanas. Desas que nacen para ese mercado e que están moi conectadas con el

E aquí xa imos ao que pasou durante o visionado

E tras tanto hype aí estaba eu sentada no meu sofá, disposta a descubrir o servizo. O primeiro punto xa me pareceu “top”. A diferencia do que acontece con outros servizos de VoD, como Sky ou HBO, Apple traballou o ecosistema de soportes para o visionado. Nin Sky nin HBO teñen unha app para Fire Stick TV, o “pao para teles” de Amazon que eu emprego na miña televisión (a miña teoría é a que a HBO dálle exactamente igual todo: son os dos contidos intelectuais –ou iso é o que eu imaxino aos seus directivos pensando– e os seus usuarios están dispostos a sufrir por poder velos). Apple TV+ si. Apple ten, de feito, apps para todos e funciona en todos os soportes populares.

Trala descarga da app tiven que instalar como 5 actualizacións de software no stick para lograr que funcionase, algo que descubrín despois de intentar loguearme sen éxito varias veces e ir coa miña frustración a ver que comentaba a xente en Twitter.

Despois de todo ese proceso, estaba dentro! Apple cobra polo servizo 4,99 euros, o que é un prezo aparentemente moi competitivo fronte aos dos demais VoD, pero dá só sete días de proba. Antes de acceder ao seu catálogo pensaba que era unha das cousas máis cutres que podían facer. Despois de velo, sen embargo, enténdoo. Se che dan un mes gratis, podes non só ver todo o que teñen senón tamén quedar xa sen cousas novas para ver.

Cando entras por primeira vez na app –ou polo menos iso é o que pasa na app para Fire Stick TV– sofres unha alucinación causada por un espellismo. Parece que o catálogo é xigantesco, cheo de películas e recomendacións. Por haber ata hai un canal de televisión, Starz, con contidos extra. Todo é mentira. As películas son as de alugueiro que podes atopar en servizos varios (e polas que hai que pagar, claro) e o canal non o podes ver. De feito, con eses contidos non podes facer nada, porque para poder acceder a eles tes que ir mercar o seu acceso a un dispositivo Apple.

As series de Apple TV+ están ciscadas polo listado, pero tamén podes acceder a elas vía un botón que pon claramente Apple TV+. Unha vez dentro fixen scroll un montón de veces para asegurarme de que non estaba contando mal.

E é que Apple TV+ saíu ao mercado cun catálogo miserable. Diría que non chegan nin á decena os títulos que podes ver. Hai un par de series para nenos e logo unhas catro series para adultos-público xeralista, incluída a The Morning Show que é a súa serie embaixadora.

Todas as series son moi americanas. Isto é, son series moi-EEUU. Desas que nacen para ese mercado e que están moi conectadas con el (alguén lle tería que ter explicado a Apple que se saes a máis de 100 países tes que facer algo que teña un atractivo máis global e que as súas competidoras nos acostumaron xa a ver series moi distintas). De feito, dunha delas pasei xa directamente. Vin o tráiler e o meu cerebro dixo rapidamente que pasabamos. É unha historia de astronautas, na que a URSS son os malos, claro, e na que chegaron antes que ninguén á Lúa. Nesta historia alternativa á carreira espacial real EEUU ten que recuperar o orgullo nacional… e salvar á Humanidade!! Creo que o fan cun equipo de astronautas mulleres, pero nin iso – que rompe co habitual – fixo que a serie me dera menos preguiza.

Do que quedaba decidín dar unha oportunidade á serie literaria, Dickinson, con capítulos de media hora e en teoría unha comedia sobre Emily Dickinson, e a The Morning Show, a serie estrela. Dickinson foi a segunda que vin, pero é a que podo despachar máis rápido. O punto de partida parece moi interesante: segue a unha Emily Dickinson adolescente nunha desas historias de crecer e entrar na idade adulta. Vulture véndea super ben. Pero máis alá de que falar dunha versión que conecte coa adolescente millennial é un pouco xa desfasado (que os millennials xa non son os novos!!), a serie usa unha linguaxe coloquial actual (nun momento a protagonista di que está “just chilling”) que a min me bota fóra da historia todo o tempo. Sei que é unha tendencia que ten o seu público, pero non entendo para que é necesario vestir de época aos teus personaxes se logo falan como xente do século XXI.

Sobre The Morning Show… Podería escribir unha tesina. Dickinson é, polo menos, unha serie que conecta co mundo global e diverso no que vivimos, a pesar de estar falando das vivencias dunha rapaza no Massachusetts de 1850. Se que falen como adolescentes modernitos de 2019 non che expulsa da trama, a historia pode resoar de moitas maneiras. The Morning Show é a clásica historia de xornalistas estadounidenses que só lles pode interesar aos estadounidenses (pero aos pretensiosos)… ou ás xornalistas que facemos hate-watching (é a razón pola que vimos The Newsroom nesta redacción). Cada capítulo dura unha hora, imaxinei que porque así queren reforzar a idea de que son unha serie intelectual e para pensar. Cando rematei o primeiro capítulo, concluín que era unha americanada. Cando rematei os dous máis que hai por agora (o lanzamento é de tres capítulos e logo un por semana), tiña apuntados unha chea de temas que precisaba criticar.

A serie é ultra cara, aínda que realmente non debería selo. Posiblemente a razón do seu coste é que está chea de nomes de Hollywood e iso ten un prezo (as dúas actrices protagonistas, Jennifer Aniston e Reese Witherspoon, teñen un salario por episodio de 1,5 millóns de dólares, segundo filtrou a prensa estadounidense, que ben por elas!). Non atopo outra explicación. En realidade, é unha serie do montón, desas que vimos xa vinte millóns de veces e que aportan máis ben pouco. A clásica historia de xornalismo queimado e pouco comprometido vs xornalismo idealista que DI A VERDADE (así, en maiúsculas) e a loita entre noticias vs entretemento. The Loudest Voice é moito máis interesante e mostra todo iso dunha forma moito máis intelixente (mesmo partindo directamente dunha historia moi, moi chunga).

Por suposto, a serie aborda todos os grandes temas do momento e claramente queren ser unha serie feminista. Queren, pero non o son. De vez en cando, as protagonistas fan algunha declaración rollo empoderamento da muller que é máis indignante –vendo todo o que pasa ao redor da historia– que de verdade motivadora. Non, crédeme, non é unha serie feminista. Esta feminista estaba sentada no sofá e cada vez que Steve Carrell saía na pantalla botaba fume polas orellas.

O punto de partida da historia está nun escándalo sexual. O personaxe de Carrell, Mitch, é un presentador dun matinal deses informativos pero amables que é despedido fulminantemente cando se filtra aos medios que a cadea o está a investigar por acoso sexual. Nunca se nos di moi ben que pasou (supoño que o farán máis adiante, pero quen sabe) e o personaxe insiste varias veces en que foi consensuado, que el non violou ninguén (que si, podería ser unha maneira de presentar e analizar ese comportamento, pero que non está nada ben levado). A serie comeza co momento despois do despido, cando o programa quere atopar o seu lugar e a súa copresentadora, Jennifer Aniston, ten que asumir que perdeu o compañeiro, que era un tío chungo e que ten que reafirmar a súa posición na emisora.

Pero toda a trama #metoo está fatal levada. O copresentador defenestrado é unha personaxe máis da historia e realmente non entendo que intentan facer con el e como isto encaixa coa súa historia feminista de serie. De feito, en ocasións, parece que o guión intenta que empaticemos con el, que entendamos a súa dor e a súa perda. Todo está desenvolvido dun xeito tan cutre (nun momento vemos a Mitch falando cun director de cine que foi ‘cancelado’ polo seu historial de acoso e abuso sexual: asumo que o guión buscaba que este fose un momento de aprendizaxe para Mitch, pero queda plano e pouco relevante e para quen está vendo a serie é un momento de moi ben, un tío aínda peor, pois vaia). En xeral, toda esta trama é confusa, presentada pobremente e semella como se a escribira un home que está convencido de que é un aliado pero que non entendeu da misa a metade.

A serie, por certo, foi pasada a unha creadora unha vez que despediron por “diferencias creativas” ao primeiro creador e lle pediron que a adaptase cunha trama #metoo. Kerry Ehrin, a creadora, sinala nunha entrevista a Vulture que quería reflexar esa seguridade que teñen algúns homes sempre de que non fixeron nada malo. Unha vez que les esa declaración podes ver onde quere ir na serie, pero polo menos nestes tres primeiros capítulos a historia non funciona e non deixa nada claro que en realidade Mitch si fixo algo malo. De feito, se es un señoro e ves a serie, sintonizarás superben con Mitch e berrarás “por suposto” coas súas declaracións.

A trama #metoo non é o único que falla. A historia vai dunha vella gloria da televisión á que a súa cadea quere despedir (xa non ten tirón na audiencia) e a emerxente nova aparición (que polo menos non é unha mociña acabada de saír da universidade, senón unha muller de 40, o que se agradece), que é algo que xa vimos vinte mil cincocentas veces. A serie bebe ademais de todos os pecados de The Newsroom, con eses discursos grandilocuentes sobre o que é o xornalismo e os seus directivos chungos aos que asumo que deberíamos odiar (pero que por agora un deles, o director de informativos, é o único personaxe que é o meu favorito: é o único que parece interesante). Todos teñen ademais vidas pasadas tráxicas, complexas e #drama (ata o director de informativos…) que está claro que explotarán nalgún momento.

Seguirei subscrita a Apple TV+ unha vez que acaben estes sete días de proba? Non, non teño dúbida de que darei de baixa o servizo. As series son demasiado pouco diferentes, demasiado pouco interesantes e demasiado pouco variadas para conectar comigo, especialmente se temos en conta que os seus competidores estanme dando xa un abano de posibilidades infinitamente mellores.

Fotos | Apple

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *