The Loudest Voice: a serie que aborda a cara “chunga” dos medios

Nas series sobre xornalistas, os protagonistas son, case sempre, heroes. Son persoas obsesionadas coa ética e con cambiar o mundo. Por suposto, sempre teñen traballos ultraambiciosos e abordan temas deses que fan caer gobernos. O habitual non é que o xornalista da serie traballe no xornal local escribindo sobre cabazas de exposición (o que posiblemente reforza esa idea clasista dentro e fóra do xornalismo de que hai medios e xornalistas de primeira e segunda…*) senón que estea destapando un escándalo que lle revelou algunha fonte super importante (porque as fontes son así, sempre asexando nos parkings a ver que xornalista atopan). Poderiamos dicir que o patrón ouro da serie de xornalistas é a pretenciosa The Newsroom, que aquí vimos relixiosamente nun exercicio de aditivo hate watching.

Pero pódese facer unha serie sobre xornalistas protagonizada polos que non son “os bos” e cun protagonista que está ben lonxe de salvar ao mundo destapando escándalos ou con programas incisivos que só verán os mesmos nichos de sempre? Showtime está a facelo. The Loudest Voice segue a Roger Ailes, o fundador de Fox News (e si, se lle preguntasen se a serie é sobre “os bos” a resposta sería bastante diferente). Movistar está emitindo en España a serie nun dos seus canais propios como La voz más alta. Russell Crowe é o protagonista, nun deses papeis “irrecoñecibles” nos que soen dar moitos galardóns aos seus actores xa só pola transformación.

A historia segue de forma cronolóxica, aínda que saltando anos e momentos, a fundación, o crecemento e o impacto de Fox News, a canle de noticias conservadora estadounidense. Ailes foi o cerebro detrás da operación, fichado por Rupert Murdoch para dotar a News Corp dunha cadea de noticias para EEUU. Ailes, moi vinculado ao Partido Republicano e cunha carreira como estratega de marketing político detrás (o que xa é bastante problemático dende o punto de vista da ética xornalística), soubo ver un baleiro. As cadeas de noticias non estaban chegando ao público conservador e vendeu a idea de dotar dunha liña clara ideolóxica nesa dirección á cadea.

A partir de aí, sen embargo, a cadea foi a máis e máis, cruzando non poucas liñas éticas. O importante non eran as noticias, senón a política das noticias. De feito, o Ailes da serie exclama en non poucas ocasións que o que é noticia é o que eles digan (e pouco importa inventar, falsear ou forzar a realidade: vendo a serie pódese seguir o crecemento das fake news e o seu calado na axenda política).  Todo o que eles digan tiña que beneficiar, ademais, á ala máis dura dos republicanos estadounidenses.

Por suposto, Ailes é un personaxe (ou foi: morreu hai uns anos) moi estadounidense, pero o eco do que creou e do xornalismo que asentou na axenda é recoñecible tamén fóra dos Estados Unidos. A medida que pasan os capítulos (xa vamos polos cinco primeiros de seis) vaise vendo como se foi asentando a retórica e os mecanismos da nova extrema dereita e como o tirón do que eles facían impactou dun modo transversal. Unha das súas non-noticias acabou tendo eco mediático e facendo que The New York Times falara do tema, a pesar de que sabían que non era noticia (os personaxes len un editorial do xornal no que recoñecen que cren que aquelo non é un tema noticioso, pero que se todo o mundo fala diso están obrigados a facer o mesmo).

Xa só por iso a serie sería moi interesante, pero o certo é que Ailes permite sacar moito máis da súa historia. A súa caída, antes de morrer, non estivo marcada por como falseou e manipulou a realidade (a historia do Obama musulmán e africano foi un exemplo) senón por un escándalo de acoso sexual. Unha das xornalistas da cadea, Gretchen Carlson, presentou unha denuncia en contra de Ailes en 2016, que funcionou como punto de partida para que máis mulleres se atreveran a denunciar unha situación de anos. Ailes acosaba ás mulleres que traballaban na cadea. News Corp tivo que pechar varios acordos millonarios con elas e acabou despedindo a Ailes.

A serie recorre toda esta historia, que foi un dos primeiros grandes escándalos que axudaron a cambiar o discurso nos medios sobre acoso sexual no traballo, xusto antes do escándalo Weinstein e da explosión do movemento #MeToo dun xeito global (o movemento xa existía), como tamén como Ailes se foi facendo cada vez máis megalómano e máis poderoso, convencido de que nada nin ninguén o podería tocar.

* Para unha serie cun xornalista que fai noticias locais recomendamos After Life, en Netflix

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *