A primeira feira do libro de Galicia

Aínda que o presente e o futuro das feiras do libro son temas que protagonizan non poucos debates, o certo é que a súa celebración segue a ser unha constante no mundo libresco, unha que o público lector continúa vendo con bos ollos. No fondo, todas amamos a feira do libro, polos significados emocionais que conectamos con elas, e tamén damos por sentado que serán o clásico sempre presente das novas primaveras e veráns.

Pero cando empezaron as feiras dos libros modernas; esas que rapidamente identificamos como tales, coas súas casetas, as súas actividades e as ventas de libros recentes? As feiras son un produto de comezos do século XX. Nos anos 20 e 30, existían xa festas do libro e actividades con nomes semellantes, nas que se celebraba o libro en xeral ou de xeito particular. Por exemplo, nos anos 30, Vigo acolleu unha «semana portuguesa», na que unha das accións festivas foi unha especie de feira do libro portugués. Na década anterior, conferencias ou visitas á biblioteca universitaria conformaban o programa da festa do libro en Santiago.

A feira do libro moderna, a que hoxe coñecemos como tal, empeza en Madrid. A primeira como tal considérase a de 1933 —aínda que en Madrid tamén existiron outras festas e ventas de libros previas—, posto que non era unha acción para dar saída a fondos ou restos de edición. Era unha xornada festiva para coñecer novidades y dalas a coñecer, iso si, cun 10% de desconto. O interesante tamén era que a feira lograba romper as barreiras de acceso ao libro, posto que neses anos aínda estaba nacendo a libraría moderna e as clásicas eran sitios escasamente amigables nos que non todo o mundo se sentía confortable. A feira do libro de Madrid foi un éxito, con moitísimo público e moitísimas ventas, o que levou a que se repetise nos anos seguintes e tamén creou un modelo.

Cando se celebrou a primeira feira do libro en Galicia? A Federación de Librarías de Galicia, que organiza as feiras actuais, fundouse en 1977. Con todo, que acontece cando buscamos nas hemerotecas que pasaba nos anos nos que as feiras do libro estaban arrincando en España? Había xa feiras nos anos 30?

O máis vendido: obras de cuestións sociais, novelas, libros de agricultura e gandería, idiomas e novelas de aventuras

Interese había. Así, en 1934, en Santiago, segundo publicaba entón El Pueblo Gallego, falábase en marzo de facer unha primeira feira do libro galego. As razóns do movemento estaban en que se sentía que a publicación dos libros galegos tiña pouca resonancia. «Os intelectuais da nosa rexión quéixanse, moi razoablemente, da escasa resonancia que en Galicia ten a publicación dun libro», escribe L. Santiso Girón. «Dunha obra recente de Ramón Villar Ponte sobre un tema de actualidade como o da autonomía dicía, hai días Antonio Vilar Ponte que ninguén falara», exemplifica.

A feira do libro de Vigo en 1934, nas páxinas de El Pueblo Gallego

Diría que a idea quedou en nada, pero en abril si houbo unha feira do libro en Vigo. Puxérona na rúa Galán (Príncipe) e o reclamo era que os libros estaban a metade de prezo (posiblemente, era un xeito de dar saída a libros de fondo). El Pueblo Gallego (novamente) fala do tema: mandou a Julio Sigüenza a pasar alí unha hora e contalo.

Di que hai libros para todos os gustos e de todas as temáticas. Tamén que o público é de todo tipo. Detrás da feira está Pablo Barrientos «o propietario da libraría máis antiga de Vigo», que tivo a idea de sacar os libros «a tomar o sol» e baixarlles o prezo. Na entrevista que lle fai o xornalista di que a feira está «resultando produtiva» e que están saíndo libros que levaban moito tempo no negocio. O máis vendido: obras de cuestións sociais, novelas, libros de agricultura e gandería, idiomas e novelas de aventuras. Pío Baroja, Camba, Wenceslao Fernández Florez, Azorín, Valle Inclán foron os máis vendidos en novela e Jacinto Benavente en teatro.

«O público da nosa cidade gusta da lectura e de capacitarse para a loita pola vida», asegura o libreiro, que indica que o único problema do libro español é que é «excesivamente caro». Pregúntase: «Como vai vostede a vender a un obreiro un libro de sete pesetas, hoxe o prezo case estándar da produción nacional, se hai obreiros que non as gañan no día?».

Foto | Canva

Shares

10 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *