Disquecool cumpre 10 anos

 

Tantos anos de vida e esta é a única foto que temos de todo o equipo ao completo

Tantos anos de vida e esta é a única foto que temos de todo o equipo ao completo

Nin a propósito nos tería quedado tan cheo de tópicos: Disquecool naceu en Padrón diante dunha ración de polbo despois de ir visitar a casa de Rosalía de Castro. Quedaramos en Padrón porque non sei xa quen de nós non tiña visitado aínda a casa de Rosalía de Castro e fixemos turismo literario. Logo, fomos comer a un bar que recomendaran, se mal non recordo, os pais de Cris.

Mentres comiamos saíu a recorrente conversación que temos as xornalistas cando nos acabamos xuntando e falando de traballo, do que botamos en falta no panorama de medios e do que nos gustaría facer. Daquela eu vivía en Madrid e por traballo tiña que acudir a un montón de eventos do universo entrepreneur (e de tanto escoitalos, todo se che pega). Volvín a casa, seguín pensando no que falaramos ante a ración de polbo que poderíamos facer e mandei un mail de “deberíamos facelo!”. O traballo en equipo púxose en marcha e de aí naceu Disquecool. O lanzamento do medio fíxose en maio de hai agora 10 anos: Disquecool acaba de facer a súa primeira década de vida.

O equipo que o lanzamos —Ana, Cris, Lucía e máis eu (que entón asinabamos só cos nosos nomes propios, o que quedaba moi moderno pero que era en realidade por cuestións vinculadas aos nosos outros traballos) na área dos contidos, Andrés na das fotos e Juan na de deseño e cousas techempezamos con moita ilusión. Nos seus primeiros anos, Disquecool publicaba dous artigos ao día. As nosas liñas editoriais, que seguen sendo as mesmas, eran as de publicar contidos vinculados a áreas de ocio, entretemento e estilos de vida, sobre as que entón no se estaba publicando en galego na rede. A nosa fonte de temas era e é global, porque globais son as tendencias en ocio, entretemento e estilos de vida.

Nun primeiro momento, saímos con máis ilusión que perspectivas de negocio. Disquecool era algo que faciamos porque nos gustaba a idea e porque nos interesaba. Criamos que podería ser rendible? Si, o certo é que naquel primeiro momento o pensabamos. Unha parte de nós, confesamos, estaba convencida de que ía chegar algún día alguén da Xunta cun maletín de cartos (xa sabedes, por #lodelgallego, pero xa vos avisamos que non pasou e que tampouco nos dan nada por feministas, internet está cheo de mentiras!). Monetizar un medio online non é doado, pero aínda é máis complicado en galego. Naquela época, o AdSense de Google aínda daba ingresos valiosos aos medios online, pero Disquecool non podía participar porque o sistema non recoñecía o idioma galego, por poñer un exemplo.

A iso hai que sumar, recoñecemos, que como comerciais somos da peor especie. Non temos habilidades para vendernos e para lograr que as marcas nos dean os seus cartos, en parte tamén porque as veces que fixemos ese traballo de comercial de vender os nosos espazos de publicidade pódense contar cos dedos das mans.

Máis alá diso, tiñamos moitísimas grandes ideas moi atractivas. Polas nosas reunións pasaron unha idea de guía marabillosa, moitas de libros e coleccións literarias e ata unha dunha serie documental sobre a que falamos con gran entusiasmo. Nada foi adiante, porque Disquecool non ten o músculo financeiro para poder levar a cabo estas ideas (agora ben, nunca deixaremos de estar receptivas a propostas para poder levalas a cabo). Disquecool nunca foi rendible nestes dez anos e nunca nos xerou riquezas. En realidade, é un traballo que facemos por amor á arte, case como a nosa responsabilidade social corporativa.

Por iso, o volume de actualizacións de Disquecool é agora moito menos frecuente que o que mantiñamos cando comezamos. Do equipo fundador —por razóns da vida como novas responsabilidades— só quedamos en activo Ana e máis eu, que queremos que Disquecool dure outros dez anos máis pero que tivemos que asumir tamén os límites do noso tempo laboral.

Volvendo ao positivo, Disquecool deunos moitas alegrías durante estes dez anos. Estamos moi agradecidas aos diferentes colaboradores que ao longo dos anos publicaron os seus artigos con nós e que nos permitiron descubrir outros puntos de vista e outras historias. Por suposto, tamén estamos moi agradecidas a todos vós, a nosa comunidade lectora, por acompañarnos durante toda esta década.

E igualmente, gozamos moito escribindo, xa que Disquecool nos permitiu facer moitas cousas marabillosas. Tantas que fixemos unha lista para lembralas todas.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *