Pouco imaxinabamos cando falabamos de crear un medio de tendencias e estilos de vida que Disquecool ía cumprir dez anos de vida. En dez anos pasan moitas cousas e o certo é que estes dez últimos anos parecen —polo que pasou no mundo— case como material para unha bildungsroman… ou para un melodrama. Pasamos a Gran Recesión, os anos de que os millennials (como nós!) levaran a culpa de todo, o noso paso dos 20 aos 30, a aparición de disquedescendencia e —o xiro final que ninguén prevía— unha pandemia global. Tamén escribimos moito. No noso décimo aniversario, facemos balance do publicado e escollemos aqueles artigos dos que, por unha razón ou por outra, lembramos con máis cariño ou con máis orgullo.
Lucía: Lembra como “máis completos” os seus disquerretos. Durante varios veráns, Lucía e Andrés percorreron diferentes países —a maioría en bicicleta— e o relato apareceu nunha serie de artigos en Disquecool. Foron unha viaxe pola Canle dos Dous Mares, outra polo Danubio en bicicleta ou un percorrido polas capitais hipster de Estados Unidos.
Cris: “Eu recordo con moito cariño o que fixen sobre as obras máis cool da literatura galega segundo diversos autores galegos, porque me encantan ese tipo de listas, porque servía a modo de recomendacións, e tamén porque me pareceu interesante comprobar o que cada quen entendía por cool en literatura. Xa me gustara o anterior, co listado de obras máis cool, pero este aínda máis”.
Ana: “Síntome moi orgullosa (ou é o que lembro con máis cariño, quizais) das entrevistas a músicos. Está un pouco mal dicir que a miña preferida foi a de Bart Davenport, por iso de que foi a primeira, pero é que foi o meu entrevistado favorito do mundo enteiro! (Calquera que coñeza a Bart seguro que o entende). Tamén lembro con moito agarimo o tema que fixemos en Viena aos rapaces de They Shoot Music, que fora entrevista por un lado e asistir a unha das súas gravacións por outro. Penso que quedou moi ben (o vídeo final, por certo, con dúas disquerredactoras chupando bastante cámara, está aquí).
Tamén estou moi orgullosa das disquefichas, idea que naceu para ter unha escusa para abordar a Jarvis Cocker no Primavera Sound se aparecía diante de min, algo que aconteceu!”
Raquel: “Calquera dos artigos nos que puiden frikear sobre temas que me interesan fíxome especialmente feliz. De todos, o que lembro con máis cariño é o que escribín hai uns anos sobre María Vinyals, pioneira do feminismo galega e unha muller cunha biografía digna dunha miniserie. Estaba fascinada coa súa figura dende que a atopei mencionada nun libro cando era adolescente e non había moito que ler sobre ela. O artigo foi construído usando varias hemerotecas dixitais (que amo, por certo) e gañou o premio de xornalismo Reimóndez Portela“. (Engade, por certo, que a casualidade fixo que xusto despois houbo un boom de recoñecemento para María Vinyals, cunha exposición e varios libros, que gozou moito).
O que vivimos
Ademais dos artigos que escribimos, Disquecool tamén nos deixou moitas vivencias que lembramos como algo destacable. “Lembro con especial cariño a Disquefesta (aínda que esta lembranza está unida á de que un xonqui entrou na miña casa e roubou os poucos cartos que recadamos), e as nosas participacións no Culturgal”, apunta Lucía. “En xeral, coñecín xente e iniciativas moi interesantes. Sobre todo gocei coas entrevistas e reportaxes que me permitiron coñecer en persoa locais, exposicións, artistas… e non só coñecer novos proxectos, senón tamén as historias e motivacións das persoas que están detrás”, engade.
“Para min os grandes fitos son todos eses momentos nos que puidemos coñecer aos nosos lectores: os Culturgais, a Romaría Pop, a Disquefesta… e eses momentos de emoción cando ías pola rúa e vías a alguén descoñecido para ti cunha disquebolsa”, apunta Ana, tamén na mesma dirección.
Para Cris, disquefesta e o primeiro Culturgal foron momentos destacados, pero tamén o propio nacemento do medio. “Eu igual non son moi ambiciosa que creo que o que recordo como máis top foi a propia fundación. Falar do que queriamos facer e, sorprendentemente, levalo a cabo. Eses primeiros meses foron moi emocionantes!”, sinala.
E Raquel engade unha nota “se cadra un pouco egocéntrica”, porque ademais das participacións en Culturgal e outros eventos o que lembra especialmente foi “que un dos meus textos apareceu nun exame de Selectividade. Creo que é o punto máis alto ao que a miña carreira de xornalista vai chegar endexamais”.
h0jbcu
r69gfb
01256r
q9lmgz
g5v5u2
kyyusn
nyb804
habswt
lqrixv