O top ten dos libros cool en galego

Hoxe que é o Día das Letras Galegas cómpre celebralo como merece: lendo un bo libro galego. Porque si, xa vimos unha chea de bos plans para este día, pero ás veces é necesario volver ao básico e repasar algúns desde libros que nos fan sentir orgullosos da nosa literatura.

Máis alá das vacas sagradas (Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Manuel Rivas… ), hai unha serie de títulos máis e menos famosos, pasados e presentes, que resultan sorprendentes, innovadores, transgresores e definitivamente cool. Por suposto, non entraremos agora na definición de cool para evitarnos polémicas, pero animámoste a facer a túa pequena lista de autores cool galegos, pasárnola e aumentar así as suxestións de lectura para esta longa e apracible tarde de festivo.

Aí vai o noso top ten dos libros cool galegos.

1. ‘De catro a catro’ – Manuel  Antonio

Non temos dúbida en Disquecool sobre quen merece a posición de honra neste top ten. A produción poética de Manuel Antonio é breve, pero grande. En ‘De catro a catro’ acada unha riqueza formal, un léxico coidado, un afán vangardista, descoñecido ata aquela na literatura galega. Pero sobre todo, é unha obra fermosa, sinxela na súa complexidade, primitiva e evocadora.

2.’ O crepúsculo e as formigas’ – Méndez Ferrín

Pesimista e sórdido, con influenzas da narración cinematográfica e outras innovacións técnicas, ‘O crepúsculo e as formigas’ entra de cheo no que entendemos coma literatura postmoderna. Parte do máis particular para englobar a literatura universal nun traballo equiparable o que fan Sigur Rós na música. Proba a ler este libro co álbum sen título soando ao fondo!

3. ‘Poesía última de amor e enfermidade’ – Lois Pereiro

De Lois Pereiro falouse o ano pasado largo e tendido, pasando de ser un semidescoñecido para o gran público a ser case unha celebridade. Esperable. A súa escritura, expresiva pero contida, chea de referencias pero accesible, íntima e individual, mostra toda a dor e toda a beleza, e probablemente ‘Poesía última de amor e enfermidade’ sexa a mellor proba disto.

4. ‘New York, New York’ -Inma López

Crónica moi divertida, e sobre todo diferente, da vida na gran cidade. Un libro cosmopolita, apaixonado, vital, fresco e con ese punto irónico imprescindible para comprender a existencia moderna. Os capituliños de ‘New York, New York’ foron primeiro entradas do seu blog e despois reconvertéronse en libro, o que permite un ton moi próximo, desenfadado e áxil.

5. ‘Tres segundos de memoria’ –Diego Ameixeiras

Relato xeracional do post-fracaso que bebe directamente do ‘Alta fidelidade’ de Nick Hornby. Estilo fresco cheo de humor, para falar de mozos de 30 anos, cultos e con estudos, pero perdidos e en paro. Un libro máis que actual.

6. ‘Cráter’ – Olga Novo

Libro de poemas coa forza do primitivo, do telúrico e de profunda sonoridade. O traballo da linguaxe poética serve para exaltar o amor, a vida, a liberdade: a intensidade.

7. ‘Vidas post-it’ -Iolanda Zúñiga

Este libro componse de microrrelatos de fonda pegada poética. Pequenas historias que parecen non contar nada, pero o fan musicalmente, insinuando conclusións, seducíndonos coas verbas. Estilo moi urbano, de soidade e alienación, pero que deixa un pequeno lugar para a esperanza.

8. ‘Amores e clamores’ – Claudio Rodríguez Fer

Poesía reunida dos máis de 30 anos de obra do autor, onde volvemos a atopar (ao igual que con Olga Novo) un expresivo entusiasmo ante a ledicia de vivir, pero dunha maneira orixinal,  imaxinativa, directa e sensitiva. Todo un canto á vida.

9. ‘Obediencia’ – Antón Lopo

Novela de ciencia ficción (xa só por iso resulta innovador na nosa literatura) esixente, que serve para reflexionar sobre o ser humano contemporáneo e sobre as nocións de control e obediencia desde unha perspectiva social e política.

10. ‘Sidecar’ – Alberto Lema

Libro honesto sobre a xuventude actual, pouco elaborado no plano formal, pero que comunica con inmediatez. Trata as relacións sentimentais desde unha óptica realista e, ao mesmo tempo, orixinalmente divertida.

11. Bonus track: ‘Extranjera en su patria: cuatro poetas gallegos’

Deixámosvos de premio esta magnifica antoloxía bilingüe da poesía galega, ideal para regalar aos amigos non galegos. Aquí atopamos algúns dos mellores poemas de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís Pimentel e Luz Pozo Garza. Imprescindible para dar a coñecer a poesía galega fóra de Galicia.

 

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *