Mañá é o Día das Letras Galegas, unha sempre boa escusa para congratularnos do fantástica que é a nosa literatura e para festexar (aínda que iso de que coincida en sábado faino un pouco menos festa). Serve a ocasión para facer listas dos libros máis -o que corresponda en cada caso- ou recomendacións de lectura. Pero tamén para recordar que os nosos libros non os lemos soamente nós e que poucas cousas hai máis bonitas que poder compartir eses libros nosos cos amigos de fóra (sen que sexa unha terrible tradución nosa o medio de transmisión).
A pregunta é: cantos libros poderíamos dar a ler a un amigo inglés? Cantas a un francés? O certo é que as cifras pareceranvos un pouco pobres, pero todo depende de con que o comparemos. En realidade, para a cantidade de libros que hai publicados en Galicia, a porcentaxe de traducións non é especialmente baixa, aínda que en total (e ata 2008 que é ata cando hai datos fiables) traducíronse do galego a outras linguas soamente 937 libros de literatura, sen contar antoloxías nin obras non literarias. A maioría, como era de esperar, ao castelán (530 traducións).
As boas noticias son que cada vez os estranxeiros teñen máis literatura galega dispoñible, desde que nos anos 70 comezaron a traducirse ao castelán as obras de Celso Emilio Ferreiro (antes hai outras traducións, pero sempre escolmas en antoloxías; a primeira data de 1898 e é unha antoloxía de poetas vascos, cataláns e suecos traducidos ao sueco). Na década dos 70 traducíronse 6 libros do galego, todos ao castelán. Na dos oitenta xa foron 71, tamén ao resto de linguas oficias de España e ao alemán (‘Memorias dun neno labrego’), bretón (‘O can Rin e o lobo Crispin’), ucraíno (‘A galiña azul’), francés (‘Xente de aquí e acolá’) ou italiano (‘Os escuros soños de Clío¡). Carlos Casares era entón o máis internacional dos nosos escritores, e o que pronto se convertiría en tónica habitual, o xénero infantil o máis demandado. Nos noventa, 404 obras literarias galegas foron traducidas, e do 2000 ao 2010 632.
As linguas ás que máis se traduce desde o galego son, por esta orde, as seguintes: castelán, catalán (185), vasco (82), inglés (46), francés (43), bable (22) e portugués (19). Os autores máis traducidos (cruzando linguas e cantidade de libros), tamén por orde son Agustín Fernández Paz – con moitos dos seus libros en varias linguas penínsulares-, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Marisa Nuñez, Suso de Toro e Carlos Casares. Entre os clásicos, é Rosalía de Castro a máis traducida, a idiomas como o castelán, o francés, o inglés, o alemán…¡e ao xaponés! Aínda que o libro máis traducido de todos é ‘O lapis do carpinteiro’, traducido a máis de 20 idiomas entre os que salientan exotismos como o croata, o noruegués ou o holandés.
Se saímos de Europa, xa si que apenas atopamos literatura galega traducida. En xaponés temos ‘Cantares gallegos’ e ‘O lapis do carpinteiro’, e en chinés, ‘Memorias dun neno labrego’.
Outra cousa sería saber cantos deses libros son lidos polo seu público potencial. Nun interesante artigo de hai catro anos, Jonathan Dunne comentaba que só tres autores en galego conseguiron vender máis de 1000 copias no mercado anglosaxón, Manuel Rivas con ‘O lapis do carpinteiro’, Álvaro Cunqueiro con ‘Merlin e familia’ e Domingo Villar con ‘Ollos de auga’. O resto de datos son segundo a base de datos da Unesco (que insisto, non está totalmente actualizada).
O libro máis traducido non é Memorias dun neno labrego?http://books.google.es/books/about/Memorias_dun_neno_labrego.html?id=K29qXseDd_8C
En xaponés tamén está A arte do fracaso, de Berta Dávila: http://www.amazon.es/The-failure-japanese-Berta-Dávila-ebook/dp/B00J355XFA/ref=sr_1_2?ie=UTF8&qid=1400231832&sr=8-2&keywords=berta+dávila
En 1963 publicouse a tradución ao castelán de “Memorias dun neno labrego”.
1deit2