10 poemas galegos que se converteron tamén en cancións

Está claro que a relación entre poesía e canción é estreita, e moitas veces a fronteira é difusa. Por algo son algúns músicos considerados tamén poetas, e a musicalidade é clave en calquera composición poética. Por iso tamén, son moitos os grupos musicais que queren converter os seus poemas favoritos en cancións.

A literatura galega non escapa a esa tendencia e moitos poemas en galego, de todas as épocas e estilos, teñen sido levados a cancións.  Sen dúbida todos coñecemos a ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro, cantada por Luz Casal, pero hai moitos máis exemplos.

1. Negra sombra -Luz Casal e Carlos Núñez

‘Negra sombra’ é unha peza de Rosalía de Castro do poemario  ‘Follas novas’, musicado por Xoan Montes, con arranxos de Carlos Núñez e cantado por Luz Casal. É sen dubida o poema feito canción máis popular, ao que quizáis axudou a súa inclusión na banda sonora do filme ‘Mar adentro’.

2. Unha noite na eira do trigo – Os Tamara

O compositor decimonónico Xoán Montes tiña a súa propia versión de ‘Negra sombra’, pero tamén puxo música ao poema de Curros Enríquez ‘Unha noite na eira do trigo’. Aquí escoitamos a interpretación de Os Tamara, aínda que hai moitas máis para elixir.

3. Osaka – Os amigos dos músicos

‘Osaka’ é unha das primeiras cancións do grupo ourensán Os amigos dos músicos, adaptando o poema de Carvalho Calero ‘A orquesta filarmónica de Osaka’.

4. Chove en Santiago – Luar na lubre

‘Madrigal á cibdá de Santiago’ é un dos 6 poemas que Federico García Lorca escribiu en galego, convertido en canción (como os outros cinco) polo dúo arxentino Claudina e Alberto Gambino. Pero a  versión máis coñecida hoxe é sen lugar á dúbidas a de Luar na lubre.

5. En Leonberg – Manu Clavijo

Outro artista de orixe arxentino fascinado pola nosa poesía foi Manu Clavijo, quen musicou 16 textos de ‘Poesía última de amor e enfermidade’, de Lois Pereiro, no disco ‘Lois Pereiro. Canción última’. ‘En Leonberg’ é unha das 16 cancións.

6. Quen puidera namorala – Xoel López

Xoel López é só un máis da longa lista de artistas (Luis Emilio Batallán, Amancio Prada, Astarot, Milladoiro…) que cantaron este poema de Álvaro Cunqueiro, ‘No niño novo do vento’, musicado polo primeiro, Batallán.

7. O cartafol do vento – Maite Dono

A cantante Maite Dono interpreta no seu primeiro discos, diversas pezas de Emilio Cao, entre elas, este ‘O cartafol do vento’, poema de Manuel Antonio feito canción.

8. Cercaram-me as ondas – Pedro Barroso

As cantigas de amigo tamén seduciron a compositores e cantantes. A famosísima ‘Sedia-m’ eu na ermida de San Simión’, de Meendinho, é unha das cancións que aparecen no disco do cantante portugués Pedro Barroso ‘Cantos D’Antiga Idade’ adicado ás cantigas medievais.

9. Querida mamá, estou aprendendo a ladrar – Xardín desordenado

Xardín desordenado é un proxecto que reúne a cinco músicos diferentes co obxectivo, precisamente, de converter os poemas galegos en cancións. Escoitamos hoxe unha versión musicada do poema ‘Querida mamá, estou aprendendo a ladrar’, de Olga Novo.

10. Longa noite de pedra – Astarot

No sexto disco deste grupo de Cangas, ‘Longa noite de pedra’, musícanse poemas de grandes autores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Castelao, Darío Xohán Cabana ou Celso Emilio Ferreiro. Escoitamos o tema que da título ao album.

Por certo, podedes atopar moitas máis cancións baseadas en poemas na completa web Son de poetas.

Shares

    10 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *