Os festivais (galegos e portugueses) que veñen: agosto 2015

vdfpdc2014_copyright_hugo-lima-016Xa sei, xa sei, estamos xa a día 11, pero as cousas non son sempre doadas e as horas do día pasan moito máis rápido do que queremos, especialmente no verán. Xullo foi tan perfecto desde o punto de vista festivaleiro que case arrastramos a resaca ata mediados de agosto, pero agora que estamos xa recuperados podemos volver pensar nos eventos que aínda temos por diante e esquecer o medo das mañás de néboa pensando que o ano pasado o verán durou ata finais de outubro. O mellor está por chegar! En canto a festivais quedan tamén uns cantos.

Tentacle Summer Fest. 14 e 15 de agosto, Foz (Lugo).

É xa o quinto ano que Foz se converte na capital da música house e da electrónica en xeral, e nesta edición as cousas continúan por bo camiño, xa cun total de 20 concertos programados. Estarán Marshall Jefferson, Jack The Box ak Tyree Cooper e Bobby Starrr, Dj Ino & Mc Johnny Def, ou Bonfante entre outros moitos.

V de Valarés. Do 14 ao 16 de agosto, Ponteceso (A Coruña).

É xa unha das citas fixas no verán galego e nunca defrauda. Ademais de estar nun lugar privilexiado, na praia de Valarés, co que podes arrastrate da tenda de campaña ao mar durante o día, e darlle importancia á gastronomía, o cartel é sempre interesante. Este ano estarán Kepa Junkera, Pony Bravo, Sérgio Tannus + Paulo Silva, Julio de la Rosa, Is Tropical, Kiko Veneno e Eli Paperboy Reed entre outros. Todo por 15 euros (acampada incluída!).

Paredes de Coura. Do 19 ao 22 de agosto, Paredes de Coura (Portugal).

Por suposto! O festival internacional no que máis galegos encontrarás, o noso amado Paredes de Coura, volve un ano máis coa súa identidade intacta: cartel impresionante, prezos populares, e o lugar privilexiado á beira do río. Este ano estarán Tame Impala, Lykke Li, Father John Misty, -The War on Drugs, Natalie Prass, Slowdive e Mark Lanegan Band entre outros. O bono é de 85 euros!

Revenidas 2015. Do 21 ao 23 de agosto, Vilaxoán (Pontevedra).

Desde a organización aseguran que esta será a edición máis internacional do festival, e unha ollada ao cartel déixao ben claro: ademais de grupos galegos, tocará xente chegada desde Euskadi, Valencia, Madrid, Estados Unidos, Canadá ou Italia. Moitas linguas e estilos distintos, do reggae ao swing, pasando polo ska, o pop e as músicas balcánicas. Heredeiros da Crus, Kasernarat, Los Chikos del Maíz, Swingdigentes, Spin Te Kú, Dakidarría, ZOO… O bono para os tres días custa 30 euros.

Reverence Festival. Do 27 ao 29 de agosto, Valada (Portugal).

Un festival para amantes da psicodelia, do garage, do shoegaze e todos os xéneros relacionados. Esta é a súa segunda edición e o cartel chega ben cargadiño. Poderás ver a xente como The Horros, The Jon Spencer Blues Explosion, Sleep, Amon Düül II, The Act-Ups, One Unique Signal ou Miranda Lee Richards. As entradas a 65 euros.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *