Decembro xa está aquí cos seus días fríos, coa chuvia ofrecendo treguas máis que xenerosas, coas rúas cheas de luces (especialmente xa sabes onde) e coa ponte e as vacacións ou os festivos de Nadal xa moi presentes. Un plan para estes días é sempre quedar na casa desfrutando de calefacción, series ou libros e manta, pero hai máis opcións. Saír á rúa e respirar o aire frío de inverno, entrar nun local quentiño pola xente, deixarnos levar pola música en directo. Queres un decembro de concertos? Esta é a nosa selección.
Bart & The Bedazzled
Luns 3 no Torgal (Ourense), martes 4 en Flamingo (Santiago), mércores 5 na sala Sinatra (Vigo). Que en Disquecool somos moi fans de Bart Davenport non é ningún segredo. Considerámolo o noso padriño e sempre que vén por aquí (moito!) imos aos seus concertos. Desta vez vén con banda, The Bedazzled, para presentar o seu álbum Blue Motel.
Marem Ladson
Xoves 6 no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. Igual xa vos decatastes: 2018 e o ano no que hai que descubrir e ver en directo a Marem Ladson. A artista ourensana lanzou este ano o seu primeiro disco, Marem Ladson, que non fai máis que acumular gabanzas. Houbo moitas ocasións para vela, pero se aínda non o fixeches ou queres repetir, xa sabes: o xoves en Ferrol.
Silvia Pérez Cruz & Marco Mezquida
Sábado 8 no Palacio da Ópera da Coruña. Silvia Pérez Cruz chega coa súa voz doutro mundo acompañada do pianista de jazz Marco Mezquida para ofrecer un concerto no que a improvisación paseará por distintos estilos e distintos idiomas.
Os sons esquecidos
Sábado 8 no Vello Cárcere (Lugo). Os sons esquecidos é o orixinal proxecto do musicólogo Abraham Cupeiro: unha viaxe no tempo a un pasado moi afastado, ese de hai máis de 2000 anos. Xa se facía e escoitaba música entón e xa había instrumentos musicais. Algúns deles soarán neste concerto.
Niño de Elche
Xoves 13 no Teatro Colón da Coruña. Flamenco ou exflamenco, xogando a mesturar categorías e fuxir delas, Niño de Elche leva xa uns anos causando entusiasmo e confusión e non deixando a ninguén indiferente. Chegará á Coruña presentando a súa Antología del cante flamenco heterodoxo.
Trajano!
Venres 14 na Fábrica de Chocolate (Vigo), sábado 15 na Sala Sónar de Santiago. Non son post-punk, son art-rock, a ver se vos queda claro. Para descubrir a diferencia, o mellor é velos en directo. Despois podedes preguntárllelo se os pillades por banda.
Depedro
Sábado 22 no Playa Club da Coruña. Tratamento preventivo perfecto para todos os que afrontan as datas festivas con certo temor e ansiedade. O nome do último disco de Depedro é Todo va a salir bien, mantra que xa non terás que repetir despois do concerto porque sairás convencido de que vai ser así.
Nacho Vegas
Xoves 27 no Teatro Colón da Coruña. Dicir algo a estas alturas de Nacho Vegas é innecesario. Segue a sacar discos, segue a rabuñar lugares inesperados coas súas letras, segue a presentar Violética, o disco que lanzou en xuño. Seguirás a ser fan se xa o eras; seguirás a odialo se estabas no grupo hater.
Mordem
Xoves 27 no Torgal (Ourense). Jane Joyd desapareceu e das súas cinzas emerxeu Mordem, o novo proxecto de Elba Fernández. Máis electrónico e quizais ambiental, máis luminoso e á vez escuro. A voz segue nun primeiro plano e é aí onde recoñecemos unha esencia evolucionada, pero constante.
Aretha Soul Divas & The Silverbacks
Xoves 27 na sala Capitol (Santiago). O último concerto do Outono Códax Festival 2018 será unha homenaxe a Aretha Franklin da man de Mayka Edjole (The Sweet Vandals), Shirley Davis (Shirley Davis & The Silverbacks), Juno (Juno&Darrell) e Astrid Jones (Astrid Jones & The Blue Flaps). Unha forma perfecta de despedir o ano, o festival e sobre todo a Aretha.
Siniestro Total
Venres 28 na Iguana (Vigo) e sábado 29 no Playa Club (A Coruña). Tamén tocarán o xoves 27 na Iguana, aínda que para ese día xa está todo esgotado. Pero claro, é que foi outro 27 de decembro, o de 1981, no que a banda de Julián Hernandez deu o seu primeiro concerto. O aniversario, 37 anos, non é redondo, pero que importa?
Basanta
Sábado 29 na sala Masterclub (Vigo). Unha oportunidade máis para espiar detrás das máscaras, para analizar corpos e miradas. Iso a priori, antes de que empece a música e esquezas os teus obxectivos detectivescos e entres nunha especie de trance pagán poucos días despois do soslticio de inverno.