Bart Davenport: “Os conservadores roubáronnos o punk”

Bart Davenport

Bart Davenport é un deses músicos que se deixan ver bastante polo noso país, pero nunca o suficiente. Non enche as salas, pero o seu público é fiel e apaixonado. Bart Davenport é tamén (ademais dunha enciclopedia musical) un tipo entrañable que contesta de forma ampla a cada pregunta e admite que cando lle fan a “ridícula pregunta” de cal é a súa rexión preferida de España, di Galicia. “Entón a xente di, ‘o que?’ e eu contesto ‘si, ti non a coñeces, pero é cool’”. Para esta entrevista quixemos simplemente seguir o consello que dá na súa canción Jon Jon. “Stop trying so hard to be cool, and do something that makes you feel good”. Falar con Bart Davenport é unha garantía para sentirse ben. Sen dúbida.

Por que decidiches que o teu último disco, ‘Searching for Bart Davenport’, fose un álbum de versións?

É unha historia algo longa, pero como vai ser escrita en galego podo contala, non o faría se fose ser publicada en inglés… Fixen un tour para o selo alemán Tapete no outono de 2009. Teño una pequena base de fans en Alemaña, pero a xira non tivo demasiado éxito e perdemos diñeiro. Entón a axencia preguntoume se lles ía pagar o déficit de 800 euros e eu dixen: “eh… non, porque non teño 800 euros”. 800 euros para alguén que ten unha discográfica non é moito diñeiro, pero si que o é para un pobre músico coma min. Así que pensei que a nosa relación acabaría así, pero non! Volveron e dixeron: “Gustaríanos que fixeses un disco exclusivo para nós, e recuperaremos os 800 euros das vendas dese disco”. E eu dixen “vale, pero teredes que gastar moito máis de 800 euros para facer un disco”, e eles dixeron que non importaba, que querían manterme dentro da familia. Entón pregunteilles se me mandarían algo de diñeiro para pagar un estudio, e dixeron: “Non, imos mandarte a Dallas, Texas, para traballar cun produtor… el tamén nos debe cartos!”. “E, cantos días de estudio podedes conseguir dese home?”, preguntei. “Oh, catro ou cinco días…”. E claro, non podían esperar que fixese un álbum con baterías, teclados, ventos e todas esas cousas en só cinco días, así que dixen que tería que ser un disco acústico. Pareceulles unha gran idea, “sempre vas de xira ti só, así por unha vez na túa vida terás un disco que soe como o concerto”.

Pero entón pensei que non quería escribir doce cancións para tocar eu só, porque nas miñas cancións gústame utilizar baterías e cousas así, así que propuxen facer un disco de versións, levo moitos anos tocando estas cancións e sempre quixen facelo, e a eles pareceulles xenial.

E como escolliches que cancións versionar para o disco?

Son cancións que levo moitos anos tocando. Nun concerto normalmente de 14 cancións, catro son versións, pero ao longo dos anos fun cambiándoas, así que ao final teño como uns 20 temas dos que me encanta facer versións, gústame facelos meus ata o punto que ás veces esquezo que non os escribín eu. Algunhas cancións tócoas sempre, como a de Jackson C. Frank. A esa cambieille os acordes, pero hai algo na letra que podería ter escrito eu, podería ser sobre min. Hai cancións con palabras que poderían ter saído da túa boca porque coinciden perfectamente co teu mundo.

Tamén escollín algunha versión nova que pensei que estaría ben ter, como a de Kings of Convenience, porque moita xente en Alemaña coñéceme por ser o seu teloneiro. Ademais, son un gran fan da canción (Cayman Islands), un tema que tocaban todas as noites e que sempre me facía sentir como que era transportado a outro mundo.

Bart Davenport

Todas as túas biografías na rede din que creciches escoitando a colección de vinilos dos teus pais hippies, cales eran eses discos?

Eran tantos! O meu pai era músico e tamén traballara en tendas de discos antes de que eu nacese, así que tiña moitos vinilos dos 60. Eu simplemente inspeccionaba as súas cousas e collía os discos que me atraían. Aínda que penso que el tamén me facía escoitar algunhas cousas. Aos seis anos obsesioneime por completo con The Beatles, así que despois dun tempo o meu pai empezou a dicir “vale, vale, xa chega cos Beatles, hai outras bandas dos 60 do Reino Unido”. Así que me puña diante do tocadiscos e dicía “vale, agora proba os Rolling Stones, agora proba The Who, agora The Kinks…”. E penso que ao final tamén me deu polo blues porque estaba nas raíces desas bandas de rock inglesas dos 60, e o meu pai tamén tocou nalgún grupo de blues, levábame aos ensaios, a estudios de gravación…

Así que creciches xa nese ambiente…

Si, aínda que o meu pai nunca foi un músico profesional. A miña nai era máis coma unha grupie, andaba con todas as bandas de San Francisco dos 60. Os meus pais separáronse cando eu tiña tres anos e a miña nai saíu do armario (é lesbiana), así que desde entón eu pasaba unha temporada co meu pai e outra con ela. A música da miña nai era a dos movementos feministas da época, das cantautoras folk. Levoume a moitos concertos de Joan Baez, escoitaba moito cousas tipo Joni Mitchell… Pero é curioso como moitos deses artistas famosos non eran un produto do seu ambiente, xa que creceron necesitando saír del. Eu en cambio son un produto dese ambiente, da influencia dos meus pais. Non me rebelei contra nada! Os meus pais tomaron moitas máis drogas ca min, foron a máis festas, eran máis radicais politicamente… pero eu son quen conseguiu ter unha carreira na música, cando eles nunca puideron pasar de aí. Había demasiadas distraccións, demasiadas festas ás que ir.

Bart Davenport

Tes un milleiro de proxectos paralelos, de onde sacas o tempo para eles? É maxia?

Non, vou rematar cunha crise nerviosa, está a volverme tolo. Encantaríame de verdade poder concentrarme nunha soa cousa durante un tempo, pero os dous grupos nos que estou agora son demasiado bos para dicir que non… Incarnations é con dous bos amigos meus, e en Honeycut estou con RV, que é un megatalento do que non me quero afastar. Pero é difícil facer malabares coas tres cousas, agora estou nun tour simultáneo de Incarnations, Honeycut e Bart Davenport e creo que é un milagre que o puidésemos organizar…

E como fas cando tocas en directo como Bart Davenport? Colles cancións tamén dos outros proxectos?

Estou tocando dúas ou tres das cancións que escribín para Incarnations, só porque soan novas e frescas. Sempre quero manter as cousas frescas, e sei que hai xente que quizais queira escoitar cancións que non estou a tocar… Pero algúns temas fanse vellos e xa non te sentes igual que cando os escribiches, ou o teu gusto musical cambiou, e moitas veces xa non te apetece tocalos. E hai outras que non me importa… Teño unha canción que se chama Sweetest game, que escribín en 1995 en Madrid, e sempre a toco porque me encanta. A mensaxe é tan sinxela e universal, que sinto que sempre a podo dicir e nunca vai envellecer, é unha boa canción.

Un dos teus proxectos paralelos foi a túa participación na Caravana Americana de Xoel López, como foi a experiencia? Xa vos coñeciades?

Coñecémonos a través de Mushroom Pillow, el era un dos primeiros grandes éxitos do selo. E mentres el escalaba as listas de discos vendidos e se facía famoso, eu era o tipo ao que publicaran só porque lles gustaba. Pero nos presentaron e conectamos enseguida. Agora estivo vivindo en Arxentina, e facendo concertos por toda América, e eu axudeille a conseguir algúns pequenos concertos en San Francisco. Penso que chegou a un punto no que o seu público en España era demasiado grande, cando a el gústanlle os concertos para 50 persoas… E tamén quería manterse humilde, aínda que eu nunca o vin actuar como unha “rock star” con ninguén. É moi bo líder, non fai que ninguén se sinta por debaixo del. Moi cos pés na terra, quizais sexa algo dos galegos [a gallego thing, no orixinal]).

Bart Davenport

Que plans tes para o futuro?

Os meus plans son ir a casa e facer un novo álbum con cancións orixinais, e vai ser totalmente eléctrico. As cancións máis uptempo serán power pop cun toque dos 80, como The Cars, e as downtempo serán algo máis tipo tecno minimal caseiro, con efectos e cousas así. Vou intentar divertirme no estudio. E será un disco que soe tan eléctrico que non creo que me vaia atrever a promocionalo cunha xira acústica…

E xa para rematar, témoste escoitado defendendo o soft rock, cando é algo que moita xente odia, esta é a túa oportunidade para expor os teus argumentos!

Non sei por que o soft rock ten unha reputación tan mala en España! O período clásico do soft rock é de cando Franco morreu, non sei canta da música que se facía nos Estados Unidos chegaba ata aquí… Pero o punk rock empezou en Nova York, respondendo ao melodiosa e suave que se volvera a música. Estaban a rebelarse contra o soft rock e tiñan toda a razón. Pero cando eu era pequeno, o que oía no ascensor, no coche, na radio, era soft rock. E despois xa de adulto volvín a el, como a “confort food”, como macarróns con queixo: son baratos, sabes que non son moi bos para ti, pero os comes porque che recordan a casa. E ao principio empecei a escoitar a The Carpenters cunha pouca ironía, pensando que era divertido. Pero despois decateime da voz tan bonita que tiña Karen Carpenter, e sabendo a súa historia, que era unha persoa con moitos problemas, a súa anorexia… agora escóitoa e tómoa totalmente en serio… esta muller tiña algo que dicir! Ademais foi cando a mediados dos 90 o punk volveuse comercial con Green Day e Rancid. Hai xente que escoita a Green Day e Blink 182 e votou a George Bush e está desexando ir a Iraq e coller un arma. Os conservadores roubáronnos o punk! E iso non é punk, votar a George Bush non é para nada punk! Así que de pronto para min o máis punk era o soft rock. Aínda que penso que xa fixen bastante dese estilo…

* Se queres saber que cousas son cool para Bart Davenport, podes ver a súa disqueficha.

* Bart Davenport está agora mismo de xira por España e Europa. Se podes facer unha escapada, recomendámolo! Máis información.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *