“Teñas a guitarra que teñas, únete ao grupazo de Iván Ferreiro”. Este é o lema da iniciativa ‘Tenemos un grupazo’ que chega á súa segunda edición, trala experiencia do ano pasado con ‘Love of Lesbian’, que reuniu en Madrid a cerca de 2.000 guitarras, violoncellos, violíns e vocais que acompañaron ao grupo.
A cita deste ano será en Murcia o vindeiro 21 de maio (Auditorio Municipal Parque Fofó). Se tes unha guitarra e es fan do músico galego, podes apuntarte a través da web de CAMON, organizadora do evento. Ata que se achegue o día, e para non desentoar no recital, podes ensaiar os temas elixidos: ‘Ciudadano A’, ‘Me toca tirar’, ‘El equilibrio es imposible’, ‘Jet lag’ e ‘Turnedo’ nuns vídeos que Iván e Amaro Ferreiro prepararon para os membros do seu “grupazo”.
Santi Balmes, cantante de ‘Love of Lesbian’, definiu a súa experiencia como líder desta iniciativa na pasada edición como “deixar entrar á xente ao comedor da túa casa, facela parte integrante do asunto”. “Notabas que a súa cara era de plenitude”, afirmou.
Así que xa sabes. Colle a túa guitarra, ¡e a ensaiar!
Foto | CAMON