Os festivais que veñen: maio 2011

Chega o sol e con el a avalancha de festivais de música. Máis grandes e máis pequenos, en Galicia ou fóra, con grupos dun ou doutro estilo… hai para todos! Nós de momento imos falarche dos festivais que terán lugar este próximo mes de maio, e como son moitos, escollemos un en Galicia, un no resto de España, e un no estranxeiro. Colle un boli e a túa axenda e a facer cábalas!

En Galicia: Festival do Norte 2011. Vilagarcía de Arousa, 6 e 7 de maio.
O Festival que todos os meses de maio fai que Vilagarcía sexa a vila cos campistas máis cool chega á súa décima edición cun cartel que nada ten que envexar aos máis grandes: !!! (Chk Chk Chk), London Guns (que así non soan a nada coñecido, pero se trata dos colegas de Pete Doherty Gary Powel de The Libertines e o ex-Babyshambles Adam Ficek), Peter Hook, os omnipresentes Delafé y Las Flores Azules, Nadadora, Triángulo de Amor Bizarro,…

(Haberá algún representante de Disquecool polo FdN, así que xa che contaremos máis cousas del).

En España: Primavera Sound 2011. Barcelona, do 26 ao 29 de maio.
O Primavera Sound son palabras maiores, claro, cun cartel tan longo e tan bo que é difícil saber por onde empezar (e peor será o momento de ter que cadrar horarios para escoller a quen vemos e a quen non). Nós (que tamén iremos, e tamén faremos especial amplo) non nos queremos perder a Pulp, Belle and Sebastian, The National, Fleet Foxes, The Tallest Man On Earth, PJ Harvey, Sufjan Stevens

No estranxeiro: ATP curated by Animal Collective. Minehead (Reino Unido), do 13 ao 15 de maio.
O festival All Tomorrow’s Parties (ATP) ten unha característica insólita que fai del algo especial: cada ano, os artistas do cartel son escollidos á súa vez por algún grupo ou artista importante. A edición deste mes de maio é a fantasía levada á realidade dos integrantes de Animal Collective, e no seu cartel están, ademais deles, grupos como Beach House, Ariel Pink’s Haunted Graffiti, Dent May (o do magnificent ukulele, ese), Atlas Sound, os Meat Puppets

Que hai na túa axenda?

Foto | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará