Quen dixo que os rapaces e rapazas indies non saben bailar? Aínda que moitas veces sexa a actitude cervexa en man e mirada ao chan coa que nos quedamos, dar pasos ao ritmo da música (se é en grupo, mellor) é unha das cousas que máis gustan entre a comunidade amante do pop alternativo. E, como mostra, 10 videoclips nos que os artistas indies amosan as súas aptitudes como bailaríns:
10. The Drums – Down by the water. Este videoclip da banda de Brooklyn xa foi chamado nalgunha ocasión o Single Ladies do indie. Quizais algo esaxerado: hai movementos sincronizados e branco e negro, pero falta algo de enerxía para chegar a esa comparación.
9. Björk – It’s Oh So Quiet. Se hai alguén responsable en varias ocasións de que o mundo indie se botase a bailar, ese é Spike Jonze. Neste vídeo, Björk protagoniza unha danza digna do mellor musical, no que non só baila ela, senón tamén todo aquel que se atopa pola rúa.
8. Nick Cave and The Bad Seeds – Fifteen Feet Of Pure White Snow. Nesta marabilla dos 90 (como a anterior), Nick Cave, os seus Bad Seeds, e outras estrelas invitadas como Jarvis Cocker arráncanse a bailar primeiro por libre e despois de forma sincronizada (e algo tambaleante) no estribillo. Quen estivera nesa pista de baile!
7. Christina Rosenvinge – Anoche. Non só os indies estranxeiros saben bailar, e así o demostrou Christina Rosenvinge neste sinxelo, bucólico e low-cost vídeo gravado no Jardín Botánico de Madrid, ao máis puro estilo dos OK Go de A Million Ways.
6. The New Pornographers – Crash Years. Neste fermoso vídeo non vemos aos integrantes de The New Pornographers nin a ninguén máis estrictamente bailando. Pero si vemos paraugas, bicicletas, e persoas empurrando carricoches cruzándose de forma nada aleatoria.
5. Belle and Sebastian – Funny Little Frog. Calquera que teña visto a Belle and Sebastian en directo saberá que Stuart Murdoch non se caracteriza por ser un cantante estático, pero quizais sorprenda ver que tamén é quen de bailar de forma coordinada e estilosa como fixo no vídeo de Funny Little Frog.
4. She & Him – In the sun. Zooey Deschanel amosou aquí unha vez máis a súa capacidade para protagonizar os vídeos máis adorables, dar pequenos chimpos en coreografías sen porse vermella e facernos crer que a rexeitada é ela, e non M. Ward.
3. Radiohead – Lotus Flower. Radiohead sorprendeu a todos cando hai uns meses estreou este videclip no que Thom Yorke realiza unha peculiar danza chea de movementos de ioga e convulsións que xa foi adaptada a distintos estilos musicais, desde o Single Ladies ata a unha cumbia (o noso preferido). Non deixan insertar o vídeo, así que teredes que visitar os enlaces!
2. Fatboy Slim – Praise You. Spike Jonze facendo das súas unha vez máis: co seudónimo de Richard Koufey e un grupo de baile de adultos inventado para a ocasión (o Torrance Community Dance Group), chega a un centro comercial, encende o radiocassette, e comeza a performance. Foi gravado en “formato guerrilla” e si, a aparición da policía é real. O coreógrafo, ese tipo que parece dirixir ao grupo, é o mesmo Spike Jonze, por certo.
1. OK Go – A Million Ways. O máis coñecido é o vídeo das cintas andadoras, pero este é o primeiro videoclip que fixeron e o que lles abriu as primeiras portas. Gravado na súa terraza nunha soa toma, é o mellor exemplo de como para facer un videoclip viral o único necesario é creatividade e orixinalidade (e os pasos de baile axeitados).
Foto | Alejandro López
Encántame o de She&Him e encántame a súa roupa!! (reportaxe sobre onde encontrala xa!! ;) )