O Pulso da Cidade: unha app para facer arte GPS

Quen non se queda marabillado cada vez que ve un avión debuxar unha mensaxe no ceo? Non é algo que aconteza moi a miúdo, pero todos sabemos que se trata de algo máxico ao alcance de moi poucos (porque o que queremos é pilotar, non darlle a mensaxe ao piloto). Pois ben, agora podemos facer algo similar, cambiando o ceo polas rúas da nosa cidade, o avión polas nosas pernas e o fume por unha app: ‘Pulse of the City‘.

‘Pulse of the City’ é algo máis que unha simple aplicación para o iPhone ou para Android (para ninguén máis). É, segundo afirma a súa web, un proxecto global de arte GPS, algo que incluso antes de saber ben que quere dicir, xa intuímos que nos vai gustar.

Que tes que facer? Moi sinxelo: baixar a app (é gratuíta), planexar un percorrido pola cidade (colle un mapa e fai un debuxo polas rúas), e facelo camiñando, en bici, conducindo ou como prefiras. Durante o paseo, saca fotos e fai vídeos e compárteos cos seus datos de localización. Xa tes o teu debuxo.

Pero a cousa non remata aquí. Chegamos un pouco tarde, pero resulta que o proxecto é froito da colaboración entre Range Rover Evoque (os coches) e OK Go (os reis dos videoclips con coreografías), e estes últimos levan uns meses animando á xente a utilizar a app. Hai uns días publicaron o primeiro resultado: xuntaron moitos dos debuxos GPS e as imaxes compartidas polos usuarios e publicaron, como non podía ser doutra forma, o bonito videoclip conmemorativo que encabeza este post.

Nós xa non chegamos a tempo para aparecer no vídeo de OK Go (xa teremos máis oportunidades, que estes fan vídeos como churros e cada vez buscan máis a colaboración dos fans), pero non todo é a fama, amigos. Ás veces temos que conformarnos coa arte pola arte. E se facer arte inclúe saír a dar unha volta, sacar algúns vídeos e ter a sensación de estar a facer algo innovador, non necesitamos máis razóns. Ademais, seremos os reis do noso Facebook e Twitter cando compartamos o debuxo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *