Confeso: entre as moitas fotos que teño dunha viaxe hai anos a Londres teño unha na que aparezo reflexada nun espello na casa de Charles Dickens. E pode que fora o espello do seu baño, pero xa non o teño moi claro. Se facer fotos dunha mesma no reflexo dun espello foi o ‘must’ de hai uns anos que logo caeu no inferno do demasiado-choni-como-para-facer-iso (pero ollo que volve), o de capturarse de pasada no espello ou nalgún reflexo nalgún museo durante as viaxes nunca chegou a pasar de moda de todo. Moitas veces é o xeito discreto de facer a foto de ‘eu estiven aquí’. Faino todo o mundo… incluído o robot fotógrafo de Google Maps.
Na miña mente, o robot fotógrafo de Google Maps é como nós e fai o selfie no espello para levar a foto como souvenir. Na realidade, as fotografías son un simple elemento máis do proceso de fotografado. Se hai espellos nas salas que fotografía cando fai os seus percorridos polo interior dos espazos que visita (e que poden ser vistos en Google Maps), é imposible que o robot non acabe aparecendo. E, a medida que Google mapea e fotografía o interior de máis e máis espazos, as viaxes do seu robot e as súas fotos das excursións serán máis e máis abundantes. Só hai que se adentrar en cada novo espazo retratado para acabar dando con elas.
Pensar na poética do robot fotógrafo e viaxeiro non é, iso si, algo que todos acabáramos pensando. Eu non o fixen ata que non lin en FastCompany como o artista Mario Santamaria leva xa seis anos buscando ao robot entre as imaxes. Cada vez que Google sube un novo museo mapeado, Santamaria entra á procura da foto do robot. Vai en busca dos espellos dispersos polo espazo e na imaxe que capturou do robot en cuestión. Os resultados acaban no seu Tumblr, The Camera In The Mirror.
Os selfies do robot teñen un certo punto riquiño e tamén mostran unha especie de choque digno dunha peza futurista, cruzando salóns rococó con robots. O artista, iso si, pensa que deberíamos aproveitar para reflexionar sobre a posición dos humanos como observadores ou sobre o impacto dos xigantes da tecnoloxía na vida, como lle di a FastCompany. Ao fin e ao cabo, como lembran no artigo, eses selfies do robot e esas imaxes non foron creadas para nós e non son máis que un accidente.
Fotos | Google Maps vía the camera in the mirror