Demasiado pronto? Esa é unha pregunta para abrir un debate se cadra outro día –aínda que xa vos dicimos que o chaveiro temático en Amazon xa no está dispoñible– pero hoxe só imos contar os feitos. E os feitos son que o coronavirus xa ten un peluche máis ou menos riquiño.
Os fabricantes deste produto son GIANTmicrobes, unha marca que leva xa algún tempo facendo peluches e outros xoguetes que son en realidade virus, microbios e enfermidades mortais (pero que che poden dar menos cousa porque están controladas coas vacinas, como o sarampelo). Na súa web, falando en xeral dos seus peluches, explican que teñen tamén unha certa vontade educativa. Na súa web, insisten, neste caso xa na descrición do seu peluche coronavirus, que a única maneira de afrontar a pandemia é a de “permanecer con calma e aprender os feitos”. Para aprender os feitos, se cadra, un coronavirus brandiño e abrazable pode axudar.
Dende GIANTmicrobes explican na rede que unha parte dos beneficios da venta do peluche do coronavirus irán a parar a organizacións de loita contra a enfermidade. Na web de Curiosite, unha tenda online en España de trapalladas para regalo curiosas, apuntan que o 5% das ventas irá á Cruz Vermella. Eles definen ao peluche como un “deseño orixinal e catártico para estes tempos de pandemia”. Por suposto, para regalar este peluche –e para recibilo– non queda outra que botarlle humor á cousa (algo que non será doado para todo o mundo, o cal nin é malo nin é bo, é simplemente o que é).
Aínda que o público esperable deste peluche virus son os adultos, en xeral, e agora que estamos en medio xa das últimas semanas de compras de Nadal, non é difícil ver xoguetes temáticos coronavirus. A pandemia da covid-19 tamén cambiou o que os nenos e as nenas piden na cartas aos Reis Magos e o que as tendas de xoguetes posicionan como xoguetes estrela. Este ano, unha das grandes raíñas en ventas é unha boneca á que se lle pode facer a proba do coronavirus. Tamén hai bonecas con máscaras sanitarias (unha edición da Nancy) e xogos de mesa temáticos.