Empeza un novo mes e é o momento de facer a lista de que cousas esperan e que se pode facer. A axenda trae eventos moi variados e, se ben o que segue non é todo o que hai, aquí van algunhas ideas para estes días. Ata que en xuño fagamos conta nova!
Play-Doc. Un dos clásicos dos festivais de cine galegos volve un ano máis a Tui. Será entre o 1 e o 5 de maio e, nesta ocasión, está de aniversario. Celebra o seus 20 anos. Á sección de competición galega, sumarase nesta ocasión o que chaman a sección Sombras, que recupera a obra de cineastas con non moita difusión.
As xeracións do Montserrat. Debería haber máis exposicións sobre a memoria da emigración galega? Nós dicimos que si. Esta aproxímase á que marchou ao Reino Unido usando memorias, fotos e fragmentos das vidas dunhas cantas persoas que o fixeron. Está comisariada por Xesús Fraga e permanecerá na Casa das Artes de Vigo ata o 26 de maio.
Letras Galegas. Unha xornada que non coñece xeografías. Aproveitar a ponte é top (este ano cae en venres), pero aproveitar o día para ler (é conectar co seu espírito orixinal) tamén o é, especialmente en anos coma este. A autora celebrada nesta edición é Luisa Villalta e as librarías xa están cheas de biografías, reedicións e outros materiais.
Feiras do libro. Podemos debater moito sobre que papel teñen aínda as feiras do libro, do que pasa en elas e de como deberían ser, pero seguimos a lles gardar un certo cariño se cadra un pouco nostálxico. O calendario de feiras galegas deste ano xa arrincou hai unhas semanas. Este sábado empezou a de Santiago, onde estará ata o 5 de maio no Paseo Central da Alameda. Logo estará, neste mes, no Porriño (9 a 12 de maio) e en Lugo (13 a 17).
Foto | Play-Doc
iyyvp8
5nb7mi