Para moitas persoas, por moito que xa pasasen moitos anos dende que deixamos de estudar, setembro segue a ser o mes da volta ao cole e dos novos comezos. Como un día de Aninovo pero antes do outono (e co día que temos hoxe este último punto semella ata máis claro). Por tanto, é tamén un deses momentos nos que dis “vou facer moitísimas cousas”. E nada mellor para facer plans que unha boa axenda.
A rentrée
O da rentrée littéraire é algo, en xustiza, francés. É o seu mes grande do mundo dos libros. As editoriais concentran para setembro e a volta posvacacións as súas grandes apostas do ano. As librerías viven unha avalancha de novidades e os lectores poden facer unha lista digna dos Reis Magos do que queren ler.
Aínda así, o da rentrée funciona tamén en máis mercados. Vale que no mercado en galego non vemos tanta lista dos libros que virán e tantas previsións do que vai chegar no outono, pero no de libros en castelán si pasa e moito. Se todo iso crea unha emoción lectora, nós compramos a idea e setembro é o mes dos libros.
FICBUEU
O festival de curtas será entre o 10 e o 19 de setembro. Ademais da programación de curtas, contará cunha programación de actividades paralelas, como palestras sobre cartelería de cine ou stop motion, ou obradoiros. En Bueu.
Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada
Lolita Díaz Baliño foi a artista á que se lle dedicou este ano o día da Ilustración. Nos anos 20 e 30 foi ilustradora, debuxante e acuarelista. Despois da Guerra Civil, como lles pasou a máis mulleres artistas, traballou sobre todo como profesora. Unha exposición na Coruña recupera a súa obra e a súa vida. Estará na Fundación Luis Seoane ata o 19 de setembro.
Play-Doc
O festival de cine de Tui volverá entre o 22 e o 26 de setembro. Ademais de accións paralelas, como crear unha ruta cinematográfica nocturna por Tui, contará cunha retrospectiva de Manfred Kirchheimer, coa presenza de Betty Gordon e cunha programación completa.
Pont-Up Store
O encontro de emprendemento e innovación é un clásico xa pontevedrés. O Pont-Up Store volve a Pontevedra entre o 24 e o 25 de setembro. Ocupará a Plaza de España e estará protagonizado polo emprendemento no medio da pandemia. Ademais de dar a coñecer as iniciativas que terían protagonizado a pasada edición (e que non tiveron o seu momento), tamén contará coa presencia de 8 novas compañías que naceron durante a pandemia.
l59p8q
hylcv7
hdt1dh
g4lz44