Fotografías para capturar a experiencia de vivir nos tempos da pandemia

Xa sei que o de “estamos vivindo un momento histórico” lembra demasiado ao que publican os señoros pesados en Twitter, pero permitídeme que use esa idea para falar da pandemia de coronavirus e o confinamento que protagonizamos dende hai xa semanas. A situación na que nos atopamos non ten precedentes inmediatos (si, non queda xa ninguén que non teña escoitado o de que isto é como a gripe do 18), pero si sabemos que será algo do que se analice, escriba e entre nos momentos estelares da historia.

Algúns museos repartidos por todo o mundo xa están recompilando material sobre o que está acontecendo, para que forme parte das súas coleccións e para que queden como unha memoria para o futuro. O Museo Nacional de Finlandia, por exemplo, está fotografando a vida cotiá destes días e facendo entrevistas para, como apuntan en The New York Times, capturar o momento histórico. É un museo dos moitos que traballan neste tema, repartidos polo mundo.

En España, unha das iniciativas para capturar o momento é #PHEdesdemibalcón, organizada polo festival de fotografía PhotoEspaña. Ata o 17 de maio queren recibir fotografías que a propia cidadanía faga usando as súas ventás e os seus balcóns como punto de inspiración. As fotos capturarán dun xeito creativo a experiencia da vida durante a crise.

As fiestras están sendo un dos lugares icónicos do confinamento polo coronavirus. Vivimos nelas, usámolas como punto de escape e son o noso nexo co exterior. “Nestes momentos nos que o mundo se atopa somerxido nunha etapa complicada, ventás e balcóns pasaron á primeira liña e, máis que nunca, están cargados de significado“, apuntaban hai uns días na nota de prensa de presentación da iniciativa.

Calquera pode subir a súa foto na web do proxecto e ver algunhas das fotos destacadas na galería de imaxes. PhotoEspaña tamén invita aos concellos a participar, creando no mes de xuño exposicións en espazos das localidades cunha selección das fotos coas que se capturaron as súas fiestras durante o confinamento. O concello da Coruña foi un dos dez primeiros que anunciou que se sumaba a idea. Polo momento, é o único de Galicia que participará nas exposicións durante o mes de xuño.

A día 6 de abril, PhotoEspaña xa recibira 4.133 fotos na súa web e 9.100 a través de Instagram (aí hai que seguir o seu perfil, etiquetalos e usar certos hashtags na publicación).

Fotos | PhotoEspaña

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *