The Vagina Museum: o museo que rompe tabús e mitos sobre as vaxinas

Cando Florence Schechter descubriu que existía un museo dedicado ao pene (está en Reikiavik) pensou que era unha idea cool. Tamén que era curioso que non existise un similar dedicado á vaxina. E decidiu que tiñan que cambiar as cousas. Se non existe o museo da vaxina, só queda crealo.

Así comezou un proceso de traballo alá polo 2017 que implicou crowdfunding, feminismo, accións pop-up e actividade en redes sociais (alí foi onde nós descubrimos esta idea) e que culminou coa apertura do primeiro museo da vaxina existente en todo o mundo. Está en Londres, no mercado de Camden, e alá nos fomos nós o pasado mes de decembro. Hai quen peregrina a santuarios. Nós peregrinamos a museos feministas.

Busca a palabra galega!

Polo momento, The Vagina Museum está aínda nas súas primeiras fases, como descubrimos na nosa visita. A entrada é gratuíta e o museo ocupa un amplo local no mercado de Camden, ese centro de atracción para modernos e turistas.

A exposición é, agora mesmo, unha mostra de divulgación sobre que son exactamente as vaxinas, que lle pasa a quen as teñen e que cousas deberíamos deixar de crer dunha vez por todas (dende que a virxindade é algo físico e non cultural ata que por moitos lavados que fagas con Coca-Cola o refresco non vai funcionar como anticonceptivo).  É unha colección de puntos básicos que, desafortunadamente, non sempre son coñecidos e asumidos, polo que é importante e interesante que existan espazos como estes (para visitar téñase ou non unha vaxina).

De feito, o museo acompaña os datos de divulgación con mencións a resultados dunha enquisa sobre o que a xente cre sobre a vaxina e, en xeral, sobre o aparato reprodutor feminino. Son porcentaxes abraiantes e crenzas incribles (que fan non só que o museo sexa máis necesario, senón tamén que nesta redacción esperemos que leven de visita a todos os adolescentes posibles).

O museo está traballando para reunir cartos para lograr unhas instalacións máis permanentes (e calquera dende calquera lugar do mundo pode apoiar a causa).

E, por suposto, como todo museo que se prece, o da vaxina ten unha tenda perfecta e marabillosa, na que acabaredes querer deixando os vosos cartos. Os clítoris de amigurumi que tiñan na caixa non están á venda (pero si unha guía para facelos) pero o museo conta cunha librería cunha interesante selección e cunha colección de postais temáticas que deixan aos clásicos clichés turísticos de Londres obsoletos.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *