Villa Pilar e os misterios de Pontevedra: así desvela a Semana do Patrimonio Invisible os secretos das cidades galegas

Esta é unha historia que empeza cun grupo de irmáns galegos. Un marchou a Cuba alá pola fin do século XIX e fixo fortuna cunha tenda de vaixela. Foille ben, como nunha desas historias de éxito emigrante, así que chamou ao resto dos seus irmáns para que tamén fosen facer as Américas. Fixérono. Un irmán queda en Cuba. Outro marcha aos Estados Unidos, onde empeza a traballar en Wall Street e fai fortuna en dólares coas inversións en bolsa.

Este irmán, Gabriel, é o que volve de viaxe a Pontevedra a principios do século XX e merca un terreo nunha zona da cidade que entón estaba medrando (e preto de onde outro dos seus irmáns construíra o edificio do Café Moderno). O irmán bolsista non ía volver a vivir a Galicia, pero si fixo unha casa para pasar os veráns, unha especie de palacete ou mansión, de inspiración caribeña e moito luxo. A mansión ten unhas escaleiras de mármore de Carrara na entrada, un xardín que a rodea porque Gabriel tiña moi claro que quería ter xardín e unha sucesión de pisos nos que vivía a familia e facían vida social. No baixo estaba a carboeira e no derradeiro piso, o ático, os cuartos do servizo. A casa rematouse en 1905 e hoxe é unha desas iconas de estilo principios de século XX de Pontevedra.

Chámase Villa Pilar. Eu estiven no seu primeiro andar —o que posiblemente foron nalgún momento o das cociñas e os salóns— escoitando a súa historia e como se adaptou ese piso ao paso do tempo e a súa función actual (é a sede dun estudio de arquitectura). Entrara nun lugar que non é o habitual para as visitas turísticas e escoitara unha historia sobre un edificio da cidade do que non sabía nada. Non estaba sola, por suposto. Eramos un grupo completo (e moi diverso en idades) de participantes na última edición da Semana do Patrimonio Invisible en Pontevedra.

A Semana do Patrimonio Invisible, que xa celebrou anteriores edicións en Pontevedra e que tamén se realiza en Santiago, permite, como o seu nome deixa xa bastante claro, entrar en edificios nos que habitualmente non se pode. Son edificios públicos con usos concretos, espazos privados ou lugares que seguen sendo usados para o que naceron pero nos que os cidadáns non sempre reparan.

“Moitas veces pasamos por diante destes edificios e non nos damos conta”, explícame por teléfono César Abella, director de Trivium, a compañía que organiza estas semanas patrimoniais.

Unha vez que nos prometen abrirnos as portas, a cousa cambia. As entradas para a Semana do Patrimonio Invisible en Pontevedra esgotáronse en cuestión de horas. Na última edición que fixeron en Santiago, foi cuestión de minutos. Á xente a idea gústalle moito, posiblemente, porque son lugares que non se poden visitar de forma habitual e porque axudan a descubrir novas historias das cidades nas que habitamos.

En Pontevedra, nesta edición, púidose visitar, entre outros moitos lugares, un depósito histórico no cemiterio municipal.  En Santiago, nunha edición pasada, abriron á visita as fontes de auga medievais que aínda dan servizo á localidade. Cando falaba con Abella non quixo escoller lugares favoritos (daba a sensación de que todos o son), pero si sinalou que un “dos que nos gustou moito” foi, xustamente, eses “mananciais medievais”, que levan 700 ou 800 anos aí.

As visitas destas Semanas do Patrimonio Invisible implican un traballo que vai máis alá do momento no que se lle abren as portas aos participantes. “Nós traballamos neste proxecto todo o ano”, asegura o seu director, no que parten dun “coñecemento profundo” do lugar e suman unha análise constante da historia. As cidades, destaca César Abella, teñen moita riqueza patrimonial e espazos interesantes. As historias están aí, esperando ser contadas, concluímos nós.

Os participantes que asisten a estas visitas van (fomos) acompañados por unha guía, que vai desvelando esa cara secreta do lugar e contando a súa historia. O que se produce é unha especie de descubrimento do espazo, ese espazo polo que pasaches posiblemente moitísimas veces sen pensar moito máis alá (os asistentes ás semanas son, habitualmente, os propios habitantes do lugar). Eu rematei o percorrido por Villa Pilar pensando en apuntarme a algunha visita guiada para coñecer mellor Pontevedra e as súas historias, por exemplo.

Á Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra xa non chegades, que foi a mediados de este mes de xullo, pero á de Santiago aínda estades a tempo. Polo momento, dende a organización non me puideron dar moitos detalles sobre que traerá, pero será, como en edicións anteriores, durante setembro e anunciarán máis cousas sobre o que podemos esperar alá polo principio dese mes. Hai que estar atentas.

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *