Axenda de decembro. Cousas que facer no mes de Nadal

Pode parecer que decembro é o mes no que hai menos cousas para facer, porque o Nadal o vampiriza todo. Porén, non é así de todo e a axenda esta repleta de propostas diferenciadas.

Danza

Imaxe Leo López

Case nunca falamos de danza e este mes ten unha axenda completa. Por exemplo, en decembro hai dúas estreas diferentes en danza. O coreógrafo Javier Martín en coprodución co Centro Coreográfico Galego estrea o día 4 en Oleiros Figuras do limiar (están inspirada no “acervo cultural galego e nalgunhas das súas figuras espectrais” e fala da experiencia de “cruzar o limiar”) e Nova Galega de Danza estrea n’As Pontes de García Rodríguez Credo o 3 de decembro (esta é unha adaptación poética da obra de Celso Emilio
Ferreiro).

Mercado da Estrela

Podemos considerar ao Mercado da Estrela un clásico do Nadal de Santiago? Este ano será entre o 16 e 19 de decembro e celebra o seu décimo aniversario. Sempre é un bo destino para mercar presentes para as festas.

Antonio Palacios. Soños de Modernidade

A maqueta que mostra a proposta de Antonio Palacios para Vigo

Non é tan habitual que as exposicións do momento estean dedicadas a arquitectos. Iso é o que fai a exposición de outono inverno desta temporada en Vigo. O seu protagonista en Antonio Palacios, o máis popular arquitecto galego de principios do século XX, sempre mencionado cando se fala dalgúns dos edificios máis populares de Madrid. A exposición segue a súa obra, dando moi poucos datos da súa vida privada, e permite descubrir o seu proxecto de renovación para o Vigo da época (que nunca se levou a cabo).

No Museo do Mar de Vigo. Entrada de balde.

Semana do Patrimonio Invisible

A Semana do Patrimonio Invisible permite descubrir lugares habitualmente ocultos nas cidades galegas, como fixo este verán con Pontevedra. Ferrol é a nova incorporación: será do 15 ao 18 de decembro. Aínda non desvelaron que lugares misteriosos mostrarán. Hai que estar atentas.

Belén de Valga

Esta foto é da edición 2018, cunha personaxe moi de Nadal…

Os beléns son un dos elementos top do Nadal. O de Valga – ao que lle dedican traballo todo o ano – non é só un belén clásico, tamén un que recolle os temas informativos do ano que vai rematar (este ano, asumimos que haberá volcán). Non é doado explicar onde está no concello de Valga de modo exacto, así que queda o link á web. Nesta redacción pensamos que ten o equilibrio perfecto entre o clásico e o WTF. Os nosos deces.

Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade

Derradeiros días para ver a exposición sobre a vida e obra de Emilia Pardo Bazán. Estivo na Biblioteca Nacional de España durante o verán e chegou ao Kiosko Alfonso no outono. Unha das nosas disquerredactoras veuna en Madrid e di que é moi recomendable. Ata o 18 de decembro.

Memorias do Café Derby

Un dos peches de negocios que se converteron en noticia en Santiago durante a crise pandémica foi o do histórico Café Derby. Mentres esperamos a ver que fan co baixo (que está protexido e non que vai abrir outro local de hostalería), unha exposición na Casa do Cabido recupera a memoria histórica do café. Abre todos os días menos o luns. Entrada de balde.

Capitular ante as guerras de Nadal e ver luces

Se non podes co inimigo, únete a el. En Disquecool non somos especialmente fans do Vigo de Nadal e as súas luces (estivemos na inauguración de 2018), pero empezamos a asumir que o lucerío é inevitable. Agora ademais que hai unha guerra entre concellos polas luces, pouco importa onde esteas que terás luces e máis luces. Este Nadal, podemos capitular antes as guerras de luces e comparar. Ata podemos cruzar a fronteira (cal é o último protocolo covid para isto?) e comparar coas de Porto.

Por certo, en Porto este Nadal van organizar concertos pero iluminados por candeas.

Afonso X e Galicia

As exposicións gústannos máis que os doces! Por iso pechamos a lista cunha máis para as recomendacións. Lugo acolle unha mostra sobre Afonso X o Sabio. Estará ata abril na Capela de Santa María.

 

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *