Cal é o cuarto no que pasas máis tempo na túa casa? Un estudio recente —feito, iso si, por unha compañía de mobles, Conforama— acaba de preguntar polos lugares do fogar que a xente prefire. Os datos son claros: para máis da metade das persoas enquisadas (a mostra é de toda España), o salón é «a estancia máis importante da casa».
A importancia do salón é, de feito, superior á que se lle dá a outros cuartos en cuestións de decoración. Para un 60% da poboación, a sala debe ter un estilo integrado e homoxéneo, que é o que pasa na súa. Isto é, fan un esforzo á hora de deseñar como debe ser ese espazo e os elementos que meten nel. Pola contra, isto só ocorre no 29% coa cociña e no 12% no dormitorio.
E como é ese salón que tanto aman? O retrato robot do salón medio español é o dun lugar duns 18 m2 no que, no 80% dos casos, tamén está o comedor. Canda todo, o máis importante non é, nin de lonxe, esa mesa. Para o 87% de quen respondeu ao estudio, o sofá é «o moble máis indispensable». Vai por diante da mesa comedor (63%) e das cadeiras (43%, unha cifra un tanto sorprendente porque… para que queres unha mesa sen cadeiras para sentar?).
Un sofá ideal debe ser cómodo (96,5%) e duradeiro (93,2%), así como a xogo do resto da sala (un 80,3% escolle pensando en que combine). Por agora, o sofá máis popular é o de tres prazas (48,1%, fronte ao 19,2% de, por exemplo, o sofá cama) e o de tela (73%, fronte ao 13,3% que prefire o coiro).
Se se ama o salón é porque este espazo é, agora, o epicentro da vida familiar. Isto é, aí é onde facemos xa todo. Comemos, celebramos, teletraballamos ou temos o momento de relax na sala, lembran nas conclusións do estudio. Así, un 91,6% da xente coa que falaron usa o salón para ver a tele, un 79% para relaxarse, un 70% para comer e outro 70% para ler.
Pregúntome tamén se hai aquí un cambio cultural ou xeracional, mesmo se hai diferencias xeográficas. O estudo non desagrega tanto os datos, pero se me preguntades cal é o lugar da casa máis importante e no que se fai máis vida, penso que vos diría —e seguramente por inercia— que a cociña. Isto é, a cociña é o lugar no que tradicionalmente pasei máis tempo de vida familiar e era o epicentro das casas dos meus avós. Claro que había un salón, pero non se usaba tanto ou nada. As mesas de comedor que os ocupaban eran empregadas de forma ocasional. Mesmo na casa cos meus pais, onde si que se usaban os sofás da sala para o tempo de ocio, sinto tamén que a cociña era, en realidade, máis importante.
whocrr
jul84q
asaklf
nu6fey
iu233m
9uealw
bac5fj
2sk0ow