É unha das grandes citas do verán en Galicia. A rapa das bestas de Sabucedo transcende a categoría de festa popular, que tamén o é, e dótase dun carácter que, como seguramente xa se fixo en 800 crónicas antes que esta, pode cualificarse de telúrico e ancestral. E tamén global, porque congrega a preto de 20.000 persoas nos catro días que dura: a categoría de festa de interese internacional, que acadou en 2007, e a relevancia do filme As bestas, de Rodrigo Sorogoyen, non fixeron máis que acrecentar a curiosidade polo evento. O realmente curioso é que, pese a estes recoñecementos, nin perdeu a categoría de festa popular nin o carácter telúrico. Como moito, sumoulle un aceno reivindicativo.
Sabucedo é unha pequena parroquia do concello da Estrada, con apenas 32 habitantes no censo de 2023. Catro rúas que se entrecruzan nas que se concentran as ben coidadas casas destas tres decenas de persoas e que, cando chega a rapa, multiplican a súa capacidade para acoller familiares e visitantes nunha poboación flotante de tendas de campaña e furgonetas. No camiño que vai do teleclub ao curro, os dous centros neurálxicos da celebración, vanse esparexendo as casetas e postos de feira de churrasco e bocadillos, xeados, xoguetes e as omnipresentes rosquillas, só igualadas en celebridade (polo menos este ano) polos churros.
A festa en Sabucedo comeza o venres do primeiro fin de semana de xullo, cando a xente madruga para ir buscar as bestas aos montes de arredor da localidade, onde viven libres durante todo o ano. Grupos de persoas, visitantes e locais, disgréganse polas distintas rutas en busca das greas ou manadas, que van conducindo ata un núcleo próximo á parroquia. O sábado ao mediodía é a baixa, como se coñece ao percorrido dos cabalos polo centro de Sabucedo ata o cercado en Cataroi, onde agardan para ser conducidos ao curro. Sentada nos valados na ruta entre o teleclub e o curro ou picando algo de pé, a xente agarda o paso das bestas que, como é lóxico cando se trata de animais semisalvaxes, non ten un horario definido. Para quen non subiu aos montes, a baixa é o primeiro momento no que se intúe esa mestura de festa popular e tradición vencellada a terra: grupos de cabalos e poldros que pasan entre o público, conducidos por outros grupos, estes de persoas, adultas e menores, que lles van marcando o camiño. Unhas horas máis tarde, as bestas serán conducidas ao curro.
É neste espazo, unha especie de auditorio de pedra, no que se desenvolve a parte central da rapa, a pelexa de aloitadores (e algunha aloitadora) coas bestas para cortarlles as crinas e poñerlles a inxección para desparasitalas. Tras da entrada dos 220 animais no curro, os aloitadores axudan á rapazada a separar os poldros dos cabalos. Este paso ten tanto de protexer ás crías para que non se manquen no proceso posterior como de entronizar á futura xeración que se ha de encargar de coidar aos animais e de manter a festa.
Os poldros son conducidos a un recinto pechado; aí, cando só quedan as bestas e os garañóns, é cando comeza o propio baile da rapa. Entre a masa de cabalos métense os homes e mulleres que han de saltar sobre cada animal para inmobilizalo. Son precisas, canda menos, tres persoas: dúas que agarren pola testa ao bicho e lle tapen os ollos e unha que tira da cola. Non é un proceso fácil e o risco pasa factura. Este ano, o sábado víronse feridas que precisaron de puntos, pero en edicións anteriores houbo roturas de nariz, pulso etc.
Describir o que sucede na rapa non é doado. Posto branco sobre negro non se capta a tensión, o silencio das 1.600 persoas que están de público, cando un animal empurra a un grupo de aloitadores contra o muro. Ou cando, tras agarrar á besta, caen ao chan e o resto da manada os arrodea, de tal modo que un compañeiro ten que lle agarrar a cabeza ao outro para protexelo de que non acabe baixo as patas dun cabalo. Tampouco o xúbilo do público cando se consegue subir dun salto a unha besta especialmente brava. É unha combinación de espectáculo visual e de sensacións, na que en todo momento se percibe o respecto da xente que está no foso polos animais cos que traballan. Unha loita corpo a corpo, na que se evitan cordas ou elementos que poidan danar aos cabalos. Arredor de 60 bestas foron aloitadas no primeiro curro, aínda que volverían entrar nos dous curros seguintes. Isto é así porque é preferible que haxa máis animais e queden menos espazos baleiros para facilitar o traballo e evitar accidentes. E despois do curro, a festa continúa ata altas horas con música nas rúas.
A rapa é froito de moitos anos de tradición e convivencia. A orixe está perdida no campo da realidade e as lendas: dise que, durante unha vagada de peste, dúas irmás ofreceron dúas eguas, ás que tamén se chaman bestas, a cambio de non contaxiarse a San Lourenzo, o patrón da parroquia. Refuxiáronse nunha cabana próxima á localidade e, ao tempo, pasada a pandemia, cumpriron a promesa. Estas dúas bestas foron as que logo foron vivir nos montes dos arredores e se reproduciron. Ata aquí a lenda: non se sabe que parte hai real nesta historia, pero si hai petróglifos que dan testemuña de como hai miles de anos xa se montaba a cabalo na zona. As primeiras novas datan do século XVIII, época tamén da construción do curro vello.
A relación da xente da zona cos cabalos pode entenderse como unha especie de simbiose. Durante todo o ano suben ao monte para controlar as bestas, que son do tipo cabalo galego de pura raza. Actualmente hai censados máis de 2.000 exemplares, coa sombra do perigo de extinción asomando. Se a poboación humana, agrupada na Asociación Rapa das Bestas, se encarga de vixiar e coidar á poboación equina, esta ten un valor inigualable para axudar a manter o monte limpo, un elemento tanto máis importante en canto os incendios en Galicia son un mal recorrente e, co auxe das temperaturas, non ten pinta de ir mellorar.
Porén, a rapa non está exenta de polémica. Diversas asociacións animalistas teñen acusado de maltrato animal aos curros, tanto de Sabucedo como doutras localidades. Falan de golpes e lesións, e do pánico das bestas ao seren conducidas a un recinto pechado. Tamén do marcado a lume, que agora está quedando en desuso fronte a outras prácticas menos lesivas, como o marcado con nitróxeno líquido. A resposta pasa pola defensa da rapa como, no peor dos casos, un mal necesario, posto que rapar as crinas evita que se enganchen e a desparasitación protexe aos animais, pero ademais fan unha labor de protección durante todo o ano: a propia asociación denunciou o pasado ano que varios cabalos foran tiroteados.
Unha proba dese interese en coidar das bestas é a loita da localidade contra a proxectada instalación de eólicos nos montes da comarca, posto que se entende que cambiará o hábitat dos animais. Esta protesta, tan afastada da imaxe dos irmáns protagonistas d’As Bestas, está presente por toda a vila, na forma de carteis que penduran das casas, pero tamén no propio curro, con amplas pancartas e as reivindicativas camisetas de aloitadores e aloitadoras. Non é nada fútil: este ano había 160 medios acreditados para a cobertura da festa co que, mal que ben, estanse a asegurar unha presenza en prensa ao alcance de non moitas reclamacións.
Na rapa aínda chama a atención a presenza de mulleres aloitadoras. Como en tantas actividades desenvoltas polos homes durante tantos anos, non é o habitual, aínda que xa durante a Guerra Civil foran elas as que se encargaran de organizar a rapa. Pero os tempos cambian e nos curros deste ano puideron verse varias mulleres e nenas. Entre elas, a concelleira de Igualdade de Vigo, Ana Laura Iglesias, que falaba da súa experiencia como foránea á que namorou a rapa e o seu aporte sobre este nesgo de xénero. «É certo que a maioría son homes, pero desde o minuto un foron eles os que me animaron a aloitar; son eles os que desexan que haxa máis aloitadores». A pervivencia da festa pasa por que sexa algo máis que catro días de celebracións e, nese sentido, calquera persoa pode chegar a aloitar ou a sentirse unha máis de Sabucedo.
9dl8x1
w3eals
achuxw
etmpvp
b0u6cv
3h2bfr