Doomscrolling: por que non podes deixar de ler malas noticias en redes sociais

Cando empezou a crise do coronavirus, a mediados de marzo, e arrancou o confinamento, eu tiña grandes plans e previsións. Ía aproveitar para ler todos os libros que tiña pendentes na casa (ou polo menos os que era consciente de que estaban esperando ser lidos). Non pensaba que me fose dar tempo (eu pensaba que ían ser 15 días de parón), pero si que ía avanzar moito nesas xornadas.

Por suposto non lin case nada (e ninguén debería sentir culpabilidade por unha situación semellante) e non por falta de tempo. A verdade era que o meu cerebro non era capaz de procesar a información e de concentrarse nun libro, por moi entretido que fose. O único que era capaz de captar toda a miña atención era Twitter. Estaba entregada a un scroll infinito de noticias de coronavirus.

E, igualmente por suposto, non era a única. O fenómeno é un dos elementos que se asentou como destacado durante estas semanas (e que continúa á alza porque… 2020), tanto que é xa unha palabra de moda. O doomscrolling é unha das palabras ás que hai que prestar atención, unha palabra emerxente, segundo o dicionario Merriam-Webster. Non é exactamente nova, porque existe dende 2018, pero si moi axustada ao signo dos tempos e, sobre todo, unha que está saltando xa aos medios. Eu descubrín que o meu mal tiña nome porque The Wall Street Journal lle dedicou unha análise, pero é unha das palabras de moda sobre as que os medios estadounidenses non paran de falar estas semanas.

Como explican no Journal, o doomscrolling non só funciona porque parece o que debes facer neste momento, senón tamén porque o noso cerebro está conectado para funcionar dese modo. Os nosos instintos primarios impulsan que esteamos sempre alerta ante os perigos e que o noso cerebro estea, por tanto, sempre na procura do próximo problema. Milenios atrás iso supoñía estar pendente dos predadores. Agora, implica estar conectada a Twitter sen pausa non vaia ser que perdas unha actualización importante sobre o que pasa cun virus.

Ademais, iso tamén fai que as cousas negativas capten dun xeito máis elevado a nosa atención (e o noso engagement, outra palabra en inglés de moda para falar do que pasa en redes sociais e basicamente implica  que o ves pero tamén reaccionas).

As redes sociais empregan igualmente mecanismos que fan que sexa imposible non deixar de ver os seus contidos, o que fai que non responder a estes estímulos semelle imposible. Como explica en O inimigo coñece o sistema Marta Peirano (Kalandraka), usan técnicas de dark design que fan que sempre queiramos ver máis. Sempre hai algo novo, algo sorprendente ou un like novo esperando a que os descubramos, o que fai que sigamos enganchados aos seus contidos e facendo scroll minuto tras minuto e ás veces hora tras hora.

A técnica do scroll infinito é, de feito, un dos seus golpes efectistas. Non é tecnicamente necesario, pero con el logran que esteamos atrapados nun ciclo sen fin de novos contidos e novas emocións.

Foto  mikoto.raw en Pexels

Shares