Que levante a man quen aguante media hora dunha película ou quince minutos de lectura sen mirar de esguello a pantalla do móbil. Cric, cric, cric… escoitas iso? É o Pepiño Grilo que habita as nosas conciencias para espertar o remordemento (o terror psicolóxico sempre funciona cos lectores millennials). Pois ben, xa basta de queixarse! Hai que pasar á acción porque, como dixo o profeta Mr. Wonderful, «quen quere facer algo atopa un medio, quen non quere facer nada atopa unha escusa».
A xornalista e divulgadora científica estadounidense Catherine Price publicou en febreiro de 2018 un libro titulado How to Break Up with Your Phone: The 30-Day Plan to Take Back Your Life, no que dá consellos prácticos para reducir a dependencia do móbil. Price explicou que decidiu romper co seu teléfono un día cando estaba a dar de mamar á súa filla e se decatou de que a pequena a miraba con atención mentres ela revisaba un catálogo de picaportes da época vitoriana en eBay. O sentimento de culpa, unha vez máis, obrou o milagre.
A obra de Price volveu á actualidade hai un par de semanas. O motivo é que o New York Times publicou unha crónica na que un dos seus reporteiros describe a súa experiencia de detox dixital guiada por Price, á que alcumou (non sabemos se con moito acerto) a «Marie Kondo dos cerebros». Pero en que consiste esa estratexia? E, o máis importante, funciona? A resposta á segunda cuestión é doada: funciona se segues os pasos que se indican, nin máis nin menos.
1. Admite que o problema é teu, non do móbil
A autora insiste en que o teléfono é unha ferramenta útil que nos permite estar conectados con amigos e familiares, traballar a distancia e pedir a cea a domicilio, entre outras moitas cousas. Estes usos son positivos, polo que hai que respectalos á hora de fixar metas realistas. Hai días nos que temos a tentación de tirar o móbil pola ventá e lembramos con nostalxia as bondades do mundo preWhatsapp, preJustEat, preInstagram e pretodo. MAL, MOI MAL!!!!! O teléfono non ten a culpa do uso que ti fagas del.
É certo que as pantallas crean adicción e que podes sentirte como un extraterrestre se non estás postísima nos últimos virais e caralladas varias como tirar unha rebanda de queixo á cara dun bebé, pero hai algo fermosísimo que distingue o ser humano: a vontade. A próxima vez que pases media hora en Instagram cando só querías responder un whatsapp, pensa que esa acción non depende do teléfono, senón de ti.
EXERCICIO: Antes de culpar a Mark Zuckerberg e a toda Silicon Valley das horas de vida desperdiciadas mirando stories de influencers que nin sequera admiras, abre a ventá e grita con todas as túas forzas: «Son un ser humano con vontade!!» Restablecer as relacións cos veciños que pensan que toleaches converterase na túa prioridade, polo que previsiblemente pasarás menos horas co móbil.
2. Planifica tempo lonxe do móbil
Outro dos consellos de Price é o de dispor o teu tempo para facer cousas que non impliquen ter o teléfono na man. É dicir: planifica, planifica e planifica. Queres ler máis? Pon un libro na habitación e unha alarma (no móbil!) para recordar que a partir das 11 é tempo de lectura. Queres cociñar? Elixe a receita que máis che guste, compra os ingredientes e fixa un día para preparala. Clases de pintura, ximnasio, poda de bonsais… fai o que che dea a gana! Pero faino. Pensar o noso tempo libre en termos como «un día destes…» ou «igual a semana que vén…» ou angustiarnos porque «hai demasiadas cousas que facer e non sei por onde empezar» (unha escusa moi millennial) contribúen a que nos inclinemos pola opción máis cómoda, que é a de coller o móbil para despois lamentalo. Cando esteamos a facer calquera destas actividades, é importante deixar o teléfono de lado polo menos unha hora.
EXERCICIO: Segundo o estudo Digital in 2019, realizado por We Are Social e Hootsuite, en España pasamos de media cinco horas e 18 minutos ao día conectados a Internet (páx. 19). Isto equivale a 318 minutos diarios.Guerra e Paz, eses catro tomos encadernados en pel que hai na casa dos teus pais e que sempre dixeches que querías ler, ten 1.900 páxinas. A unha páxina por minuto, podes rematar esta novela cumio da literatura universal en algo menos de seis días. Querer é poder.
3. Practica separacións de proba
Price tamén propón usar de protector de pantalla mensaxes que apelen á nosa conciencia antes de desbloquear o teléfono. Son preguntas tipo «a que queres prestar atención?» ou «para que? por que agora? que máis?», que farán que o penses dúas veces antes de abrir ese vídeo adorable pero que non vai aportar ABSOLUTAMENTE NADA á túa vida. Outro dos consellos da gurú é o de practicar «separacións de proba», é dicir, facer as pequenas actividades do día a día sen o móbil. Falamos de dar un paseo, comprar o pan ou sacar o lixo. A autora argumenta que tropezar de continuo con zombies que non levantan a cabeza do teléfono axudaranos a ver as cousas con perspectiva.
A tecnoloxía ben usada tamén pode servir para desintoxicarte. Hai unha morea de aplicacións, como Moment ou Quality Time, que miden o tempo que pasas diante da pantalla ou que che permiten bloquear o acceso a determinadas apps cando precisas un descanso. Se es usuario de iPhone, tes á túa disposición o modo «non molestar ao conducir», deseñado para mandar respostas automatizadas ás persoas que intentan contactar contigo mentres estás ao volante, pero que podes activar cando ti queiras. Lilspace tamén ofrece este servizo para Android.
4. Pensa na morte
Por último, se nada do anterior funciona, Catherine Price aconséllanos que adoptemos unha postura radical: A MORTE. A ver, non está a falar de suicidio, senón de pensar en cantas persoas a piques de falecer din: «o que de verdade botarei de menos deste mundo son os fíos de Twitter sobre os chalecos na manifa de Colón» ou «quen me dera volver atrás para pasar máis horas en Facebook». A resposta debería espertar o teu sentido de culpabilidade de forma inmediata.
Se despois de facer todo isto sentes que aínda é máis forte ca ti, para que resistirse? Acepta as cousas como veñen, pega o teléfono á man dereita con loctite e a desfrutar dese amigo inseparable! Xa non perderás tempo a buscalo no bolso ou nos petos porque estará contigo desde a mañá ata a noite para darche o cariño e a comprensión que os demais humanos che negan.