Vinganza de San Valentín: pon o nome do teu ex a unha cascuda

Rematado oficialmente o Nadal despois do “tradicional” e solemne apagado do alumeado en Vigo, chegou ese temido momento no que os escaparates e as nosas caixas de correo se tinguen de rosa e todo nos lembra que somos despoxos humanos ou as persoas máis afortunadas do mundo, segundo se mire. Si, amiguiña, non hai recuncho no planeta no que te poidas agochar porque San Valentín te atopará e, como cada ano, vén acompañado dun exército de cupidos, flores, corazóns e nubes de azucre, a quintaesencia das armas de destrución masiva.


Así nos sentimos en Disquecool cando nos felicitan por San Valentín

Pero que non desespere o teu corazón hater porque temos unha proposta que che pode interesar. Se o que buscas é vinganza, ben sexa contra as sucias tradicións imperialistas como San Valentín, un ex, José Luis Moreno (así de raro é o fluír da conciencia) ou o profesor de matemáticas co que era imposible, pero IMPOSIBLE, aprobar, senta e desfruta porque chegou o teu momento. O Centro de Conservación Hemsley, no condado de Kent (Reino Unido), puxo en marcha unha campaña para que poidas pór o nome da persoa que máis rabia che dea a unha cascuda, o máis aborrecido dos insectos. E todo isto polo módico prezo de 1,50 libras (1,69 euros pero, tal e como vai o tema do Brexit, seguro que pronto será bastante menos).

A iniciativa, bautizada como Ponlle nome a unha cascuda por San Valentín, púxose en marcha o 11 e xaneiro e vai dirixida ás persoas que buscan vingarse do seu ex dun xeito simbólico e nunha data tan sinalada para o (des)amor como é o 14 de febreiro. Tamén se pode ofrecer como agasallo para unha amiga ou amigo co corazón roto que non se atreve a dar o paso. Ademais, os cartos recadados servirán para financiar os proxectos de conservación da fauna do zoolóxico Hemsley. Todo vantaxes!

As cascudas temos dereito a decidir como nos chamamos. A min que me poñan Rosalía!

O mellor é que, aínda que a iniciativa está orientada principalmente ás exparellas, tamén se pode pór o nome dunha persoa á que odias por outros motivos (ao final o que conta é encher a caixa). Tendo isto en conta, podería darse a circunstancia de que a un dos bichos lle poñan Valentín ou Cupido? Abofé que si. Pero o máis probable é que neste zoo británico acaben cunha armada de Camillas, Meghans e Williams rastreiros. Todo por facer a gracia…

O certo é que, sen ser moi amigas das cascudas por razóns obvias, estes pobres animais dannos un pouco de mágoa porque terán que cargar coas malas vibracións de seres escuros que fixeron máis difícil a vida dos demais. En calquera caso, esperemos que se produza a catarse e esta iniciativa sirva para airear un pouco as emocións negativas, que nunca vén mal.

A nosa deusa Paquita sabe vingarse con moita arte e non precisa pórlle nome a ningunha cascuda

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *