Os aguacates son xa demasiado 2018 (ou ata demasiado 2017)

Lembrades cando os millennials estabamos acabando co mundo enteiro mentres comiamos tostas de aguacate? Pois novas noticias! Os millennials seguimos matando industrias nos titulares (aínda que menos, que agora os asasinos son a Xeración Z) pero xa non o faremos comendo aguacate. O aguacate é xa demasiado 2018 ou ata se me apuras demasiado 2017. Vamos, que o aguacate xa chegou, triunfou e comeza a pasar de moda. É o equivalente á redución de Pedro Ximénez para 2019.

Esta impactante conclusión non a sacamos nós da nosa chistera máxica senón que é o que comezan a temer os inversores en bolsa e os analistas de futuros e similares. As cartas dos restaurantes seguen poñendo aguacate aínda en nivel burbulla do entusiasmo, pero os inversores de bolsa xa están vendo como cambian as cousas. Os datos económicos xa están dando pistas tamén do cambio. Como lembran en FastCompany, Costa Group –un xigante da agricultura australiano– pasou de dicir o ano pasado que os aguacates eran o nicho que medraba máis rápido a asumir que non vai cumprir cos obxectivos que prometera aos accionistas para este ano fiscal pola caída da demanda de tomates, froitos do bosque e… aguacates.

O The Wall Street Journal xa lle dedicou unha breve análise a esta tormenta inversora no que a aguacates toca. O Costa Group mencionado acaba de caer en bolsa un 36% e outra compañía agrícola californiana (Calavo Growers) fixo o mesmo un mes atrás. A súa caída non foi tan terrible (só un 12% de valor) pero a causa era a mesma. Caeu en bolsa porque tivo perdas inesperadas no trimestre por culpa da caída dos prezos dos aguacates.

O que todos estes datos de bolsa e finanzas veñen a dicir é que o aguacate pasou de ser un obxecto de desexo, unha comida de moda, pola que se estaba disposto a pagar e pola que había unha boa demanda a ser un elemento máis do común da oferta que atopas na sección dos vexetais. Hai de feito quen non cre que os aguacates vaian a desaparecer das cartas e do consumo, senón que simplemente a febre tocou teito e que agora todo está normalizándose no que toca ao consumo de aguacates. Despois da tolemia polo aguacate (apertura de restaurante no hipster Brooklyn que só ofrecía pratos con aguacates incluída), simplemente tería chegado a calma.

Unha calma, por certo, na que a caída da moda e do fervor fará que os podas mercar máis baratos no supermercado.

Foto | mali maeder/Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *