Os cambios culturais e sociais que chegan en 2019

Vale, si, o titular deste artigo parece o dunha disertación ultraacadémica, pero en realidade non o é tanto. Con cada cambio de ano, Pinterest fai un estudo sobre as cousas que están emerxendo na súa plataforma e sobre o que os seus usuarios están buscando máis entre os pins que se están compartindo. Os resultados (aínda que parten dun certo desequilibrio demográfico, xa que Pinterest ten unha porcentaxe máis elevada de usuarios de Estados Unidos) axudan a percibir cales serán as modas e as tendencias que marcarán a axenda nos seguintes meses.

Son unha guía para comprender dende que comeremos ata como viaxaremos. Son, en definitiva, unha predición dos cambios culturais e sociais que chegan no novo ano.

A lista é curiosa e moi completa. Pinterest selecciona unha centena de búsquedas emerxentes en diferentes áreas, das que nós escollemos algunhas das máis destacadas.

Así, durante o ano asentarase unha tendencia que xa estivo empezando a notarse durante os últimos tempos. A moda, o cool, será viaxar a vilas, a pequenas cidades. As búsquedas relacionadas con este tipo de viaxes subiron nun 276% e os viaxeiros buscan agora destinos que sexan diferentes e prefiren o encanto dos “hotelitos“. Como engaden ademais en FastCompany, analizando este punto, o comportamento dos viaxeiros xa chamou a atención dos responsables das cadeas hoteleiras estadounidenses, que están nunha carreira por atopar o novo Portland (a nova cidade pequena e fóra dos circuítos turísticos tradicionais que se poña de moda) e abrindo hoteis con encanto en cidades de menor tamaño.

En viaxes tamén estarán de moda as viaxes sorpresa, as que teñen un impacto cero no entorno, ir en autobús, as que van a castelos en ruínas en lugar de palacios moi ben conservados ou as que son en bicicleta (que iso, imaxinade aquí o emoji con gafas de sol, xa o faciamos en Disquecool anos atrás).  Tamén comeza a ser moito máis mainstream a idea de viaxar no outono. As búsquedas de viaxes nesa estación subiron nun 94%.

Pinterest tamén ten moitos datos sobre o tema que é máis top de todos os que aparecen nos seus contidos, os das vodas. Os casamentos son unha das prácticas sociais que máis cambiaron nas últimas décadas e as novas modas tamén insistirán nunha nova maneira de afrontar o casamento. Por exemplo, a gran tendencia non é a xigantesca voda senón máis ben as festas no patio traseiro da casa que son “cozy” e teñen custos reducidos. As búsquedas relacionadas con esta temática medraron nun 441%. As noivas non irán tampouco vestidas de branco: a tendencia emerxente é vestir de dourado (+1.552%).

As vodas non serán as únicas celebracións que cambiarán. Os datos de Pinterest tamén descubren novos tipos de festas que ou ben son emerxentes ou ben están sendo inventadas nestes momentos e implantándose na sociedade. Sobre as primeiras, a tendencia está cada vez máis cara as pequenas celebracións. O boom (+113%) é o dos pícnics ou das escapadas breves. Tamén hai cambios en festas ou celebracións tradicionais. Os photobomb, que foron o máis uns anos atrás, agora son mellorados… con bombas de fume!!! (+436%). (Cando imos organizar un deses? Cando?)

Sobre as segundas (e aínda que non teño moi claro como pode funcionar isto nunha cada vez máis secularizada Europa), está aparecendo unha nova celebración, a do “descubrimento dos padriños” (+152%). Igual que esas delirantes festas que permiten aos familiares e amigos descubrir o xénero do bebé que espera alguén (e que eu afortunadamente só vin polo de agora nos medios estadounidenses), agora aparecen celebracións similares para desvelar quen son os afortunados escollidos como futuro padriño e futura madriña.

Por suposto, as búsquedas de Pinterest tamén mostra tendencias noutras áreas, como o wellness, onde os próximos grandes produtos milagre serán os froitos do sabugueiro e o bakuchiol (o retinol natural, disque, e basicamente un tratamento antiengurras), ou na moda, na que se levarán (non!) os pantalóns de ciclista en moda feminina, as zapatillas como elemento destacado (os statement sneakers, din en inglés: son como o bolso antes, o que mercas como elemento que marca o look) ou a volta da pana nos homes. Tamén aumentan as búsquedas de hábitos saudables (+475%), as de “ideas secas” (basicamente, cócteles e bebidas non alcólicas e citas inspiracionais para non beber alcol, +746%) ou as de xenxibre natural (659%).

En decoración e vida no fogar, Pinterest deixa claro que nos imos obsesionar coas piscinas naturais (+262%), co papel pintado (+401%), coa decoración en paredes de motivos xeométricos (225%), coas cousas de estaño (+563%), cos cactos pero de modo creativo (+235%) ou coas paredes que acollen xardíns verticais (287%). Tamén haberá unha tendencia a pintar os chans de parqué con cores atrevidas e decoración en forma de mosaico (1276%).

Imaxes Pinterest

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *