Canelés, o novo doce de moda que chega de Bordeos

caneles

A verdade é que esperei ata o derradeiro día. Unha parte moi importante dos rituais de viaxar é a de comer a cousa típica do lugar. Eu estaba en febreiro en Bordeos e sabía que o máis típico eran uns doces, os canelés. Si, sei que é sorprendente que non fose en peregrinación o primeiro día facerme cun pastel, pero o certo é que cando os vin déronme un tanto de preguiza. Tiñan un aspecto a pasteis de sempre que non os facía moi sedutores e temín que me pasase o mesmo que con algún doce de convento degustado en anos pasados: que o primeiro bocado fose unha decepción.

Grazas á miña Lonely Planet, descubrín que hai dúas cadeas de pastelerías locais que compiten polo mercado dos canelés. Unha é a máis cara e fancy. A outra a máis barata e populachera. Todos saben igual, confirma a guía, e nese derradeiro momento de viaxe eu fun mercar o meu canalé a unha das delegacións da segunda.

Comino na rúa, despois de facerlle unha foto cutre que mandei por WhatsApp. Sabía a algo alcohólico e moi como a pastel doutra época, pero deses que son un pouco pasados de moda. Estivo ben comelo porque sempre me fai feliz tachar ese tipo de cousas da lista de cousas cumpridas, pero tampouco me pareceu un pastel para peregrinar por el. Imaxinade a miña sorpresa descubrindo que os canelés son o último hit do momento.

Sabía a algo alcohólico e moi como a pastel doutra época, pero deses que son un pouco pasados de moda

«A próxima sobremesa que se porá de moda, o canelé», tuiteaba o chef de El Celler de Matadepera xa no mes de abril. Un par de meses despois,  El País xa sacaba unha reportaxe partindo dese tuit na súa sección de gastronomía, falando de como estaban empezando xa a aparecer nos sitios trendy repartidos por España. En Madrid, levan uns anos véndenos en Santo Bakehouse e Santa Eulalia Patisserie, contan, e tamén está nos menús degustación de restaurantes de luxo en Xaén e Barcelona.

E eu tropecei con eles facendo scroll en Instagram, nun par de fotografías moi estilosas de La Manière, unha cafetería en Vigo.

Están os canelés saíndo de Bordeos para o mundo? O certo é que a emerxencia da tendencia non é exactamente tan nova, porque xa ao longo de toda a década dos 10 en EE. UU. os medios online foron publicando algún que outro artigo sobre estes doces como unha potencial promesa de novo elemento de moda. E, se cadra, o seu momento da conquista global ía ser 2020, se a pandemia non pillara polo medio. En febreiro dese ano, o Financial Times sacaba un artigo falando deles como o doce francés que se fixo «global». En Xapón, contaban, xa se estaban facendo variacións con matcha (ese sabor de moda de principios desta década) e nos Estados Unidos xa había obradoiros de só canelés.

Se cadra axuda o seu aspecto, con forma de coroa (fanos en moldes especiais). Se cadra é porque todo o francés nos tende a parecer gourmet e fascina. Xema de ovo, leite, azucre, manteiga, vainilla e ron: iso é o que leva a receita. Facelos leva, iso si, días.

 

Foto | Geraud Pfeiffer/Pexels

Shares