Numaru, comida coreana en Santiago de Compostela

Pode que todo o mundo (e os seus coñecidos) soubese que en Santiago hai un restaurante coreano. Eu non o sabía e o meu é aínda máis doloroso se temos en conta que o restaurante coreano de Santiago está en Santa Marta, no meu barrio, rúa arriba rúa abaixo. Na miña defensa vaia que está nunha desas rúas polas que non pasas nunca (Mestre Mateo) e que a miña nai (a miña informante no que a novidades santamartiles se refire) tampouco sabía que existía. O resto do mundo e o resto dos modernos, como vos dicía, si que estaban no secreto.

Numaru abriu alá polo 2017 en Santiago de Compostela e é, se as miñas pesquisas na rede non fallan, o único restaurante coreano que hai agora mesmo en Galicia. Si, os thai están vivindo un momento de gloria agora mesmo, similar aos que tiveron uns anos atrás os xaponeses. E si, tamén estamos nese momento de boom da comida ‘asiática’, así ao grande e forma ampla. Numaru ten só comida coreana e comida coreana de verdade.

O seu propietario é un restaurador coreano que se decatou de que non había ningún restaurante coreano en Santiago tras facer tres veces o Camiño de Santiago (isto seino gracias ao blog de Manuel Gago).

Tendo en conta que o Camiño e Santiago está en momento de hype en Corea (isto seino grazas a un mix de noticias de El Correo e La Voz nos últimos meses), podo entender que vise o filón potencial. O certo sen embargo é que o nicho de mercado que parece estar cubrindo (e isto é a conclusión da miña observación directa) é os dos foodies santiagueses.

Éxito debe ter porque as dúas veces que fun estaba a rebentar de xente. A primeira foi un venres ao mediodía, cando me plantei como unha ilusa baixo a idea de que un venres ao mediodía e nun lugar tan pouco friendly para o tráfico de peóns esperando comer. Estaba cheo e os comensais que estaban rematando ían deixar espazo para novas reservas.

A segunda vez que fun foi ao sábado seguinte, despois de reservar para o único momento no que quedaba un oco libre.

A carta conta cunha oferta limitada de pratos (non é, quero dicir, unha desas cartas cunha colección abrumadora de entrantes e similares) pero que permiten descubrir a comida coreana. Se é a vosa primeira vez, pedide consello e preguntade como comer ao camareiro. Todo o mundo ao voso arredor parecerá nivel C2 de comida coreana, pero non vos sintades fóra de lugar se estades no A1 que o camareiro resolve todas as dúbidas.

Numaru está Mestre Mateo, 23. Reservade antes de ir!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *